O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo da a coñecer os espectáculos experimentais de pequeno formato seleccionados polo xurado como finalistas do Certame Micro-Escenas M2, que poderán verse este outubro na 35º edición do FIOT
Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (5 delas, estreas absolutas) son: wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas
O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experienciasescénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes
As propostas finalistas poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT35: a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell, a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit
Estas pezas finalistas do X Certame Micro-Escenas M2 recibirán unha compensación económica de 500 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso
A X edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT ten xa finalistas. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo deu hoxe a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados como finalistas do certame e que poderán verse este mes de outubro durante a celebración da 35º edición do FIOT.
Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (das cales, 5 serán estreas absolutas) son: wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas. Son propostas que transitan por disciplinas tan diversas como o clown, o teatro de obxectos, o teatro de máscaras, a danza, o teatro físico ou o de actor.
O xurado de profesionais das artes escénicas desta X edición do Certame Micro-Escenas M2 estivo integrado por Caterina Varela, artista, comisaria e xestora cultural, directora das Residencias Paraíso, do Colectivo RPM; Gustavo del Río, director, dramaturgo e xestor cultural; Alba Bermúdez, actriz e codirectora da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.
En palabras do xurado: “esta décima edición do Certame de Micro-Escenas M2 continúa reafirmando o seu compromiso coas artes vivas, coa investigación de novas linguaxes, coa exploración de novos formatos e co impulso de compañías e creadores emerxentes. É un laboratorio aberto para experimentar cos límites do teatro e expandir as súas formas”.
O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2026 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT35: a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell, a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit. A entrada é libre ata completar a capacidade de cada espazo. Dadas as limitacións de aforo, recoméndase facer unha reserva no enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com unha vez anunciado o programa do #FIOT35 o vindeiro mes de setembro.
Sen barreiras, sen distancias, sen rede. O teatro cara a cara. Próximo, fugaz, en estado puro. O Certame Micro-Escenas M2 é teatro que irrompe no cotián, instalándose en espazos de vida compartida… condensado a súa forza a metro cadrado. Unha experiencia íntima e envolvente que sitúa ao público a un paso da escena. Unha oportunidade para cruzar miradas, sentir a proximidade dos intérpretes, escoitar cada respiración, e descubrir xestos, sons e aromas que transforman o encontro teatral nunha vivencia distinta e intensa. Deste xeito, esta X edición do Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT continúa apoiando a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, ofertando un espazo no que poder experimentar sobre os límites do feito teatral.
A 6 pezas finalistas do certame neste 2026 recibirán unha compensación económica de 500 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso.




CALENDARIO REPRESENTACIÓNS X CERTAME MICRO-ESCENAS M2 NO #FIOT35
Sábado 10 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h
IVÁN DÁVILA
wOHrk
ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Conserxería do Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n – andar 0)
COMPAÑÍA HUMANA
A vinganza contra o Dr. Tirarrollas
ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Pastelaría Zuccaro (Gran Vía, 46)
Sábado 17 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h
LA TERCERA
Fogar
ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Xardín Rosalía de Castro (Parque do Anllóns)
CANDIL TEATRO
A casa do avó
ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Buy & Sell (rúa Estrela, 18)
Sábado 24 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h
ALICIA LÓPEZ MÉNDEZ
A vergonza era verde e comeuna a vaca
Lugar: Upa! (praza do Concello, Exterior 5 Mercado Municipal)
ATERRADAS
Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela
ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Sweet Spirit (rúa Valle-Inclán, 14)
UN CERTAME PIONEIRO EN GALICIA
O Certame Micro-Escenas M2 unha das súas principais liñas de programación do FIOT, que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade. Trátase do primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nacido ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.
As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, o certame ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
O pasado mes de maio, o FIOT abriu a inscrición da décima edición do certame, convidando ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…), prioritariamente en lingua galega, de entre 10 e 20 minutos, que se puidera poñer en escena, especificamente, nun espazo non convencional, cun máximo de 25 espectadores, no mes de outubro de 2026.
As propostas podían ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) tería en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Este seis pezas finalistas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á mellor interpretación e ao mellor espectáculo.
338 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN DEZ ANOS
Ao longo destes dez anos, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (338, sumando ás 25 pezas recibidas a concurso neste 2026) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
20260811-NP-Finalistas-Metro-Cadrado-FIOT35
