HENKO. A mirada de Miguel Díaz


HENKO

Miguel Díaz

Título: TRAMPONA LUZ

Na corte xa medra algún toxo. Caeron xa, podres, os estantes da lacena. Nunha parede despintada sostense un marco sen fotografía. Fóra dos gonzos, unha porta descomponse no po dunha ausencia indescifrable. Unha culler oxidada remexe a lembranza.

Morreron e xa ninguén considerou a volta. Insiste a ruína na súa fala. Anícome de novo a carón dela para desposuíla de min. Para que non me conquiste coa trampona luz que se coa pola fiestra da cociña.

O pozo segue tendo auga. Achégame, fai o favor. Achégame un caldeiro, unha roldana e a corda imperecedoira da túa mirada.

Fermin Muguruza participa no Almorzo ON/OFF do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Fermin Muguruza: “Precisamos xornalistas conscientes”

O músico vasco participou esta mañá nun Almorzo ON/OFF do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no que conversou coa súa decana sobre a liberdade de expresión

O artista actuará o 15 de marzo no Multiusos Fontes do Sar no marco da xira internacional para celebrar os seus 40 anos de traxectoria musical


O artista vasco Fermin Muguruza participou esta mañá nun encontro coa prensa organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O fundador de bandas como Kortatu e Negu Gorriak, que se atopa inmerso na xira mundial de celebración do seu 40º aniversario sobre os escenarios, abordou, da man da decana da entidade, Belén Regueira, a situación da liberdade de expresión no mundo da cultura. 

O encontro, aberto ás xornalistas, deu pé a falar tanto do seu concerto en Santiago de Compostela do 15 de marzo  (que terá lugar no Multiusos do Sar e no que, segundo avanzou na conversa, contará coa participación de Sés) como para facer unha revisión destes 40 anos a través de dous piares fundamentais na súa música, como son a defensa da lingua e da liberdade de expresión. 

O cantante salientou o momento de “emerxencia lingüística” que está a vivir a sociedade, e a necesidade de poñer en valor estratexias que permitan manter vivas e amplificar a presenza de linguas como o galego ou o éuscaro nas rúas. No marco da conversa, Muguruza tamén destacou a “independencia” desta xira, “autoxestionada e sen grandes promotoras detrás”, mais apoiada polo talento local e axentes cos que leva a traballar desde hai décadas; así como persecución que sufriu tanto el coma unha parte do sector cultural nas últimas décadas. “Sempre tivemos que defender a liberdade de expresión. Nun momento no que o neoliberalismo depredador está máis presente ca nunca, esta defensa, especialmente na cultura así coma no xornalismo, é crucial”, aseverou. 

Ao fío, Fermin Muguruza apuntou a necesidade de contar con “xornalistas conscientes” nos medios, alonxados de “intereses editoriais”, especialmente nos espazos en conflito ou en causas como Palestina. “O papel do xornalismo é imprescindible. Precisamos que se conte a realidade. As e os xornalistas son os ollos que nos fan ver o que está a acontecer”, sinalou. 






Fermin Muguruza

Muguruza é unha das figuras de maior influencia e carisma no panorama musical vasco en diferentes sectores. Comezou a súa carreira musical creando xunto ao seu irmán Iñigo o grupo de música Kortatu. Cando a banda se disolveu, logo da edición do seu último disco exclusivamente en eúscaro, Muguruza formou Negu Gorriak xunto a Iñigo, Kaki Arkarazo, Mikel Txopeitia e Mikel Anestesia. O grupo converteuse nunha das formacións máis importantes da escena dos anos 90. Após a súa disolución, Muguruza iniciou a súa carreira en solitario, tomando como base o reggae e o dub e mesturando ritmos latinos ou elementos do rock, hip hop, funk, soul e drum and bass.

Muguruza colaborou con artistas como Manu Chao, Banda Bassotti, Amparanoia, Tijuana No!, Todos Tus Muertos, Albert Pla, Zebda, Desorden Público, Reincidentes, Angelo Moore de Fishbone, Raúl Refree, Obrint Pas, El Columpio Asesino, Preservation Hall Jazz Band, Toots, U-Roy, Rita Marley, Peret ou decenas de artistas ao longo destas catro décadas.

Ademais, nestes últimos anos, Muguruza ten traballado no mundo do cinema e do documental. Creou unha infinidade de traballos de temática social, entre eles, a serie Next Music Station (2011), que reúne once pezas sobre música árabe para a cadea Al Jazeera, o documental NOLA? Irun meets New Orleans (2015), as películas de animación Black is Beltza (2018) e Black is Beltza II: Ainhoa (2022), esta última finalista dos Premios Goya, ou o filme documental BIDASOA 2018-2023 (2023), entre outros.

Vindeiras datas da xira mundial de Fermin Muguruza

15 de marzo: Santiago de Compostela – Fontes do Sar

21 de marzo: Paris – La Cigale

22 de marzo: Bordeaux – Salle du Grand Parc

28 de marzo: Toulouse – Le Bikini

29 de marzo: Marseille – Espace Julien

11 de abril: Zurich – Rote Fabrik

24 de abril: London – Scala

25 de abril: Dublin – Button Factory

10 de maio Mérida – IFEME

16 de maio: Belin – SO36

20 de maio: Santiago de Chile – Teatro Cariola

22 de maio: Montevideo – Sala del Museo del Carnaval

24 de maio: Buenos Aires – Estadio Obras

28 de maio: Bogotá – Calle 13

31 de maio: México – Skatex (Texcoco)

07 de xuño: Roma – Circolo Concetto Marchesi

14 de xuño: Donostia – Anoeta Estadioa 

23 de xullo: Tokio – Radical Music Network

4 de outubro: Iruñea – Nafarroa Arena

Ademais, xa se anunciou a presenza de Fermin nos seguintes festivais. 

01 de maio: Albacete – Viñarock

10 de xullo: Barcelona – Cruïlla

11 de xullo: Gandía – Pirata Beach Festival

01 de agosto: Crozon – Festival du Bout du Monde

02 de agosto: Vertheuil – Sun Ska Festival

22 de agosto: Menorca – Es Claustre

Xa está dispoñible “súbete ao EVA”, o novo álbum de Filloas

O artista conseguiu canalizar a súa paixón pola cultura pop e a música nun álbum que te fará bailar, rir e sentir nostalxia a partes iguais.

Prepárate para mergullarte nun universo musical único con “súbete ao EVA”, (ALENDE/Altafonte, 2025), un álbum que captura o espírito dunha xeración conectada e creativa.

Este novo traballo sorprende cunha explosión de hiperpop e ritmos electrónicos, acompañados de letras cheas de referencias a animes icónicos, videoxogos clásicos e modernos e aos memes máis virais de Internet. 

Filloas leva xa uns meses adiantándonos o seu novo son, o cal chega ao seu cumio con “súbete ao EVA”. Como adiantos, puidemos escoitar “22 minutos”, con videoclip de Xaime Miranda e despawn, un acelerado tema electrónico no que reflexiona acerca dos problemas da súa xeración.

Filloas consegue, grazas ao seu característico vestiario, o atrezzo que o acompaña nos directos e a dirección artística dos seus videoclips, que el mesmo idea, traer á realidade o seu imaxinario.

Filloas presenta unha declaración de intencións, destacando como un dos artistas emerxentes máis inquedos da escena galega.

O movemento Filloas é imparable e así o demostrou sendo o artista gañador do concurso Novos Valores 2024 do Festigal.

Coa festa por bandeira, en directo atoparás autenticidade, diversion e risas.


PRÓXIMOS CONCERTOS FILLOAS

28/02/25 Entroido Rianxeiro, Rianxo

11-14/09/25, Festival Revenidas, Vilaxoán de Arousa

Máis datas por anunciar….

Filloas, hydn, Mayra de Leria, Alfonso de Capital Voskov e French Riviera acompañarán a Amoebo no concerto de presentación do seu novo álbum, ‘Escándalo no escuro’, na Sala Garufa

As e os amantes da boa vibra xa poden marcar en vermello o venres 14 de marzo no seu calendario: a partir das 22.00h, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar na Coruña os temas do seu novo traballo discográfico

A banda estará arroupada por una boa selección de artistas emerxentes galegos­, que darán renda solta aos sons máis divertidos para non deixar de bailar: da música urbana de hydn ao pop denso, fresco e urxente de Capital Voskov; do funk e a retroelectrónica de French Riviera ao pop urbano e sen tapuxos de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria

As últimas entradas para o concerto están dispoñibles a través de Entradium:

https://entradium.com/events/amoebo-presentacion-escandalo-no-escuro-sala-garufa

Escándalo no escuro será un dobre álbum con 14 novas cancións que verá a luz o vindeiro 7 de marzo e nas que Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros, a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor…

Amoebo, unha das propostas máis destacadas e deshinibidas da escena emerxente galega do momento, presentará ao vivo o seu próximo traballo discográfico na Sala Garufa Club da Coruña o venres 14 de marzo. Esta será a posta de largo de Escándalo no escuro, un dobre LP que verá a luz unha semana antes, o venres 7 de marzo. No concerto, Amoebo estará arroupado por una boa selección de artistas emerxentes galegos, que darán renda solta aos sons máis divertidos e bailables. 

French Riviera encherá a Garufa cunha divertida viaxe ao anos 80 a golpe de funk e retroelectrónica, para dar paso á fantasía, o fogo e a escuridade da música urbana de hydn e o seu dark pop electrónico con influencias de rnb e outros sons. Pola súa banda, a potencia vocal de Alfonso, de Capital Voskov, chegará para dar boa mostra do seu pop denso, con coidadas texturas do indie e a urxencia do pop. Tampouco faltarán á cita o divertido pop urbano de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria.

Así, o venres 14 de marzo, a partir das 22.00h na Sala Garufa, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar este ambicioso dobre álbum, con 14 novas cancións que chegarán a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor, e das que xa se coñecen os sinxelos Lobishomes e Unha foto. En Escándalo no escuro, Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros.

As últimas entradas para o directo están xa dispoñibles a través da plataforma Entradium:

https://entradium.com/events/amoebo-presentacion-escandalo-no-escuro-sala-garufa

ESCÁNDALO NO ESCURO, UN DOBRE ÁLBUM QUE DARÁ QUE FALAR NESTE 2025

Amoebo xa o adiantou: “En 2025 faremos un dobre álbum no que convivirá a dualidade de dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios”. Este dobre LP verá a luz o venres 7 de marzo e promete non deixar indiferente a ninguén. O título, Escándalo no escuro, é un preludio da temática que veremos: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Pero este título non só lle dá voz ás letras do disco, senón que a escuridade verase reflectida nuns sons máis agresivos, mantendo, tamén, a mestura de estilos que sempre caracterizou ao proxecto: música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop de culto dos 80 aos 2000.

O novo LP estará conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skits cada unha. Na cara A predominarán os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando como referentes a divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal. A cara B estará tinguida de sons máis rockeiros, nos que se percibe o pasado metaleiro dos artistas: as guitarras e os baixos érguense como protagonistas absolutos, cun fondo urbano e actual,  para conformar unha mestura enérxica, agresiva e festiva.

AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS

Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida. 

O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en  escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez.Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de  Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ.

Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para preparar o lanzamento do seu ambicioso e agardado novo álbum, Escándalo no escuro, neste 2025. 

20250225-NP-Amoebo-Colabs-GARUFA

Gala i Ovidio, novo proxecto musical de Aida Tarrío e Raül Refree, presentan o seu segundo sinxelo, ‘Cara o mar’

O RECOÑECIDO ARTISTA E PRODUTOR E A INTEGRANTE DE TANXUGUEIRAS AVANZAN UN NOVO TEMA DO SEU EP DEBUT, UN FINAL, QUE VERÁ A LUZ A MEDIADOS DE MARZO

Gala i Ovidio, o novo proxecto musical que une a Raül Refree, prestixioso músico e produtor, e Aida Tarrío, compoñente do recoñecido grupo Tanxugueiras, continúa dando os seus primeiros pasos.

Tras a gran acollida de De maio a abril, primeiro adianto do seu EP debut Un final, agora presentan Cara o mar, o seu segundo sinxelo. Este será o último avance antes da estrea do EP, que verá a luz a mediados de marzo.

Sobre este novo tema, os propios artistas explican: Cara o mar, do mesmo xeito que o resto de cancións que formarán este EP, trata sobre a perda ou o final dunha relación, neste caso a canción narra os distintos baleiros que deixa unha persoa que xa non está no fogar onde se conviviu. Ecos e resonancias dunha presenza invisible en distintos espazos da casa, desde o oco do sofá á cociña que “hoxe mide un pouco máis”; unha enumeración emocionante e sentida que homenaxea aos que se foron e fálanos de como o que non vemos é ás veces máis potente que o que alcanzamos a ver. A canción, de tempo lento e intimista, empeza na nudez dunhas notas de baixo para ir creando unha atmosfera envolvente e profunda, acústica e textural, onde os ecos de pandeiretas afastadas resoan como o espectro dun barco que se afasta e as voces resoan nítidas e poderosas como o fixeron sempre as mulleres nas aldeas.”

Dorothe Shubart e Rosa de Moscoso unidas da man con Oneothrix Point Never e Mustafa nun réquiem do cotián, conmovedor e sentido.  Unha melodía íntima e preciosista que na voz de Aida, sempre emocionante e real, adquire unha dimensión tremenda. Sentimento puro dunha parella que con esta canción Cara o mar móstranos outro rexistro do seu proxecto Gala i Ovidio á espera da saída pronto do seu primeiro EP.

Este novo tema, de esencia minimalista e íntima, foi composto e escrito por ambos os artistas, deixando patente que a día de hoxe son dous dos grandes talentos da música actual. Sen perder a súa identidade e valores, Gala i Ovidio (Raül e Aida) veñen dispostos a experimentar e desdibuxar os límites da experimentación musical.

Aida Tarrío 

Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.

Raül Refree 

Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”

Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.

ESCOITA CARA O MAR CLICANDO NA SEGUINTE IMAXE