A nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do Atlantic Pride



De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla súmanse ao ‘line up’ do ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo

Na 6ª edición do festival está tamén confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva

A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic


A nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do Atlantic Pride, coa confirmación de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla, que súmanse ao ‘line up’ da 6ª edición do ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025.

O domingo 6 de xullo, as bandas encargadas de dar o pistoletazo de saída á nova edición do Atlantic Pride na Praza de Pontevedra serán De Ninghures e Coolnenas. De Ninghures é unha das formacións referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. No Atlantic Pride, De Ninghures presentará ao vivo os temas do seu novo álbum, Feira, que viu a luz o pasado mes de febreiro. Mentres, as Cool Nenas presentará a súa particular rave de debuxos animados que está a revolucionar o concepto de dj set alí por onde pasan. Nas súas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros hits do momento, que elas acompañan con coreografías de enerxía pegañosa que contaxian rapidamente a todo o público, como, sen dúbida, amosarán este verán na Coruña.

O luns 7 de xullo, a cantante e produtora santiaguesa ELBA fará a súa aparición no Atlantic Pride a golpe de sintetizadores, voces atmosféricas e elementos operísticos que dan vida á súa electrónica pop de vangarda. Xa o martes 8 de xullo, chegaralle a súa quenda a Agoraphobia e máis a Rivadulla. A banda de rock alternativo nada en Boiro regresou o pasado mes ás ondas con Eyes Never Lie, o primeiro avance do seu novo álbum, que o público do Atlantic Pride poderá escoitar ao vivo no escenario da Praza de Pontevedra, como testemuña de toda a súa intensidade e as súas letras profundas, nun grito contido entre o medo e o desexo de Agoraphobia de arriscar de novo. O seu potente rock alternará sobre as táboas coas cancións sentimentais, pero cargadas de rabia existencial, de Rivadulla e a súa mestura do pop dos 2000, a música electrónica con toques indies e o trap, nun concepto que o propio artista define como “parkineo marika”.

Pola súa banda, o mércores 9 de xullo, Alana amosará a súa música tradicional galega con ritmos de base electrónica e pop, nun proxecto novo, diverso e cunha potente posta en escena, vinculada coas raíces e o baile. Finalmente, esa mesma noite, LERIA fará gala sobre o escenario do Atlantic Pride da súa celebrada música indie na nosa lingua, cun directo sólido, enérxico, intenso e divertido a partes iguais, onde o público pode tanto desfrutar dos seus temas máis íntimos como festexar con aqueles máis bailables. 

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. 

A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. 

Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria: https://atlanticpride.es/certame-literario/.

Nesta 6ª edición do Atlantic Pride está xa confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. A elas súmanse agora, tamén, figuras que pisan forte na escena musical galega do momento, como De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla. Moi pronto, o festival anunciará novos nomes que completarán o seu line up.

BIOGRAFÍAS NOVAS FIGURAS CONFIRMADAS NO ATLANTIC PRIDE 2025 

De Ninghures

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.

En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e diversos sinxelos despois, en febreiro de 2025, publican Feira, o seu novo traballo, que a banda presentará ao vivo, por vez primeira, na Sala Capitol este xoves, 13 de marzo. 

Neste novo álbum, a banda de multiinstrumentistas segue a revisitar e actualizar o patrimonio musical galego. Ao igual que as feiras populares se transformaron co tempo, De Ninghures evoluciona con Feira na súa sonoridade e bebe, alén da tradición galega, de influencias latinas ou árabes. Da man do produtor Juan De Dios Martín (Amaral, Xoel López, etc.), o grupo experimenta coa electrónica, coa utilización de novos instrumentos -ou usos renovados na súa instrumentación habitual- e a incorporación de efectos nas composicións. Este disco é, como o seu nome indica, a carta de presentación dunha “feira” do século XXI.

Coolnenas

Kimberley Tell, dani dicostas e mariagrep unen as súas forzas en Coolnenas coa súa particular rave de debuxos animados que está a revolucionar o concepto de dj set alí por onde pasan, xa sexa en salas ou festivais de diferentes formatos por toda a xeografía española. Nas súas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros hits do momento, que elas acompañan con coreografías de enerxía pegañosa que contaxian rapidamente a todo o público.

Residentes do mítico Ochoymedio Club de Madrid, nos seus pouco menos de dous anos de historia conquistaron espazos e citas tan relevantes como o FIB, o Low Festival, o San San Festival, o SonRías Baixas, o Warm Up, o VIDA Festival, o Vive Nigrán, o Nachiños Fest, o Polifonik Festival, a Sala Apolo, a Sala Rem…, demostrado que Coolnenas sempre é unha aposta máis que segura.

Agoraphobia

Agoraphobia é unha banda de rock alternativo de Boiro (A Coruña) nada no ano 2013 para satisfacer as inquedanzas musicais das súas integrantes. Moi pronto, iso que comezara como unha distracción pronto converteuse no centro das súas vidas. Foron merecedoras de galardóns tan importantes como o Vodafone Yu Music Talent en 2013 e a súa canción Night of the Living Dead foi parte da banda sonora orixinal de Cerdita, o celebrado corto de Carlota Pereda gañador dun Goya en 2019. 

Cos seus álbums Incoming Noise e Unaligned xiraron de xeito ininterrumpido por diferentes países: España, Reino Unido, Filipinas, Alemaña…, ademais de participar en grandes festivais como o Mad Cool Festival, o Resurrection Fest, o Son do Camiño. O Mallorca Live, Musikmesse ou o Bime. 

O pasado mes de febreiro, Agoraphobia regresou con Eyes Never Lie, o primeiro avance do seu novo álbum, que reivindica os tempos necesarios para crear con profundidade. Trátase dunha declaración de que cada canción ten o seu propio ritmo, e que a espera foi parte do proceso para chegar ao que agora teñen entre mans. Eyes Never Lie é unha explosión musical que captura a complexidade de volver a abrir o corazón despois de reconstruílo peza a peza. Cun son cargado de intensidade e unha letra que amosa as inseguridades que nacen do pasado, este novo tema convértese nun grito contido entre o medo e o desexo de arriscar de novo.

Alana

Antía Vázquez (voz e pandeireta), Eloy Vidal (teclado, guitarra e voz) e Pablo Castro (percusións e gaita) forman Alana. Un proxecto musical que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. A proposta da banda parte das recollidas, un traballo feito coa colaboración de moitas mulleres e homes que desinteresadamente contribúen a preservar a riqueza da música e da tradición. O xeito á cántigha é o seu primeiro disco. Nunha das recollidas de Dorothé Schubarth recompiladas no Cancioneiro Popular Galego, Delfina de Cerceda explícalle á musicóloga como dar “o xeito á cántigha” nas melodías das muiñeiras e das xotas. Esa gravación de hai máis de 40 anos é a orixe que dá nome ao álbum.

Alana é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile. No seu primeiro ano de vida foron os gañadores do Premios Xuventude Crea 2023 na categoría de música. 

LERIA

LERIA é un proxecto coruñés que xorde no 2021 nas rúas da Coruña. Unha aposta pola música indie na nosa lingua. Algúns dos seus referentes son bandas como Love of Lesbian, Ginebras, Vetusta Morla ou Miss Cafeína. Ofrece un directo sólido, enérxico, intenso e divertido a partes iguais, onde o público pode tanto desfrutar dos seus temas máis íntimos como festexar con aqueles máis bailables. 

Gañadoras do concurso Novos Valores do Festigal en 2023, na primavera de 2024 a banda lanza o seu primeiro disco, Marusía. Un traballo que recolle todos os temas do directo destes últimos dous anos e que lles valeu o nomeamento aos Premios Martín Códax da Música en 2024 na categoría de Mellor Artista Emerxente.

Despois do seu paso por festivais como o Aquí tamén se fala, Corufest, a Laracha Orghullosa, O Son da Aldea, Xurés Son ou O Son da Industria, e de facer a abertura para Rocío Saíz na sala Garufa e para Lisasinson na Guión, LERIA pechan 2024 cun sold out na Mardi Grass da Coruña, acompañadas de Capital Voskov. Este 2025 chegan con novas músicas, como o sinxelo Luces de neón.

ELBA

Tras actuar en festivais como Sinsal, Noroeste, Monkey Week ou Puwerty, a cantante e produtora santiaguesa ELBA constrúe o seu propio selo de identidade marcado polo uso de sintetizadores, voces atmosféricas ou elementos operísticos. O seu primeiro LP, La magia natural, bascula entre a electrónica pop e a escola vangardista, un mash up pluscuamperfecto entre o escapismo místico máis atmosférico e o concretismo de radiofórmula máis certeiro. 

Rivadulla

Rivadulla naceu en 1996 na Coruña. Leva o seu barrio, Monte Alto, como bandeira. Desde moi cativo amosou a súa interese polo arte, o baile e os escenarios. Tralo bacharelato, mudouse a Madrid para estudiar cine. En 2022 atreveuse coa música como vía de escape á súa rabia contida, algo que respiran todas as súas cancións. Entre os seus referentes destacan Lady Gaga, David Bowie, Samantha Hudson e todos eses grandes artistas que saben montar unha boa performance. Rivadulla bebe moito do drag e da cultura pop. O seu primeiro disco, El menú, viu a luz en 2024. Son oito cancións que falan de amor, desamor, autocompaixón, rupturas… Cancións moi sentimentais, pero cargadas de rabia existencial, unha mestura do pop dos 2000, a música electrónica con toques indies e o trap, nun novo concepto que o propio artista bautizou como “parkineo marika”.

SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’

Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar ácidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. 


20250311-NP-novas-confirmacions-Atlantic-Pride-2025

Bouba presenta este sábado o seu traballo TERMANDO DOS MARCOS na Casa-Museo Manuel María

CONCERTO DE BOUBA ESTE SÁBADO, ÁS 19.30 H,  NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PARA PRESENTAR O SEU TRABALLO TERMANDO DOS MARCOS

A formación, composta por catro mulleres veciñas da Pontraga (Tordoia), na comarca de Ordes, traerán música de nove pequenos lugares de Galiza que mostrarán o poder do legado cultural transmitido polas nosas maiores e a forza da nosa música e do noso canto. Pezas que salientan polo que contan, pola súa melodía ou polo modo de tocar e que as Bouba interpretan con instrumentos variados (pandeiretas, pandeiras, legóns…). Música para continuar cantando e bailando nun concerto que será moi participativo.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Todos as pezas musicais do disco Termando dos marcos pódense escoitar en aberto na web https://bouba.gal/os-nosos…/termando-dos-marcos/o-disco/

Bouba pandeireteiras presentan este traballo que poderemos desfrutar este sábado da seguinte maneira:

Despois de toda a emoción de Vinculeiras chegou a merecida calma e puidemos erguer con paciencia o que é o novo proxecto das Bouba.
A lume lento e un bocado máis maduras reparamos en nós e no mundo e creamos algo novo, pequeno, local, desde as marxes. Máis ca nunca resituámonos na aldea que nos pariu, a que nos dou o nome e nos mostrou que sen nós non había futuro.
Non é esta cousa boa de facer nun país cada vez máis asoballado polo capital e a desmemoria. Sabémonos metidas nunha noite de séculos, como cantaban Fuxan os ventos, mais resistir é de xustiza. Agarrarémonos coma carrachas aos marcos porque son nosos, e sabedoras de que precisan novas miradas, irémolos mudando para ter a vida que queremos.
Aquí estamos, 
BOUBA, para seguir sendo, termando dos marcos. Os marcos somos nós.

Andanzas do Suso de Lameliña. UNHA VISITA ÁS SEÑORITAS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

UNHA VISITA ÁS SEÑORITAS

Chego á casa das señoritas, eses seres da familia galiforme, e nada máis verme comezan a cacarexar na súa lingua natal, nunha desbordante euforia. Ansían a liberdade, miñas pobres! Onte non pudieron saír, non puiden atendelas por mor dunha viaxe. E alí está tamén don Perfecto, co seu porte de divo, lanzándome olladas de macho alfa.

Deixo que saian para fóra, mentres me vou acomodando na vella cadeira de praia que reservo para estes mesteres. Saco do peto un libro de poemas que tomei prestado na biblioteca. Comezo a lectura e ao momento sinto unha profunda desconexión cos versos, non entendo absolutamente nada. “Hoxe non é o meu día”, reflexiono, mais continúo coa lectura. Paso páxina tras páxina e a frustración medra. “Pero serei fato!”, exclamo con rabia. Unha poñedora que tranquilamente trataba de levarse ao papo un diminuto verme, espántase tanto co meu berro que foxe desesperada.

Decido deixalo. Será moi bo poeta, non o dubido, pero os seus versos non conseguen entusiasmarme. Cando me vexa coa amiga que mo recomendou, obviamente, direille que me encantou; non quero quedar como un ignorante. Incluso lle seguirei a corrente, dando a miña opinión, ben razoada, grazas a unha busca rápida en Internet. Técnica á que xa teño recorrido noutras ocasións con libros que non tiven na man. Un par de críticas, acompañado con algo da miña colleita, e para adiante.

De todas formas é hora de tomar unha decisión definitiva: apartar a poesía da miña vida. Cheguei á conclusión de que non ten aplicación practica na miña vida; é un exercicio fútil e sen proveito. Así que volvo meter o libro no peto e entrégome aos auténticos versos, que son os sons que me rodean: canto dos gorrións e as cochosas que roldan á morada das señoritas.

Pero, vaites!, vaites! No canto do melodioso son dos paxaros o que invade os meus oídos é un roer e rebulir intenso. Xírome, abraiado, e descubro un par de roedores, furtivos e ávidos, dando boa conta da comida das coitadas poñedoras. Nada máis ollar para eles, foxen a toda présa. Un problema, este dos ratos, que non só se atopan aquí dentro, senón que furan e furan na horta; xa me levan roídas unhas cantas cebolas.

Pero quen o diría, xusto no medio destas reflexións sobre pragas, asoma o gato do veciño, ese que a miúdo me fai compañía e de paso aproveita para dar caza. Fico inmóbil na cadeira, en silencio, para non asustalo, mentres agardo o desenlace. Non é preciso moito tempo, apenas dous minutos de atenta vixilancia e, zas!, cun movemento rápido e elegante, captura un rato e co botín fortemente amarrado entre os dentes, lisca feliz.

Mentres medito no que veño de presenciar entra en escea don Perfecto e, tras el coma fieis seguidoras, as poboadoras do curral. Malia as herbas que andaron picando, veñen famentas e póñense a comer con destreza nos comedeiros. Volvo a botalas porque aínda é cedo, pero ao cabo duns minutos, cansas de explorar, regresan. Pecho a porta tras delas e emprendo o camiño de volta á casa. Durante o traxecto vou reflexionando sobre a verdadeira poesía: o cantar das cochosas, o murmurio das follas, o cacarexar das “señoritas”, a danza dos ratos intrusos, a elegancia do cazador felino…. Iso si é poesía que conmove a alma e non os poemas dese que se fai chamar (síntoo, pero vou revelar o seu nome, X.T.N), versos que non son capaces de capturar a beleza espontánea do mundo que nos rodea. Palpo o peto por ver se aínda continúa alí o libro que devolverei á biblioteca en canto poida, e prosigo camiñando sen présa algunha cara a casa.