Ana Crismán encabeza o XII Noia Harp Fest, que contará no seu cartel con Rebecca Hill e D’Súpeto, entre outras figuras
A xerezana regresa a Noia após a súa participación no 2021, agora xa consolidada como a intérprete de arpa flamenca máis destacada do momento Rebecca Hill visitará por vez primeira España para presentar o seu álbum ‘Thawcrook’ acompañada do violinista Charlie Stewart A nova banda D’Súpeto, liderado polo arpista José Álvarez, é o primeiro nome da escena galega que se dá a coñecer no marco dun festival que aposta por achegar, cada ano, múltiples estilos musicais
Unha das figuras máis relevantes da arpa a nivel mundial actuará este verán, de balde, en Galicia. A andaluza Ana Crismán, a máis destacada intérprete de flamenco do instrumento, encabezará o cartel da duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que terá lugar do 30 de xullo ao 2 de agosto. A artista regresará ao Noia Harp Fest (NHF) após a súa visita no 2021, mais esta vez xa consolidada como a “mestra da arpa flamenca”. Sen dúbida, o seu concerto será un dos grandes reclamos do evento e das citas musicais do verán galego.
Alén de Ana Crismán, unha das figuras máis salientables da escena musical escocesa actuará por primeira vez en España no marco do Noia Harp Fest. Trátase de Rebecca Hill, quen presentará o seu álbum Thawcrook acompañada do violinista Charlie Stewart. A parella experimenta sobre a tradición con técnicas de composición contemporáneas, xerando temas hipnóticos e con grandes dotes de improvisación nos seus arranxos. Será unha das citas imprescindibles do festival este ano tanto para as amantes da música folk como para aquelas interesadas na súa renovación.
Ademais, a escena galega terá, como é habitual, unha presenza relevante no único festival dedicado a este instrumento en todo o noroeste peninsular. O primeiro nome que se dá a coñecer do talento do país é o da formación D’Súpeto, cuxa presentación oficial terá lugar, precisamente, no marco do Noia Harp Fest. O novo cuarteto lidérao o monfortino José Álvarez (arpa, mandolina e laúde), acompañado por grandes músicos galegos, como é o caso do sadense Tonecho Castelos (violín), e dos coruñeses Diego Barral (guitarra acústica) e Martín Marticonera (frauta de bico, frutas traveseiras e ocarinas). A banda actuará en Noia para dar a coñecer o seu singular proxecto musical, que alterna pezas de carácter tradicional con outras de composición propia.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña. Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes.
Así, o fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.
Outro dos grandes atractivos do festival é a organización do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra, e nesta terceira edición recibiu propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia. Desta volta a creación gañadora resultou ser Cuatro historias gallegas, do compositor e guitarrista arxentino Federico Beilinson. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da obra da man do NHF.
Primeiros nomes do XII Noia Harp Fest
D’Súpeto | 31 de xullo Rebecca Hill & Charlie Stewart | 1 de agosto Ana Crismán | 2 de agosto
Paula Quintas estrea a súa última obra, Aurora Boreal, no Teatro Principal de Santiago, para conmemorar os dez anos da compañía
Será o mércores 30 de abril ás 20:30h. Entradas por dez euros dentro do ciclo Compostela Cultura.
A peza plasma unha reflexión sobre a fugacidade da vida e a forza vital.
Paula Quintas presenta o vindeiro mércores 30 de abril ás 20:30h no Teatro Principal de Santiago Aurora Boreal, a súa última creación, coa que celebra os dez anos da súa compañía. As entradas están á venda por dez euros a través de Compostela Cultura.
A peza de danza contemporánea convida á contemplación e á reflexión sobre a fugacidade da vida e a súa conxelación fronte a unha sociedade de consumo fugaz. A obra crea un espazo onde o movemento e a atmósfera se entrelazan para ofrecer ao público unha experiencia sensorial e poética.
Cunha estética nórdica e unha forte inspiración nas luminosidades fugaces das xeografías do norte, Aurora Boreal explora tamén a velocidade e a serenidade do efémero. As luces que iluminan o escenario imitan a intensidade das auroras boreais, un fenómeno que só se manifesta en determinados momentos do ano e que, ao ser tan breve, deixa unha sensación de serenidade que se esfuma rapidamente. Este é un convite a experimentar a beleza do tránsito da vida e da natureza. Un espazo para a reflexión, a paciencia e a admiración por aquilo que é breve pero significativo.
FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA
Aurora Boreal é un proxecto apoiado pola Agadic a través das axudas á creación.
Dirección: Rut Balbís.
Asesoria de movemento: Tanit Cobas.
Interpretación: Paula Quintas.
Vestiario: Jandro Villa.
Iluminación: Octavio Mas.
Composición musical: Macarena Montesinos e Nacho Muñoz.
Composición audiovisual: Carla Andrade.
Asesoría artística: Manu Lago- Galicia Danza Contemporánea.
Colaboradores: Concello de Carballo, Teatro Ensalle, A casa Vella, Ifgae, Fundación Granell, Paso a dos, Concello da Estrada, LaboGo Donosti, Centro coreográfico Galego, Arturo Cobas, Xacobo Torres, Javier Quintana.
SOBRE PAULA QUINTAS
PAULA QUINTAS (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural cunha sólida traxectoria nacional e internacional. Dirixe Paula Quintas-Cía, compañía con máis dunha década de creación escénica onde hibrida danza e circo. A súa obra destaca pola investigación corporal, a estética do risco e a creación de experiencias escénicas únicas.
É directora artística do Festival 6 Coreógrafas e directora adxunta do Abanea Festival. Vicepresidenta da entidade española de espazos non convencionais RedAcieloabierto, é vogal da Asociación de Compañías de Danza Emprendo Danza, ocupou a vogalía de Danza e artes do movemento en Escena Galega (2020-2024) e participa activamente no impulso do sector profesional.
Licenciada en Historia da Arte e graduada en danza e circo por Trinity Laban e o National Centre for Circus Arts, é doutoranda na Universidade de Vigo. Especialista en Técnica Laban, combina a creación co ensino na escola Danza Alfaia, ubicada en Santiago de Compostela.
POR SORPRESA, SEN FRASES REPETIDAS NIN RETROUSO E REFLEXIONANDO SOBRE A INDUSTRIA MUSICAL ACTUAL, ASÍ É O NOVO SINXELO DE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta volta con forza cun novo e sorpresivo sinxelo. Sen anuncios estridentes e promoción, o rapeiro publica 100 Frases, un novo tema no que critica a situación da industria musical máis mainstream, e no que non conta con retrousos nin versos repetidos. Facendo propio o título, a canción componse de 100 frases, nun exercicio do rapeiro por estimular a súa versatilidade e destreza na escritura.
Nun beat creado por Peter Petrowski, o seu produtor durante esta etapa musical, afastado deses sons máis clásicos de rap que caracterizaron o comezo da súa andaina, Hugo mergúllase para reflexionar nas moitas cousas que están mal hoxe en día nunha industria que, segundo o rapeiro, antepón a promoción antes que a propia música. O tema, ademais conta con este novo selo persoal do proxecto, que son as guitarras de Arón Ferreiro (AROI). Xuntos buscan facer música e nada máis que iso. Traballar por publicar a súa música porque lles gusta, non por fama ou recoñecemento.
Este novo tema, xunto co lanzamento do EP de versión acústicas que publicou fai escasas semanas, supón a constatación do bo facer do rapeiro, que está experimentando un desenvolvemento expoñencial do seu proxecto. Tras encher tres das primeiras datas de presentación do seu novo disco, Hugo está inmerso na súa xira de 2025. As próximas datas para poder ver ao rapeiro en directo serán o 17 de maio en Ferrol (Centro Social Artábria), 6 de xuño en Redondela (Festival Millo Verde), entre o 5 e o 6 de setembro en Salvaterra do Miño (Festival da Poeasía no Condado) e entre o 11 e o 14 de setembro en Vilaxoán (Festival Revenidas).
XIRA O NOSO TEMPO
17/05 · Centro Social Artábria · Ferrol
06/06 · Millo Verde · Redondela
05-06/09 · Festival da Poesía no Condado · Salvaterra do Miño
11-14/09 · Revenidas · Vilaxoán
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.
As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.
O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempo acumula centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses publicado, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.
Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco en Mos, A Coruña e Santiago de Compostela, con dous dos tres concertos esgotando entradas, Hugo emprende a súa xira de 2025, onde deixará constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo ás salas e festivais. Sen dúbidas, Hugo Guezeta é e será un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.