Este sábado proxección do programa DESERTORES DO ASFALTO, con Idoia Cuesta, Pepa Lombao e Xosé Ramón Rodríguez, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 15 de abril, ás 18 horas, o programa da TVG Desertores do asfalto, producido por NÓS, produtora cinematográfica galega, estará na Casa-Museo Manuel María para proxectar tres historias que veñen de gravar en Outeiro de Rei. Concretamente as protagonistas son a artesá especializada en cestaría e tecidos e veciña de Cela, Idoia Cuesta, a oleira e veciña de Bonxe, Pepa Lombao e o gandeiro de San Clodio e animador do proxecto Vida de Aldea, Xosé Ramón Rodríguez.

Por tanto este sábado darán a coñecer ás súas protagonistas, e a todos aqueles que se queiran achegar e acompañar, o resultado das gravacións feitas. Coas historias e coa exhibición deste sábado montarán un capítulo, que presenta Rocío Barrio, e que se exhibirá nos próximos meses na televisión pública.

As persoas que queirades asistir podedes anotarvos en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Desertores do asfalto é un programa televisivo que vai pola súa terceira temporada percorrendo Galiza e que tenta pór en valor a cultura popular, a innovación no rural, as tradicións que se mesturan co novo e o día a día das parroquias e da súa veciñanza…

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: O FÍO

Miguel Díaz, O FÍO

O fío, que pode sempre romper. Flutuando nos territorios do medo, gaiola infame, anuladora.

E, entre o medo, o lugar desde o que miro e o lugar desde o que son mirado. Ambos construíndo (me). Conformándome no territorio das ilusións fracturadas. No que son non sendo.

As ruínas nas que me recoñezo. E nas que vexo aínda un fogar. Un fogar que me habita.

O fío, que pode sempre coser.

Presentación do libro BEN SABE O MAR QUE POSÚO O BOTÍN DAS PIRATAS, de Luz Campello, na Casa da Cultura de Vilalba

O vindeiro VENRES 14 de ABRIL de 2023, ás 20:00 H., na CASA DA CULTURA DE VILALBA celebrarase a presentación do libro BEN SABE O MAR QUE POSÚO O BOTÍN DAS PIRATAS, de LUZ CAMPELLO, editado pola EDITORIAL GALAXIA

O acto contará coa presenza da autora do libro, LUZ CAMPELLO; con PILAR MASEDA e LUZ AIRADO, poetas da NPG, e con MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

NOTA_INFORMATIVA_LUZ-CAMPELLO

Andanzas do Suso de Lameliña. A PRIMAVERA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A PRIMAVERA

Acabamos de estrear a primavera. Velaí uns poemas que fan alusión á estación florida do ano

NATUREZA EN PRIMAVERA

Xa sei que vés de arribar dunha longa e fría viaxe,
que aínda o teu corpo non ten quentura dabondo.
Pero noto que comezas a amosar unha nova roupaxe,
con esa gama de azuis e verdes que tanto nos engaiola.
Un lixeiro nordés bota por terra o teu florido chapeu
e deixa albiscar uns brancos e fermosos cabelos.
Imperturbable, douta e vella mestra,
ensínasnos o ciclo eterno da nosa existencia,
e de novo, outra vez máis, amósaste coas túas mellores galas,
ti que tan pronto fas entristecernos coma aledarnos.
Quero mergullarme de cheo no teu vexado e débil existir,
e contigo compartir o rechouchío harmonioso dos merliños,
o primeiro cucar do arteiro paxariño, o croar das ras nas charqueiras.
Quero volver a ver polas noites as píntegas e os sapos cruzar as corredoiras,
escoitar o canto dos grilos e ollar coma a velliña fai o caldo.
Hoxe, benquerida e venerada natureza dás os primeiros pasos
cara ao teu novo estado, e acios de amarelas e recendentes mimosas
acicálanse para mellor engalanar o teu ben lucido verdor, ao tempo
que se rompe o silencio polo grallar dunhas pegas rebordás empoleiradas
no curuto dunha rebola, ou polo asubío dun árbitro e o bourear de cativos
que moi preto se divirten xogando ao deporte rei.
Sentado no valo da leira olfacteo o grato cheiro a herba fresca,
mentres acariño ao meu asustadizo e inquedo gatiño.
Ao fondo, carballeiras espidas, agardan a chegada de novos aderezos
e unha fumareda xurdida dun eido lixa o teu estreado traxe azul.
Un grupo de mozos e mozas, nas mans uns ramos de flores, entran no camposanto,
mentres ao lonxe, soa o estrepitoso ruído dunha motoserra.
Érgome e ollando para o ceo diviso un ronsel branco dun reactor
que semella converxer co teu cano cabelo.
Paseniñamente, con Tigre no colo, camiño cara á casa…
Unha saborosa empanada de liscos e un bo Mencía, por min agardan.

……………………………………………………………………..

Procuro nos teus ollos o verdor da primavera,
o canto dos paxaros de Vivaldi,
as adolescentes chorimas,
aquel vinte e cinco do setenta e catro,
Grândola Vila Morena…
E só atopo a ollada triste da soidade,
apenas un fío de esperanza.

……………………………………………………………………………………….

C or amarela
H ospitalaria flor
O rnato dos nosos montes
R aíña da primavera
I cona da galeguidade
M iña
A dorada adolescente.
……………………………………………………………………………………

Primavera,
soños de margaridas,
axóuxeres na distancia.

Primavera,
gacela en celo

na foresta da virxindade.

Primavera
en clave de sol,
melodía que se extingue.

………………………………………………………………………………..

Bebín da cunca da alba
O celme da túa querenza
Chegou a primavera
Nas ás dun novo amencer
Ardendo mais sen queimar
………………………………………………………………………………………………………..

Escribo domingo primavera
sinfonía cuarta de Mendelssohn
mentres a mañá pasa engorde
e unha gaivota alba e solitaria
sobrevoa un ceo aínda cinsento.
Escribo Florencia Roma Venecia
o sol tenuemente comeza a asomar
e abro a xanela para imaxinarte
desbordante luz do sur.
Escribo Andante con moto
beldade música Italia
Minueto con moto moderato
o sol aloumiña o meu rostro
e unha lixeira brisa
sansanica docemente o folio.
Escribo Saltarello acuarela napolitana.

Escribo…