Exposición UNIVERSO VIZOSO na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a EXPOSICIÓN “UNIVERSO VIZOSO, promovida e financiada pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, da Rede Museística Provincial e de Arraianos Producións, e conformada por carteis e ilustracións da autoría do artista mindoniense XOSÉ VIZOSO, recentemente falecido.

A inauguración terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o martes 8 de abril de 2025, ás 11:30 horas, e contará coa visita guiada da mostra a cargo de ASER ÁLVAREZ, comisario da exposición. Permanecerá aberta ao público ata o 7 de maio de 2025.

NOTA-INFORMATIVA-EXPO-VIZOSO

Fillas de Cassandra publica ‘arderse’ coa colaboración de Caamaño&Ameixeiras

  • arderse é o terceiro dos catro fascículos do EP Hibernarse, epicentro do novo proxecto multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo
  • Hibernarse é o resultado dun proceso de traballo fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro, logo de dous anos de crecemento como grupo e de maduración persoal e discursiva
  • Neste sinxelo, Fillas de Cassandra convida a buscar un espazo de calma “nun mundo que impón a velocidade e a produtividade como valores supremos”


Ata que punto estamos a vivir a nosa propia vida ou simplemente seguindo os reloxos dos demais?  Velaquí o lugar do que parte arderse, o último sinxelo de FIllas de Cassandra. O terceiro fascículo do seu novo EP, Hibernarse, conta desta volta coa colaboración doutro dúo galego: Caamaño&AmeixeirasO tema xa está dispoñible, desde hoxe, en todas as plataformas dixitais.

A construción social do tempo segue a ser o eixe central sobre o que xira Hibernarse, o novo proxecto multiformato de Fillas de Cassandra. Se no primeiro fascículo o tema homónimo criticaba a falta de pausa necesaria para o desenvolvemento creativo e, no segundo, a fragmentación do tempo a causa da guerra, nesta peza as viguesas tratan a imposición social de “vivir cada instante coma se fose o último” e cuestionan a alienación provocada a partir dos ritmos marcados polo sistema e a “falsa” produtividade, no lugar de gozar “dunha percepción máis libre e propia do paso do tempo”. 

Así, versos como “Nos vosos reloxos non me podo ver” ou “Nun pulso co pulso, quen tería gañado?” poñen de manifesto a desconexión entre a vivencia persoal do tempo e os marcos estritos que a sociedade establece. Ao fío, Fillas de Cassandra emprega os conceptos do lume e da combustión para subliñar esa tensión. Neste sentido, a sentenza ”Árdeme o eixo, árdeme o carro, arde o que fun, o que son, o pasado” apunta á necesidade de romper coas imposicións temporais “para recuperar un tempo propio, o tempo vivido e como queremos vivir o tempo que nos queda.” 

A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, e que propón unha constante sensación de fuxida cara a adiante a través dos bucles melódicos, conta coa colaboración de Caamaño&Ameixeiras, con quen constrúen unha paisaxe sonora en constante transformación. Diferentes ambientes e escenarios musicais sucédense inexorablemente e dialogan entre si.

O violín de Antía Ameixeiras, fráxil e etéreo nun inicio, convértese en ritmo, percusión e pandeireta, mentres o acordeón de Sabela Caamaño viaxa dende o preciosismo máis delicado ata sonoridades mecánicas que dialogan á perfección coa electrónica proposta por Fillas de Cassandra. Xuntas, xogan coas tímbricas tradicionais dos seus instrumentos acústicos, pero tamén as levan ao límite, combinando sons amables con outros máis ásperos e ferintes. 

Fortemente arraigadas á música de raíz, Caamaño&Ameixeiras achéganlle á canción terra e pouso; e a carón do dúo vigués crean un son que viaxa entre o íntimo e o visceral. Entre o incómodo e o pracenteiro. Entre o magnético e o salvaxe. Coma todo o que arde.

Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra

Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dá a coñecer cada sete días ata o xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poida descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.

Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais. 

Escoita arderse https://links.altafonte.com/arderse 

20250403-NP-GAL-arderse-de-Fillas-de-Cassandra-con-CaamanoAmeixeiras

Nace Fumega Fest, o festival que traerá ás mellores bandas de rock e metal alternativo de Europa a Galicia

O FESTIVAL TERÁ LUGAR NO PARQUE DO PASATEMPO DE BETANZOS O 4 E 5 DE XULLO

Comeza a andaina dun novo festival en Galicia. Cunha proposta moi diferente no musical aos festivais populares de hoxe en día, confórmase o novo festival de referencia para o público do rock e metal alternativo, o Fumega Fest. Este anuncio vén acompañado das datas de celebración do festival, que terá lugar entre os días 4 e 5 de xullo. Ubicado no histórico Parque do Pasatempo de Betanzos, declarado Ben de Interese Cultural, este novo evento acollerá a algunhas das mellores bandas de Europa de stoner, psych, space rock ou post metal, ocupando un espazo ata agora orfo en territorio galego e estatal. Os artistas e as entradas verán a luz nos próximos días, segundo avanza a organización.

Fumega Fest nace para ser unha referencia estatal nos festivais destes xéneros, que teñen unha grande acollida arredor de Europa ou mesmo de Portugal. Neste sentido, o festival mírase no espello de outros xa consolidados como o Roadburn, Desert Fest (con edicións en catro cidades europeas e en Nova York), Sonic Blast ou DunaJam coa intención de facerse un oco dentro do circuíto de festivais da música rock e metal alternativo en Europa.

Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como TanxugueirasCaamaño&Ameixeiras, VimbioSabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.