O Festival Sinsal abre a convocatoria para participar nas ‘Audicións San Simón’, unha das actividades paralelas que terán lugar nesta edición do evento

‘Que é a música para ti?’ é a pregunta que o festival lanza ao público, quen poderá responder até o 21 de xuño a través dunha nota de voz cunha duración máxima de 10 segundos

As respostas poderanse escoitar, en aberto, nunha instalación que revivirá a primeira máquina de discos de música gravada situada no espazo público a finais do século XIX

As entradas para asistir ao festival están practicamente esgotadas, agás para a tarde do venres 21, unicamente dispoñibles desde o embarcadoiro de Meirande

‘Que é a música para ti?’: esta é a consulta que o Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo, lanza ao seu público. O evento ábrese á participación e presenta deste xeito a primeira das actividades paralelas musicais que, ao abeiro de A Escola Sinsal, o proxecto didáctico e divulgativo do festival, ofrecerá ás e aos asistentes. As respostas do público, que poderán chegar a través dunha nota de voz, formarán parte das Audicións San Simón, unha proposta que revivirá a primeira máquina de discos con música gravada instalada no espazo público a finais do século XIX.

A gramola, tamén coñecida coma jukebox, rockola ou máquina de discos (en galego tocadiscos de moeda), deuse a coñecer no espazo público un 23 de novembro do 1889 en San Francisco e converteuse nunha sensación pública, ademais dunha importantísima fonte de ingresos que salvou o fonógrafo de Edison do fracaso industrial. Consiste nun fonógrafo automático que reproduce un cilindro fonográfico e sustitúe a campá acústica por unha instalación de auriculares por tubo. Este enxeño mecánico fixo posible o a acción colectiva da escoita de música con auriculares: entre 10 e 12 persoas podían escoitar un audio ao mesmo tempo.

Coa idea de revivir e poñer en valor o feito da escoita colectiva de música, o festival propón, no marco das actividades vinculadas ao proxecto divulgativo A Escola Sinsal, unha instalación nomeada Audicións San Simón. Durante os tres días do festival, programaranse na illa unha serie de sesións en aberto onde as persoas interesadas poderán recuperar ese momento. Ademais, os cilindros a reproducir durante estas sesións serán gravados cos arquivos de audio que envíe o público a través da convocatoria ‘Que é a música para ti?’. Para participar, as persoas interesadas -asistentes ou non ao festival- poderán enviar, até o 21 de xuño, unha nota de voz, dun máximo de dez segundos de duración, respondendo a pregunta que dá nome á iniciativa, a unha liña de Whatsapp (+34 647 485 137) aberta especificamente para recoller os audios desta convocatoria. As respostas poderanse escoitar, de xeito colectivo, un mes despois na illa de San Simón, concretamente, na exposición da Escola Sinsal vinculada ao rexistro sonoro e que nesta edición afondará na gravación magnética e nos seus diferentes soportes. Alén da exhibición, e no marco das actividades que se realizarán como parte do proxecto divulgativo, o festival programará un taller específico sobre a fixación de música en soportes, concretamente, con cintas de cassete. 

SINSAL SON ESTRELLA GALICIA 2023

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Neste 2023, o festival celebrarase os días 21, 22 e 23 de xullo na Illa de San Simón. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e solistas que conformarán o cartel secreto: o público só coñece quen actúa cada día unha vez desembarque na illa. 

Este ano o evento contará con tres escenarios diferentes. Neles ofrecerase unha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras. Artistas de África, Asia, América e Europa presentarán por vez primeira en Galicia ou en España as súas creacións. Os abonos, así como as entradas de día para asistir o sábado 22 e domingo 23 están esgotados. ao As últimas entradas dispoñibles que se poden adquirir en enterticket.es son as da tarde do venres 21 desde Meirande. 

Durante o desenvolvemento do festival, ademais, as e os asistentes poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago conformado polas illas de San Simón e San Antón a través de diferentes actividades divulgativas gratuítas -como paseos con axentes sociais de proximidade, parladoiros ou mesmo talleres para público infantil- que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo das distintas xornadas, ao igual que as actividades enmarcadas no proxecto A Escola Sinsal.

20230531-NP-Audicions-San-Simon-Actividades-paralelas

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: Factura fartura fractura

Miguel Díaz, Factura fartura fractura

A factura feitura, a do facer. A factura vén protagonizada pola desidia. Polo descoidado de bordes afiados, de liñas áridas. Pola violencia das carreiras anuladoras.

A fartura xorde da repetición, da porfía ruidosa dun baleiro que oprime. A fartura do arame de espiño prensando o momento, anulándolle as ás. A fartura da frivolidade.

A fractura é a consecuencia. A chegada ao punto onde todo creba. A fractura renxe co vento da axitación perenne na que todo se expresa.

Factura fartura fractura.

Un abafa ante a factura do balbordo. Entre mans difusas que constrúen desvarío. Que elevan no tempo o seu desapego. Nun berro incansable e desnortado.

Un dilúese na fartura do baldío. No triste espectáculo caduco que trazamos. Na fartura do bandullo cheo de nada ou de bolboretas mortas que nos habitan.

Un aflíxese na fractura que provoca o acto de desoír a voz da vítima. De non concederlle un espazo de escoita que a considere. De negar un lugar ao fío que pode coser a ferida.

Factura fartura fractura.

Todo en demasía. Nunha velocidade que nunca é propia, que sempre é imposta e case nunca cuestionada. Nun proceso de evitación das verdades incómodas, no que eriximos unha realidade paralela na que, sen reparar, somos devorados por intrínseca violencia cando renunciamos á procura da xustiza. Cando nos desvencellamos da dor allea.

ZUMAQUE en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

ZUMAQUE en concerto este sábado, día 3 de xuño, ás 20 horas na Casa-Museo Manuel María.


Zumaque é unha formación integrada por catro músicos cunha longa traxectoria nos seus ámbitos musicais. A arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha dilatada experiencia na música sinfónica, o contrabaixista Alfonso Calvo e o percusionista Miguel Cabana, vencellados a múltiples proxectos do jazz e as músicas improvisadas, e o clarinetista Pablo Pascual, que desenvolveu a sua carreira en diversos ámbitos, mais sempre comprometido coa música tradicional galega.
Zumaque propón un percurso renovado polos diferentes ritmos da música tradicional cunha absoluta renovación estética, e cun importante espazo para a creación espontánea e a improvisación. O cuarteto procura pór en valor e dinamizar estruturas e harmonías da música tradicional, cunha tímbrica novidosa e uns arranxos coidados.

Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Proxección do documental “A Cidade da Selva” no Auditorio Municipal de Vilalba

O sábado 2 de xuño de 2023, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza unha nova actividade cinematográfica coa proxección do documental A CIDADE DA SELVA, FUXIDOS E GUERRILLEIROS NOS MONTES DE CASAIOdo director MIGUEL RIAÑO ROA, que estará presente no acto para coloquio.

Reserva de entrada (gratuíta) na páxina https://entradasvilalba.es e, igualmente, pódese facer esta xestión na Casa da Cultura ou, o mesmo día da proxección, na billeteira do Auditorio.

Nota-Informativa-CIDADE-DA-SELVA

Acto de doazón de exemplares da obra e da biblioteca de Darío Xohán Cabana na Biblioteca Rural de San Martiño de Pino [Galería fotográfica]

Na imaxe, familiares de Darío Xohán Cabana con representantes da Asociación Cultural de Pino

Na xornada vespertina do sábado 20 de maio, o local da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino acolleu o acto de doazón de exemplares da obra e da biblioteca de Dario Xohán Cabana. Dito espazo cultural resultou escaso para a afectuosa acollida manifestada pola veciñanza de Pino e doutros lugares que se achegou para recibir unha parte do legado literario do escritor (da parroquia natalicia de Roás, en Cospeito) a esta biblioteca rural chairega. A súa viúva Amelia, a súa filla Alexandra e a súa neta Leonor foron receptoras da gratitude e o agarimo que lles ofreceron as persoas que alí se congregaron.

O acto, organizado pola Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ, fíxose amigable e emotivo xa na intervención inicial da presidenta da citada asociación, Inés Lozano Carral, quen, coas súas palabras, quixo ser voceira do recoñecemento colectivo experimentado ante a dimensión de tal doazón literaria. Despois interveu Ana Castro Pardo que, atendendo ó seu labor docente, realizou un esbozo da figura de Darío Xohán Cabana. A continuación, o escritor Martiño Maseda recitou unha carta-poema creada ex professo para tal celebración. Un momento especialmente emocionante aconteceu cando se proxectou un vídeo con imaxes do propio Darío, no que tamén apareceron outras persoas que quixeron homenaxealo lendo textos das súas obras Galván en Saor e As aventuras de Breogán Folgueira. ou dicindo, a través dunha frase encadeada, unha inesgoble expresión de GRAZAS. Deseguido tomou a palabra Alexandra Cabana Outeiro que, ademais de realizar unha sentida defensa dos libros como un alimento vital necesario, declarou o seu agradecemento polos instantes acontecidos durante o acto de doazón. Agradecemento ao que se sumou a súa nai Amelia Outeiro, quen tamén trasladou a satisfacción de ver como froitos literarios do seu compañeiro de vida, Darío Xohán Cabana, repousaban nos andeis da Biblioteca Rural de Pino para que os desfrutasen as persoas usuarias de devandita biblioteca.

O evento rematou coa interpretación do himno galego por parte de Avelino Roca (secundado polo coro de voces das demais persoas asistentes) co acompañamento musical ao acordeón de Suso Álvarez. Aínda que a súa conclusión definitiva prolongouse coa conversa entre os presentes aderezada coa degustación dun ágape.

Enlace á GALERÍA FOTOGRÁFICA

https://drive.google.com/drive/folders/15JBBNRI9_I3Lx0IAvmxtECUp7x7bUp77?usp=share_link

*Reportaxe fotográfica realizada por José Manuel Pena Regueiro