
Joseph Keckler, definido por The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, actúa por primeira vez en España mañá, martes 15, da man do Sinsal Primavera
- O concerto terá lugar a partir das 20.30h no Salón de Actos do MARCO e as entradas están dispoñibles, desde 12 €, na web de Sinsal
- As seguintes citas terán lugar na Sala Radar o mércores 30 de abril e o sábado 3 de maio, cos directos da banda británica Chemtrails e dos belgas Bombataz
Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, inicia este martes, 15 de abril, a súa nova edición. Desta volta, serán tres directos singulares, liberados de prexuízos de xéneros e que ademais, suporán a estrea destes proxectos musicais en España.
O responsable de inaugurar o ciclo este martes 15 de abril será o estadounidense Joseph Keckler, artista coñecido pola súa voz conmovedora e a súa prosa vívida, que chegará directamente a Vigo logo de actuar nun dos festivais máis especiais de Europa: o Tremor (Azores, Portugal). Sinalado polo diario The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, Keckler sorprenderá ao público coa súa presenza magnética e o seu espírito provocativo que desafían calquera forma de expresión.

A proposta musical de Joseph Keckler non atende a unha única categorización pola súa voz operística en constante metamorfose e a súa presenza magnética que atrapa durante o directo. As súas actuacións oscilan entre a comedia, o comentario e a comuñón. O estadounidense desprázase con sutileza entre baladas asombrosas, grooves inquietantes e arias ambiguamente autobiográficas nas que aborda cuestións da vida cotiá para afastarse e transformalas en absurdas e conmovedoras viaxes ao inframundo.
Sinsal Primavera, promovido por Sinsalaudio -promotora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón- co apoio principal do consistorio vigués, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. Con esta intención, e da man do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (sede habitual do evento) e da Sala Radar, Sinsal Primavera agroma cada ano coma unha rara avis no panorama galego, á fin de sorprender ás adeptas e aos adeptos a descubrir novos proxectos creativos.
A seguinte cita será o mércores 30 de abril na Sala Radar co garage-punk e power pop da banda inglesa Chemtrails; e os belgas Bombataz porán o ramo o 3 de maio co seu jazz contemporáneo no mesmo recinto. As entradas para as citas do Sinsal Primavera están á venda na web de Sinsal a través da plataforma Enterticket, cun prezo especial para quen faga a compra anticipada; pois no despacho de billetes serán máis caras.
CONCERTO SINSAL PRIMAVERA
JOSEPH KECKLER (Estados Unidos) 15.04.2025, 20.30h | MARCO. Salón de actos
Entradas á venda en Enterticket (12€+gastos)
Vídeo: https://youtu.be/G9QlhtGMFfw?si=W8rT0NpPb4qWQhUZ