Xa está dispoñible ‘E se queres’, o primeiro adianto do novo disco de FAIA

  • É a canción de apertura do disco e reivindica a importancia do corpo e do pracer, do contacto co íntimo e coa natureza 
  • ‘E se queres’ pódese escoitar nas principais plataformas dixitais e chega cun videoclip dirixido por Sara Traba 
  • A peza adapta o arrolo ‘Durme meu filliño’ do arquivo de Alan Lomax e conta con arranxos de Hevi e FAIA 


E se quereso primeiro sinxelo de Alvela, o novo disco de FAIA, xa está dispoñible desde hoxe, martes 18 de marzo, nas principais plataformas dixitais. É a canción de apertura do disco e constitúese como un chamamento, un convite a deixarse levar pola escoita. E se queres reivindica a importancia do corpo e do pracer, do contacto co íntimo e coa natureza e acompáñase dun vídeo dirixido por Sara Traba: unha ollada poética dende a amizade que dialoga sutilmente coa música. A peza é unha adaptación dun arrolo tradicional, Durme meu filliño, do arquivo de Alan Lomax en Soutoxuste, onde se experimenta coa sonoridade da gravación de campo, coa repetición e coa calidez da voz. 

E se queres é o primeiro petisco de Alvela, álbum que verá a luz no mes de abril. Nel albíscanse as liñas mestras dos dez temas que integran este traballo, complexo e sutil, que transita paseniño pola experiencia da maternidade, pola memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. 

No esperado novo traballo de FAIA atoparemos arrolos como este E se queres, mais tamén romances e outras cantigas tradicionais revisitadas e acompañadas unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular. 

Alvela está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Cuartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañarán as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco. 

Sobre FAIA 

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentará Alvela, o seu segundo traballo. 

VIDEOCLIP | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc 

ESCOITA ‘E SE QUERES’ | https://open.spotify.com/album/3oZigGsYG71E0o9vGeJ5de?si=Gq3H1irxQhSjpSBdPayVQA 

O Hugo Guezeta máis puro co lanzamento dun EP con tres versións acústicas dos seus temas


HUGO XÚNTASE COA BANDA ERRANTES PARA PUBLICAR EN ACÚSTICO QUIXERA SERCLARIDADEk E PRESIÓN

O rapeiro Hugo Guezeta pásase ao acústico coa publicación de dous dos seus grandes éxitos en solitario e un tema exclusivo neste formato. Quixera ser, e Claridade ven a luz baixo unha nova pel, grazas á colaboración entre o rapeiro e a banda ponteareá Errantes, coa que xa creou unha conexión que transcende estas colaboracións e chega ata os escenarios. A maiores, Hugo deixa como agasallo Presión, un tema inédito do artista que pecha así este EP en acústico, e que polo momento só se poderá gozar nesta versión. Ante unha sinerxía aparentemente complexa entre unha banda e un rapeiro, ambos souberon adaptarse e empastar á perfección para poder destripar estes temas do repertorio de Hugo e darlle unha nova vida. Gravado en directo e cunha proposta moi diferente, este EP representa un achegamento ao que o público pode gozar nun concerto de Hugo Guezeta.

Estas tres versións son a constatación do bo facer ao vivo do rapeiro, que tras encher dúas das primeiras datas de presentación do seu novo disco está inmerso na súa xira de 2025. As próximas datas para poder ver a Hugo Guezeta en directo serán o 21 de marzo en Ourense (sala Auriense), 28 de marzo en Cambados (sala Krazzy Kray) e os festivais A Candeloria e Revenidas. As entradas para os concertos de salas están xa dispoñibles en www.enterticket.es.

XIRA O NOSO TEMPO

21/03 · Auriense · Ourense

28/03 · Krazzy Kray · Cambados

04/04 · A Candeloria · Lugo

11-14/09 · Revenidas · Vilaxoán

ENTRADAS

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.

As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.

O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempo acumula centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses publicado, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e 1importantes do ano.

Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco en Mos, A Coruña e Santiago de Compostela, con dous dos tres concertos esgotando entradas, Hugo emprende a súa xira de 2025, onde deixará constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo ás salas e festivais. Sen dúbidas, Hugo Guezeta é e será un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.