A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval actuarán no Salón Teatro de Santiago o vindeiro 18 de abril ás 20 horas
A actuación destes dous referentes do mundo dos contacontos é un adianto da undécima edición do Festival Atlántica que se vai celebrar en xullo
As entradas xa están á venda na web de Eventbrite ao prezo de 8 euros
A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval van protagonizar o espectáculo Quentando motores para Atlántica, un adianto da undécima edición do encontro de narración oral que se celebrará en xullo. A cita con estes dous mestres dos contos será o vindeiro 18 de abril no Salón Teatro de Santiago ás 20 horas e as entradas xa están á venda na web de Eventbrite ao prezo de 8 euros.
Carolina Rueda e Quico Cadaval son referentes da narración oral de cadanseu país. Colombia e Galicia teñen na arte de contar historias un dos cernes da súa cultura. Nos dous países conta contos unha porcentaxe altísima das persoas. As máis sen cobrar. Mais hai un número cada día maior que fixo de contar historias a súa profesión. Os relatos saen das tabernas, dos fiadeiros, dos autocares e dos mentideiros para entraren nos teatros e no ámbito académico. A arte ancestral que vén das lareiras primitivas converteuse nun dos emblemas da modernidade. Algo tan simple como contar historias en voz alta. Aínda que ás veces Rueda e Cadaval non o fan tan sinxelo. Nas súas narracións aparecen, cando menos se espera, elementos sorprendentes que alteran as peripecias, bifurcan a trama, escurecen o camiño e toldan o río da acción.
Cadaval e Rueda coñecéronse no 2002 en Lima, no festival Déjame que te cuente. Dende aquela atopáronse nunha morea de eventos e nalgúns partillaron palco e público, como en Atlántica, sen ir máis lonxe. Artisticamente coñécense ben, por iso puideron escoller o repertorio un da outra e viceversa. Todo comezará pola frase “Bótalle aquel tan bo…”. Aparecerán, abofé, algúns éxitos do dúo. Clásicos como a historia dos ladróns que asaltan unha pastelaría ou o da gata que adopta uns pitiños que un accidente de tránsito deixara orfos. Nos outros contos non han de faltar o misterio, o erotismo, o espanto, o tráfico de arte, a violencia en locais de lecer e un etcétera que se desvelará neste petisco do Festival Atlántica 2023.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.
QUENTANDO MOTORES PARA ATLÁNTICA Carolina Rueda (Colombia) e Quico Cadaval (Galicia) 20:00 h | Salón Teatro (Santiago de Compostela) | 8 euros Público adulto | Castelán e galego Entradas: https://QuentandoMotoresAtlantica.eventbrite.es Día da función: 2 horas antes do espectáculo na taquilla do Salón Teatro
Seis anos despois do seu último LP, o grupo compostelán lanza un disco no que se achega a novos estilos (synth-funk, hi-NRG, hip hop, no wave), mais sen abandonar o pop
A nivel lírico, o fío do disco pasa por un diálogo co pasado que non cae na nostalxia, abordando temas como as amizades conservadas ou perdidas (Lamborghini, Amigo, Cabaliño lento) ou a infancia (Fuck the Police), entre outros
A presentación ao vivo terá lugar o sábado 29 de abril na Sala Capitol e as entradas xa están á venda na plataforma www.ataquilla.com
A banda Ataque Escampe publicará Cabalgata, o seu oitavo álbum, o vindeiro martes 18 de abril nas principais plataformas dixitais. O novo LP do grupo compostelán, do que xa se coñecen Lamborghini, Viaxamos a Miami e Cabaliño lento, está conformado por 10 temas e conta coa produción do Hevi (Ortiga, Novedades Carminha). A reserva de Cabalgata xa está dispoñibile a través do enlace https://ffm.to/cabalgata. Cabalgata séntese como unha sorte de retorno. Non é que nos últimos anos o grupo estivese inactivo, nin moito menos: Ataque Escampe publicou o EP A alma ou as compilacións de rarezas Ídolos adolescentese A vida dos animais, e versionou a Ana Kiro no sinxelo Por última vez. Pero, con todo, pasaron xa seis anos desde o anterior disco longo (Primeiros bicos, 2017). Neste novo traballo discográfico, o grupo compostelán volve amosarnos o seu universo creativo, mantendo señas de identidade(como o coidado dunhas letras apoiadas no humor e a vulnerabilidade e o achegamento a estilos diversos) e achegando tamén numerosas novidades. Esas novidades fíltranse en diferentes aspectos de Cabalgata. Na instrumentación, por exemplo, destaca a presenza dos sintetizadores e, ocasionalmente, do saxo e as bases electrónicas, cos que aparecen influencias pouco vistas no grupo como a música disco e hi-NRG (presente no primeiro adianto,Lamborghini), o hip hop da vella escola (Fuck the Police) ou a no wave (Amigo). No aspecto lírico, o fío principal do disco podería ser o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, “como espazo inesgotable que nos interpela”. De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados, a emotividade da relación cos animais á que podería apuntar Cabaliño lento, o terceiro adianto do LP e tema que pecha o álbum. Ao mesmo tempo, como vén sendo habitual nos discos de Ataque Escampe, as letras e as músicas poñen tamén en relación o traballo do grupo co contexto político, histórico e artístico que o marca. Deste xeito, en Cabalgata asoma un conxunto ben variado de figuras e referencias que van do presente ao pasado: Bad Bunny, Nina Simone, Roberto Carlos, Bruce Lee, Wallace Stevens, Luz Pozo Garza… Entre todas elas pode observarse tamén unha vontade por achegarse ao popular, visible na presenza da Banda de Lalín na letra de Terras raras ou na inclusión dunha receita de filloas, explicada por Delfina Sánchez (avoa do batería Cibrán Tenreiro), en A cociña práctica.
Presentación ao vivo na Sala Capitol O retorno que supón Cabalgata levará tamén de volta ao grupo aos escenarios de Santiago de Compostela: Ataque Escampe estará na Sala Capitol o sábado 29 de abril para presentar o disco, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini. As entradas xa están á venda, a partir de 10 euros, na web de www.ataquilla.com; mentres na billeteira costarán 15 euros.