Este sábado, 15 de abril, ás 18 horas, o programa da TVG Desertores do asfalto, producido por NÓS, produtora cinematográfica galega, estará na Casa-Museo Manuel María para proxectar tres historias que veñen de gravar en Outeiro de Rei. Concretamente as protagonistas son a artesá especializada en cestaría e tecidos e veciña de Cela, Idoia Cuesta, a oleira e veciña de Bonxe, Pepa Lombao e o gandeiro de San Clodio e animador do proxecto Vida de Aldea, Xosé Ramón Rodríguez.

Por tanto este sábado darán a coñecer ás súas protagonistas, e a todos aqueles que se queiran achegar e acompañar, o resultado das gravacións feitas. Coas historias e coa exhibición deste sábado montarán un capítulo, que presenta Rocío Barrio, e que se exhibirá nos próximos meses na televisión pública.

As persoas que queirades asistir podedes anotarvos en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Desertores do asfalto é un programa televisivo que vai pola súa terceira temporada percorrendo Galiza e que tenta pór en valor a cultura popular, a innovación no rural, as tradicións que se mesturan co novo e o día a día das parroquias e da súa veciñanza…