Estrea do documental “Lévame a idea. Un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega” no Auditorio Municipal de Vilalba

O auditorio municipal de Vilalba acollerá a presentación deste proxecto audiovisual producido por Navíos e Folerpas o vindeiro sábado 15 de marzo ás 19:30 horas

A produtora Navíos e Folerpas anuncia a estrea do documental “Lévame a idea” para o vindeiro 15 de marzo no auditorio municipal de Vilalba, ás 19:30 horas. Un traballo que pretende recoñecer ás mulleres creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega.

No ano no que se dedican as Letras Galegas á poesía popular oral personificada en sete cantareiras e tocadoras destacadas, cómpre reivindicar cunha óptica feminista e interxeracional o papel fundamental das mulleres na preservación da música e a cultura tradicional de Galicia, piar esencial da identidade colectiva. A transmisión oral das letras e músicas que nos vertebran como pobo guían as entrevistas que recolle este documental a mulleres que aportan a súa visión desde distintos eidos, como o musical, o académico, o divulgativo, o artístico ou o antropolóxico.

O documental trata temas fundamentais como a invisibilidade e infravaloración destas músicas e cantares desde unha perspectiva feminista e galeguista. Tamén se afonda no pouso da violencia presente nas letras tradicionais, na remuda xeracional e no machismo que segue pesando sobre os grupos de pandeireteiras e cantareiras actuais. Ademais, ponse en cuestión a posibilidade de que a música tradicional funcione como porta de entrada ao galego, unha lingua fundamental para a nosa cultura. Neste senso, o documental tamén sitúa o foco no impacto da represión franquista sobre a música de tradición oral feita por mulleres en Galicia, un capítulo escuro da nosa historia que é preciso lembrar e analizar.

As entradas son de balde e xa se poden retirar, ben na web https://entradasvilalba.es/evento/musica/levame-a-idea ou ben na Casa da Cultura de Vilalba.

As mulleres que participan

A través das súas voces e vivencias, coñecemos a Teresa dos Cucos, veciña de Pontella e informante de varias das tonadas máis coñecidas e versionadas da música actual; Baselisa Romay, fiel compañeira de canto de Teresa e tocadora de pandeireta; Carme de Tines, memoria viva do noso patrimonio inmaterial: a eira da casa onde reside alberga na súa memoria os seráns do lugar de Seaia; Felisa Segade, unha das mestras e artistas máis recoñecidas, piar das históricas Leilía e vocalista do grupo Tres pesos; Sés (Mª Xosé Silvar), cantautora galega coñecida polo seu estilo único, que bebe tamén de fontes tradicionais cunha forte identidade galega e con letras comprometidas e reivindicativas no que atinxe á lingua, á igualdade e á xustiza social; Mercedes Peón, pioneira na divulgación do canto e a pandeireta, multiinstrumentista con traxectoria internacional e parte fundamental da asociación Somos Pandeireteiras; Xulia Feixoo, etnomusicóloga centrada no estudo e transmisión das músicas de tradición oral, percusionista no Cuarteto Caramuxo e na orquestra folk SondeSeu, coautora do libro Mulleres de Gargamala e autora de Maruxa das Cortellas Concha do CanizoBeatriz Busto, mestra e etnomusicóloga, especializada no NO-DO franquista e autora do libro Pandeireteiras de Mens, grupo homenaxeado nas Letras Galegas 2025; Branca Villares, música de tradición oral, mestra e divulgadora cultural, colaboradora no disco que Richi Casás lle dedicou á súa avoa Rosa Casás, referenciada tamén nas Letras Galegas xunto coa súa tía Adolfina; Felicidad Casás, neta de Rosa Casás; Lupe Blanco; pandeireteira e mestra das regueifas de Bergantiños, na actualidade imparte obradoiros en escolas de regueifa e en centros educativos; Isabel Vigo, do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, onde se recollen todas as gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth realizou no seu traballo de campo e os cancioneiros onde as documentou; Lola López Isolina Rodríguez, fundadoras da Asociación O Teixeiro e impulsoras da Festa da Pandeira do Piornedo; Malvela, un dos grupos que abriu camiño coa gravación de catro discos, evidenciando que a música non entende de idades; Xiana Lastra, vocalista da Banda da Loba e mestra de galego na Educación Secundaria Obrigatoria; Andrea, Alejanda, María e Mariana Montero, referentes da música actual de percusión tradicional no grupo Lilaina, con proxectos compartidos con Baiuca e Aliboria, levando a música popular galega a escenarios como o do Wizink Center; Eva Fernández, membro do grupo de pandeireteiras Ferriñas Bravas e creadora da revista online de cultura tradicional Rebelico; e Julia Marín, de Artesanía JMR, artesá de instrumentos populares que atopou o seu oco nun sector aínda hoxe moi masculinizado.

Todas estas mulleres realizan un percorrido que abrangue desde a transmisión oral dos versos cantados ata a investigación, custodia e divulgación deste tesouro cultural nos eidos académico, artístico e comunitario. Elas fían unha historia colectiva de resistencia, creatividade e amor polas raíces. “As mulleres que nos aprenderon o mundo cantando, cultura viva cun marcado carácter de pasado, presente e futuro”.

Lévame a idea é un documental producido por Navíos e Folerpas e dirixido por Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso.

O sábado 15 de marzo 1/2 HORA DE POESÍA con Beatriz Dourado en A Despensa do Saa


O vindeiro sábado, 15 de marzo ás 20 h., o local lucense A Depensa do Saa acollerá outra entrega da iniciativa cultural 1/2 HORA DE POESÍA. Nesta ocasión contará coa participación da escritora e poeta lucense Beatriz Dourado, que será presentada polo escritor chairego Martiño Maseda.

Estes seráns poéticos foron ideados polo escritor Manuel Vázquez, coa colaboración de Xosé Manuel Saa, propietario de A Despensa do Saa, o espazo onde se desenvolven ditos recitais. De periodicidade mensual, esta convocatoria poética pretende impulsar a literatura en galego grazas á achega creadora de voces poéticas como Xavier Rodríguez Barrio, Marica Campo, Beatriz Dourado, Martiño Maseda, Luis Valle, Ánxela Gracián, Xulio López Valcárcel, Xulio Pardo de Neyra, José Estévez, Ana Mar Fraga Rábade, Xesús Bermúdez Tellado, Toño Núñez ou Xesús Trashorras, e outras que se irán sumando segundo se vaia desenvolvendo este novo xermolo cultural na capital lucense.

Beatriz Dourado

A protagonista da 1/2 HORA DE POESÍA que se celebra neste mes de marzo, Beatriz Dourado, naceu en Barcelona. Filla e neta de emigrantes galegos. Na actualidade reside en Lugo. E exerce de profesora de Lingua e literatura galegas no IES da Terra Chá, Xosé Trapero Pardo. Feminista, defensora da igualdade, da xustiza social, dos dereitos civís fundamentais, amosa a súa actitude comprometida no día a día e a través da súa faceta como escritora. Características que xa podemos apreciar nese estourido poético que provoca intraGUERRAS, plaquette publicada por Editora Urutau, e coa que gañou o VII Premio de Poesía María Mariño. Ou noutras obras igualmente galardoadas en certames literarios coma o Premio Contos de verán de El Progreso, o Certame Literario Terras de Chamoso, o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos de Redondela, o Certame de Microrrelatos de Vilalba, o Certame de Poesía Avelino Díaz, o IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, o Premio Arume de Poesía infantil ou IV Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO. Salientando igualmente a súa participación e coordinación en proxectos literarios como MANIFESTO 25. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller (Alvarellos Editora, 2021) ou IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria (Alvarellos Editora, 2023).

Ademais da obra individual arriba citada, tamén deixa o seu trazo persoal nos seguintes volumes colectivos:

IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria, publicada por Alvarellos Editora no 2023.
 Os Ancares en Outono, publicado en 2022 pola Asociación Veciñal Irmandade Naviega.
– Historias no Camiño, publicada en 2021 pola editorial Elvira.
– Antoloxía 21 voces poéticas. 8 de marzo. Versos na Loita Común, publicada en 2020 nunha edición dixital en Culturalia GZ.
– Microrrelatos premiados no Iº e IIº Certame do Concello de Vilalba, publicada en 2020 por Alvarellos Editora.
– Certame de micro-poesía Vilariñas, publicada en 2019 por Nova Poesía Guitirica/Os Vilares Lareira de soños.
– Isidro Novo (1951-2018), publicada en 2019 polo Concello de Lugo.
– Os Viadutos. XVII Certame Literario de Relatos Curtos, publicada en 2017 por Editorial Galaxia.

*Información da autora recollida do seu espazo na AELG e da Galipedia

*Autoría imaxe da Beatriz Dourado: Distrito Xermar, 2024 (AELG)

Amoebo publica mañá venres, 7 de marzo, o seu novo álbum ‘Escándalo no escuro’

Escándalo no escuro é un ambicioso dobre LP no que unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros

O público pode facer xa a pre-garda do disco:

https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroA e https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroB 

A Sala Garufa Club da Coruña acollerá o concerto de presentación de Escándalo do escuro o venres 14 de marzo, a partir das 22.00h, con convidados moi especiais: French Riviera, hydn, Alfonso de Capital Voskov, Filloas e Mayra de Leria  


Este venres, 7 de marzo, ás 00.00h, Amoebo publica o seu novo disco, Escándalo no escuro, nas principais plataformas dixitais. Neste dobre LP, unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento explora os ritmos urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros.

Escándalo no escuro é un dobre álbum do que xa se coñecen os sinxelos Lobishomes e Unha foto. O público pode facer xa a pre-garda do novo traballo discográfico de Amoebo en:

https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroA e https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroB.

Neste novo traballo producido por David Fernández (Daiv) conviven dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios. Os temas de Escándalo no escuro presentan, tamén, una gran carga explícita, onde non falta a ironía tan característica do seu frontman Aaron Valle. En palabras da banda, “este dobre LP promete non deixar indiferente a ninguén. O título, Escándalo no escuro, é un preludio da temática que nos achega: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Pero este título non só lle dá voz ás letras do disco, senón que a escuridade verase reflectida nuns sons máis agresivos, mantendo, tamén, a mestura de estilos que sempre caracterizou ao proxecto”.

Sobre esta dualidade de Escándalo no escuro, Aaron Valle apunta tamén: “tanto o título como a estética, as letras e os sons son máis rockeiros e cañeiros, pero tamén máis urbanos e máis bailables. Hai sonoridades máis escuras e letras máis picantes, máis directas, máis explícitas. Pero tamén é un álbum sacado moito máis do peito, que amosa o momento no que nos atopamos. É incesante, enérxico e con moito corazón”. 

Escándalo no escuro é un cambio a nivel sonoro, pero Amoebo non está pechado a ningún estilo musical: “gústanos a brasa, o reguetón, o metal, o techno, todo o bailable… Inspirámonos un pouco en todo iso e tratamos de facer esa mestura que é a nosa identidade”, apuntan. E conclúen: “este novo álbum é un xiro de 360º no noso traballo, pero mantendo, sempre, a nosa esencia. Non esquezamos que Amoebo é para bailar, para gozar do show, para divertirse. Apostamos por un álbum con forza, que reflicte o que son os nosos directos”.

O novo LP está conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skitscada unha. Na cara A predominarán os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando como referentes a divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal. A cara B está tinguida de sons máis rockeiros, nos que se percibe o pasado metaleiro dos artistas: as guitarras e os baixos érguense como protagonistas absolutos, cun fondo urbano e actual,  para conformar unha mestura enérxica, agresiva e festiva.           

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ESCANDALO NO ESCURO NA SALA GARUFA CLUB

O venres 14 de marzo, Amoebo presentará ao vivo o seu novo traballo discográfico na Sala Garufa Club da Coruña. No concerto, a banda estará arroupada por una boa selección de artistas emerxentes galegos, que darán renda solta aos sons máis divertidos e bailables. 

Así, French Riviera encherá a Garufa cunha divertida viaxe ao anos 80 a golpe de funk e retroelectrónica, para dar paso á fantasía, o fogo e a escuridade da música urbana de hydn e o seu dark pop electrónico con influencias de rnb e outros sons. Pola súa banda, a potencia vocal de Alfonso, de Capital Voskov, chegará para dar boa mostra do seu pop denso, con coidadas texturas do indie e a urxencia do pop. Tampouco faltarán á cita o divertido pop urbano de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria.

A partir das 22.00h, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar este ambicioso dobre álbum, con 14 novas cancións que chegan a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Como a propia banda remarca: “Escándalo no escuro é un disco para bailar sen parar, moi potente, de principio a fin. E o directo que estamos a preparar é potentísimo, cun ritmo desenfreado, cheo de coreografías, de guitarras e de posta en escena; moi intenso, que non deixa respirar”.

As últimas entradas para o directo están dispoñibles a través de Entradium:

https://entradium.com/events/amoebo-presentacion-escandalo-no-escuro-sala-garufa

AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS

Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.

O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en  escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez.Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de  Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ. 

Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para lanzar seu ambicioso e agardado novo álbum, Escándalo no escuro, neste 2025.

20250306-NP-Amoebo-EScandalo-no-escuro