por martinho | Mar 5, 2025 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
Este ano o Día das letras Galegas está dedicado ás Cantareiras e desde Castiñeiro Milenario non podiamos deixar pasar a oportunidade para dedicarlles a Foliada de Inverno (15 de marzo) a esas mulleres, moitas delas anónimas, que foron as responsables de legar á posteridade, un dos grandes tesouros que temos, o inabarcable cancioneiro popular, cheo de coplas e melodías únicas. Por este motivo o obradoiro da Foliada vai estar dedicado ao estudo do xeito de tocar e cantar dos tres lugares das Cantareiras homenaxeadas este ano 2025: Agranzón, Mens e Vila da Igrexa. O obradoiro estará impartido por Roberto Rodríguez, mestre de pandeireta e gran coñecedor do canto e a percusión destas zonas. O obradoiro comezará as seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo será de 10 euros para persoas non asociadas e de balde para asociadas.
O número de prazas é limitado polo que cómpre anotarse no noso correo electrónico: castineiromilenario@hotmail.com.
Despois do obradoiro teremos uns petiscos para coller forzas e comezar, arredor das nove, a Foliada de Inverno. Como sempre arrancarán a festa os grupos locais de Foliadeir@s do Castro e Treitoira. A continuación as pandeireteiras de Xaora e Asubíos da Chaira para rematar. Como sempre agradecemos aos grupos convidados a súa disposición para vir tocar e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e ao Concello de Begonte por colaborar para facer esta gran festa na nosa cultura.
Esta foliada vai dedicada a Adolfina e Rosa Casás da Vila da Igrexa; a Eva Castiñeira de Agranzón e a Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, as pandeireteiras de Mens e, por suposto, a todas esas mulleres que gardaron e transmitiron a tradición oral da nosa música popular, sen elas, o idioma, a música e o país no que hoxe vivimos non sería o mesmo.
por martinho | Mar 5, 2025 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
O Consello da Cultura Galega ven de publicar o seu Barómetro anual da Cultura Galega, que inclúe música, literatura, audiovisual e artes escénicas, e o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ocupa o posto 31 da clasificación global, como a terceira actividade de artes escénicas mellor valorada e o primeiro festival de teatro da nosa comunidade
O FIOT segue a sumar así recoñecementos, tras ser distinguido o pasado mes de xaneiro como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024 polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, é o festival de teatro máis destacado da cultura galega en 2024 segundo os seus xestores. O Consello da Cultura Galega ven de publicar o seu Barómetro anual da Cultura Galega, que inclúe música, literatura, audiovisual e artes escénicas, e o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ocupa o posto 31 da clasificación global, como a terceira actividade de artes escénicas mellor valorada e o primeiro festival de teatro da nosa comunidade. O FIOT segue a sumar así recoñecementos, tras ser distinguido o pasado mes de xaneiro como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024 polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea.
O BARÓMETRO DA CULTURA GALEGA
Iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, do Consello da cultura Galega (CCG)
O festival O Son do Camiño (12,7%), Manuel Rivas (5,7%), o Culturgal (4,7%), Fillas de Cassandra (4,2%) e a celebración do Día das Letras Galegas (4,1%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2024, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia. Así figura no adianto da nova entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), no que o FIOT ocupa un meritorio posto 31, como primeiro festival de artes escénicas de Galicia.
A clasificación por sectores
Por sectores, o avance do Barómetro da Cultura Galega tamén salienta o bo momento do sector musical, que foi o que máis resposta reuniu nesta edición (57,3%). Dunha banda polo protagonismo dos festivais, que suman un 28,2% do peso total no conxunto entre os que se atopan, o xa mencionado Son do Camiño (12,5%), e outros como o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira (2,5%), o Resurrection Fest (2,3% que duplica o 1,1% da pasada edición), o PortAmérica (1,6%), o Sinsal (1%), o Festival da Luz (1%), Revenidas (0,7%) ou o Festival de Pardiñas de Guitiriz (0,5%). Da outra pola mención individual de formacións e músicos como Fillas de Cassandra, As Tanxugueiras, Baiuca, Carlos Núñez, Sés, Guadi Galego, A Banda da Loba… máis tamén polo papel das bandas de música e os seus certames.
O libro e a literatura ocupan o segundo lugar, co 24,9% das mencións. Os premiados en 2024 como Manuel Rivas ou Chus Pato, destacan canda nomes como Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Pedro Feijoo ou Paula Carballeira. O Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra (0,8%), a concesión dos Premios Follas Novas (0,3%) ou o labor editorial de Kalandraka (0,5%) figuran entre os citados.
En terceiro lugar sitúase o audiovisual co 22,7% do total de mencións máis salientables para o ano 2024. Os Premios Mestre Mateo, os Premios Feroz (entregados en Pontevedra) ou o Festival de Cans e filmes que xa apareceran en 2023 como as As Neves, de Sonia Méndez (1,4%), O Corno, de Jaione Camborda (1,3%), Matria, de Álvaro Gago (0,8%), ou As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen (0,6%) ou series como Rapa de Jorge Coira (0,8%), a coprodución galego portuguesa Lume (0,3%) ou os traballos de Bambú Producciones (0,5%). Tamén hai espazo para intérpretes que repiten na clasificación como Luis Zahera (2,1%) ou Luis Tosar (1,5%), xunto con nomes novos como Lucía Veiga (0,5%). Entre os espazos de televisión, destaca de forma específica o Dígocho eu da TVG (0,6%).
As artes escénicas sitúanse en quinto lugar, por detrás das institucións da cultura, e acadan un 13,8% das mencións. Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, máis o seu espectáculo Somos criminais e punto final son os máis citados. O FIOT de Carballo (1,1%), a obra Iribarne (0,6%), o Centro Dramático Galego (2,1%) e as compañías Sarabela Teatro (0.7%) e Chévere (0.5%) destacan tamén na clasificación.
O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)
Máis de tres décadas creando teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 33 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
20250305-NP-GAL-FIOT-Observatorio-Cultura-Galega