O BERRO DO SILENCIO
Por un motivo ou por outro, o que fora unha das súas grandes paixóns acabara por caer, sen remedio, no esquecemento. Quen antes enchera veladas con melodías, agora permanecía en silencio. As noites de esplendor semellaban pura utopia e o eco dos seus días de gloria esvaecíase na brétema do tempo. As obrigas cotiás e sobre todo o feitizo de novas afeccións, como a pintura e a escritura, fixeron do seu vello aliado algo ocioso, irrelevante. Agora, permanecía relegado nun recuncho do salón, atrapado na súa caixa e cuberto por unha fina capa de po.
Había momentos que sentía remordementos e, por un breve tempo, collíao nos brazos e conseguía sacarlle un sorriso. Mais, pronto se cansaba e devolvíao ao seu encerro, dunha maneira fría, case despectiva.
Hoxe, ao pasar ao seu carón, lembrouse de que había máis de dous meses que non lle prestaba atención . Achegouse a el e un suspiro ruidoso, entre rabia e deseseperación, pareceulle que saía do interior do estoxo, reclamando atención.
—Ah, estás aí! —exlamou, co corazón axitado polo que viña de escoitar.
—Levo aquí media vida —contestoulle desde dentro da súa gaiola— Pero iso a ti iso dache igual, verdade?
Ficou petrificado, sen saber que facer. O sentimento de culpa impedíalle reaccionar. O acordeón continuou:
—Lémbraste cando chegaches ao “Arco Iris” e me elixiches entre máis de media ducia que che amosou o dono? Eu non me esquezo, non, viñas cun colega meu, que deixaches alí para que eu che resultase máis económico. Agora pregúntome. Cando me tocará a min pasar por ese trance? Porque cada vez teño máis claro que me detestas. Ai, aqueles anos! Xa esqueciches os concertos con bailes baixo a luz ténue do solpor, que facían que me sentise vivo? Tempos felices aqueles, e non como agora, encerrado aquí, dia tras día, facéndose eternas as horas.
O dono baixou a cabeza, incomodo e avergonzado, dirixiuse cara a el. Abriu a caixa e tomouno en brazos. O acordeón seguiu a falar:
—Eramos inseparables, e os teus dedos atopaban as harmonías precisas nas miñas teclas, cada nota era unha confesión, un segredo. Ata que rematada a pandemia todo mudou. Un día deixaches de collerme e tras del viñeron outros e outros. O encanto, polo motivo que fose, esvaecérase. Foi quizais culpa miña, di? Ou hai outro motivo? Acaso xa non che sirvo?
Tentou responder e nun fino fío de voz, murmurou:
—Non é iso. Ti non tes culpa ningunha…, é a vida, os problemas.
—A vida! —exclamou o acordeón. Desculpas, só desculpas. Eu estiven sempre ao teu lado nos momentos de alegría pero tamén nos malos e así é como mo agradeces?
O silencio envolveu o salón. Abriu os foles e comezou a acariñarlle as teclas. Despois de moito tempo, o acordeón comezou a respirar compasadamente e as notas encheron de nostalxia e ledicia o salón. Esa noite as paredes volveron vibrar de novo, cun vals perdido, cun pasodobre agardado, cunha muiñeira sentida. Quizais aquel vello amor aínda non morrera de todo. Quizais só estaba esmorecido e a tempo de rexurdir.