O dúo reflexiona sobre o concepto do tempo e a súa construción social a través dun proxecto híbrido e singular, nun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais
O primeiro avance, que dá nome ao traballo discográfico, poderase escoitar nas principais plataformas dixitais a partir do xoves 20
María SOA e Sara Faro convidan ao público a tecer con elas, semanalmente, os retallos que conforman o universo Hibernarse, que se desvelará por completo o 10 de abril e cuxo formato físico se poderá reservar na páxina web de Altafonte
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, o dúo pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
A través desta proposta, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír a man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo fai reflexivos verbos que non o son para observarse desde ángulos non explorados até o de agora.
O xoves 20 de marzo o dúo lanzará o sinxelo Hibernarse. Será a primeira entrega dunha serie de propostas artísticas que Fillas de Cassandra dará a coñecer, cada sete días, até o 10 de abril. Nese momento, o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte Music Spain e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.
Os dez temas de ‘Alvela’ conforman un políptico sonoro sobre a experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza do íntimo, do desexo e do pracer
A voz de FAIA revisita arrolos, romances e cantigas tradicionais na compañía de instrumentos de cordas e grabacións de campo manipuladas
‘E se queres’, o primeiro sinxelo do disco, publicarase o vindeiro 18 de marzo
FAIA está a ultimar os detalles de Alvela, o seu segundo disco en solitario que verá a luz no mes de abril. Trátase dun traballo complexo, sutil, con dez temas que transitan paseniño pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. Nel atopamos arrolos así como romances e outras cantigas tradicionais revisitadas. Chegan, ademais, acompañados unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvelaunha coherencia sónica e unha organicidade singular.
Trátase dun disco elaborado a lume manso que dialoga co anterior, Ao cabo leirín (2018), e que precisou varios anos ata acadar a súa forma definitiva. O primeiro avance, E se queres, poderase descubrir o martes 18 de marzo.
Alvelaestá producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Cuartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañarán as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentará Alvela, o seu segundo traballo.
IMAXES
Portada de ‘Alvela’, o novo disco de FAIA | Deseño: Blanca Gracia