HENKO. A mirada de Miguel Díaz


HENKO

Miguel Díaz

Título: SALTAMOS

O salto, imprescindible. Para vencer os muros que ergue o medo. Para fuxir da mediocridade que supura deste odio vixente.

O salto, inevitable. Para brincar entre a inconsciencia, o desvarío, a barbarie naturalizada.

O salto, necesario. Para respirar entre a violencia que nos cospen, para esquivar os trapos que nos impoñen.

Agardamos onde houbo fiestra. Cuestionamos para a medra, sentimos para que resista o alento que nos queda.  Amamos para que teña sentido o latexo entre a tormenta. Saltamos, saltamos sempre, aínda, na procura da beleza.

Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria. 2025

PROGRAMA

Polavila DoCampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, por volta do 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.

Este ano ten lugar a segunda edición, que se vai celebrar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, na cidade de Lugo.

Programa previsto é o seguinte:
– 19:00-19:15 horas. Apertura da Polavila nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 19:15-19:45 horas: Lectura pública e continuada de textos de Xabier P. DoCampo, en especial da novela A nena do abrigo de astracán, a cargo das súas amizades, nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila DoCampo 2025, no salón de actos da Deputación de Lugo.
Conducida por Lois Pérez e Antonio Reigosa.
Contará coa presenza de Pepe Coira e Paco Martín.
Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Beatriz Dourado, Marica Campo e Xosé Miranda.
Rematará a gala cunha rolda de contos de Ana CarreiraCelso Sanmartín e Benxamín Otero.
A música correrá a cargo da cantora Xiana Lastra, acompañada doutra integrante d’A banda da Loba e Benxamín Otero.

Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e ProLingua.

Andanzas do Suso de Lameliña. CON GENARÍN EN LEÓN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

CON GENARÍN EN LEÓN

Achégase a Semana Santa e, como cada ano, “Genarín”, de novo, volverá desfilar polas rúas de León, para que celebremos máis có cabodano da súa morte a súa vida de bohemia e o seu amor polo “orujo”. Será unha noite de xoves a venres de xolda, parodia e poesía satírica en homenaxe á vida e milagros do apóstolo da snoites perdidas. Porén, a miña historia con el non tivo lugar nestas místicas e austeras datas senón nun ardente agosto, e xa sabemos como as gasta o astro sol neste mes na cidade do Bernesga.

No camiño a Segovia na compaña duns amigos, decidimos facer unha parada en León. E abofé que resultou longa e fructífera. É o que ten o “Barrio Húmedo”. Hai que ser de pedra para non caer vítima dos seus encantos. E nós por suposto, que de pedra non tiñamos nada e menos naqueles anos de eterna xuventude, deixámonos levar, sen reparo algún, polas tentacións húmidas. O caso é que entre risas, cuncas de viño e, como non, o prezado “orujo”, as horas foron fuxindo sen decatarnos. Ao final, coa noite como única testemuña, atopeime só, vagando polo corazón da cidade, onde as sombras parecían contarme historias de xentes e tempos esquecidos.

Foi así como sentín o espíritu de “Genarín”, ou iso crin daquela. Alí estaba coa botella de licor sagrado ofrecéndome un grolo. Non fun desconsiderado e acepteillo, malia ter saciado abondo a sede nas horas anteriores. E, ao pé da muralla, baixo as tenues luces da cidade co seu halo de misterio, sentín revivir vellas historias e lendas mentres o líquido ardente baixaba pola gorxa. As palabras de “Genarín” resultáronme fermosos versos dunha poesía única que só podían saír dos beizos dun ser como “Genarín”, que tivo o privilexio de morrer baixo as rodas do primeiro camión de lixo de León. 

A mañá seguinte escoitei que alguén me chamaba polo meu nome. Eran os meus amigos e eu atopábame ao borde da muralla durmindo a carón dun mendigo e dunha botella baleira.

Ao día seguinte, xa na capitol do acueducto, e un pouco máis sereno, escribín este poema:


O ENTERRO DE GENARÍN

Achégase, Xoves Santo,

a Genarín hai que honrar,

home de vida bohemia,

amante da boa vida,

bebedor e mullereiro.

Que desgraza aquela noite,

en plena Semana Santa,

cando o camión do lixo,

ao mesmo pé da muralla,

contigo foi a bater,

mentres “orujo” mexabas.

De nada valeu a axuda

que A Moncha che procurou,

alí a alma entregaches

a Deus Todo Poderoso.

Agora, xa santo es,

venerado con fervor,

neste León do Bernesga,

que entre o Xoves e o Venres,

de cada Semana Santa

o teu enterro celebra.

A Cuba, A Morte e mais Moncha,

xunto aos catro Evanxelistas,

en procesión te acompañan

polas rúas de León.

O remate, a infausta torre,

onde a cruel “Bonifacia”

a vida che arrebatou.

Por ofrenda, pan e queixo,

laranxas e mais “orujo”,

de loureiro, unha coroa.

Achégase Xoves Santo,

a Genarín hai que honrar;

borrachín e putañeiro,

do tute, gran amador,

noso respecto merece.

Con versos e con “orujo”

o noso amor mostraremos

por Noso Pai Genarín.

Reseña da asemblea xeral ordinaria e extraordinaria do IESCHA

A ASEMBLEA XERAL DO IESCHA ELIXE A NOVA XUNTA DIRECTIVA E APROBA A MEMORIA-24, O PLANO DE ACTIVIDADES-25, O BALANCE ECONÓMICO-24 E O ORZAMENTO-25

Na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada este xoves, 27 de marzo de 2025, aprobáronse por unanimidade das persoas asistentes: a memoria de actividades do ano 2024, así como o plano de actividades previsto para o exercicio 2025. Do mesmo xeito, recibiron o respaldo dos asistentes o balance económico correspondente ao pasado ano e o orzamento para o presente exercicio.

Na Asemblea Extraordinaria, que se levou a cabo a continuación, procedeuse á elección da nova Xunta Directiva. A candidatura presentada formada por

CARGONOME E APELIDOS
PRESIDENTAMª Luisa Barreiro Mejuto
VICEPRESIDENTASabela Figueira Tenreiro
SECRETARIOArturo Gómez Mato
VICESECRETARIOXosé M. Felpeto Enríquez
TESOUREIROManuel Castro Santamariña
VOGALManuel Roca Cendán
VOGALConstantino Alvite Muinelo
VOGALJesús Trastoy Saavedra
VOGALAlfonso Baamonde Fernández
VOGALRebeca Leal Eimil
VOGALIria Currás Gato


foi respaldada por aclamación das persoas asistentes, reflectindo o consenso e apoio das socias e socios ao equipo que dirixirá a entidade nos próximos catro anos.

A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, en nome da nova Xunta Directiva, agradeceu a confianza depositada e comprometeuse a traballar na consolidación dos proxectos en marcha, así como na implementación de novas iniciativas que permitan fortalecer a actividade da organización, expresando o firme compromiso de continuar traballando polo fortalecemento e a difusión da cultura chairega, en particular, e galega, en xeral, mantendo o espírito de colaboración e esforzo que caracterizou ao Iescha durante estes 25 anos de existencia, cuxa conmemoración estará tamén presente no plano de actividades aprobado.

Palestra sobre Palestina a cargo de Victorino Pérez Prieto na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a palestra PALESTINA, UM CONFLITO. UM POVO QUE RESISTE, a cargo de VICTORINO PÉREZ PRIETO, profesor, escritor teólogo e pensador.Presenta: Marisa Barreiro.

O acto levarase a cabo o venres 4 de abril de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

Velaí tamén adianto da programación do MES DE ABRIL

NOTA-INFORMATIVA-VICTORINO-PEREZ