Presentación de catro libros (Paulo Naseiro, Mario Paz González, Moncho Paz, AAVV) de artigos recompilados de AVOZDEVILALBA.GAL

O IESCHA organiza o acto de presentación de catro libros (de Paulo Naseiro, Mario Paz González, Moncho Paz, AAVV), que escolman moitos dos artigos publicados na web avozdevilalba.gal e que terá lugar o venres 5 de maio de 2023, ás 20:00 horas, na  CASA DA CULTURA DE VILALBA.

No acto participarán Baruk Domínguez e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

NOTA_INFORMATIVA_4LIBROSAVOZVILALBA

Carolina Iglesias e Victoria Martín, de Estirando el Chicle, Ignatius Farray, Javier Veiga e Juan Dávila protagonizan a ponte de maio no EMHU

Este domingo 30, ás 16:00 horas, o Castelo de Santo Antón será o escenario do espectáculo  Estirando el chicle en un castillo, que recolle a gravación do exitoso podcast de Carolina Iglesias e Vitoria Martín, que regresan ao EMHU por segundo ano consecutivo

Tamén o domingo 30, ás 18:00h, Ignatius Farray tomará as táboas do Teatro Colón co seu espectáculo de vivencias personais La comedia salvó mi vida

Ás 20:30h, Javier Veiga presentará no mesmo escenario a proxección do seu filme Amigos hasta la muerte, con un show-tertulia posterior protagonizado polo propio Veiga, Marta Hazas, David Amor e Xosé A. Touriñán

O luns 1 de maio será a quenda dun dos ‘showmans’ máis esperados deste terceira edición do EMHU: Juan Dávila, o auténtico mesías da improvisación, que achegará ao Colón, ás 19:30h, o monólogo cómico do momento, La capital del pecado 2.0    

O Encontro Mundial de Humorismo avanza na programación da súa terceira edición esta ponte de maio con Carolina Iglesias e Victoria Martín, de Estirando el Chicle, Ignatius Farray, Javier Veiga e Juan Dávila como protagonistas.

A terceira xornada do EMHU, que se desenvolverá o domingo 30 de abril, contará cun escenario único, o Castelo de Santo Antón, que acollerá un dos shows máis destacados desta terceira edición do festival. Alí chegarán ás 16:00 horas Carolina Iglesias e Victoria Martín -que repiten no EMHU trala súa exitosa visita en 2022- para presentar o espectáculo Estirando el chicle en un castilloEstirando el chicle é un podcast de comedia no que as cómicas conversan con mulleres relevantes da cultura e do entretemento. Nas súas xa cinco temporadas, converteuse nun dos podcasts máis escoitados de España, superando o millón e medio de ouvintes mensuais. O proxecto, galardoado con dous premios Ondas e o Premio EMHU Fenómeno no 2022, fixo historia ao vender todas as entradas do Wizink Center de Madrid en menos de 24 horas, converténdose no espectáculo de comedia máis grande que xamás se celebrou na historia do noso país. Este 2023, no EMHU, Estirando el Chicle achegarase ao Castelo de Santo Antón para unha facer unha gravación especial do podcast con público en directo.

Pola súa banda, Ignatius Farray tomará as táboas do Teatro Colón (domingo 30 de abril, ás 18:00 horas) con La comedia salvó mi vida. Durante una hora e media, Farray contará de corazón as súas vivencias e opinións como cómico coa fe de que a risa, antes ou despois, chegará. Con máis de 12 anos facendo Stand-up Comedy, o artista segue a pensar que ese é o estilo máis xenuíno e verdadeiro de facer comedia, precisamente pola implicación persoal que se supón que hai que ter coas cousas que se din ou se contan sobre o escenario.

Finalmente, a proxección da ópera prima de Javier Veiga como director cinematográfico -baseada na exitosa obra de teatro homónima que batiu récords de billeteira nos teatros galegos, nacionais e incluso internacionais- será o ramo da xornada do EMHU este domingo, 30 de abril. Ás 20:30 horas, o Teatro Colón da Coruña acollerá o primeiro pase con público en Galicia do filme Amigos hasta la muerte, que ten como protagonistas a Marta Hazas, Mauricio Ochmann e ao propio Javier Veiga e en cuxo reparto se contan, tamén, os humoristas galegos David Amor, Xosé A. Touriñán e Ledicia Sola.

Pero a velada promete moito máis, pois haberá proxección, preestrea, coloquio, espectáculo… e o poida xurdir! Así, logo do pase, o público poderá gozar xunto a Javier Veiga, Marta Hazas, David Amor e Xosé A. Toruiñán dunha tertulia para escachar coa risa, onde, ademais de coñecer unha morea de intrahistorias da gravación da película, haberá moitas sopresas e o xenuíno humor destes catro xenios e amigos.


Estrea en Galicia de La capital del pecado 2.0

O EMHU continuará no día festivo e o luns, 1 de maio, será a quenda dun dos showmans máis esperados deste terceira edición do festival: Juan Dávila, o auténtico mesías da improvisación, que achega o monólogo cómico do momento, La capital del pecado 2.0, ao Colón ás 19:30 horas, no que será a súa estrea en Galicia. Un espectáculo ideal, como él mesmo describe, “para vir coa familia, se estás solteiro ou solteira, en parella, co teu grupo de amigas, se estás buscando novas oportunidades ou algunha cita inesperada”. Sábese como comeza, pero o final sempre é decisión do público: será parte do imprevisible mentres goza do show máis falcatrueiro e atrevido do ano. 

No seu programa de actividades paralelas, o EMHU 2023 conta tamén coa exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, que se poderá ver até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso, con acceso libre. Coa mostra, que recolle ilustracións de 50 humoristas -gráficos ou escénicos-, o público poderá descubrir a reinterpretación que fan do mítico cadro de Picasso nomes como Quino, Atxe, Mingote, Gallego y Rey, Elena Ospina, Siro López, Pinto & Chinto ou até o propio Luis Piedrahita. 

AXENDA PROGRAMACIÓN EMHU 2023 PARA A PONTE DE MAIO

Domingo 30 de abril

16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo *

18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida *

20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte *

Luns 1 de maio

19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia) *

* Os medios gráficos (vídeo e foto) poderan tomar imaxes unicamente durante os primeiros cinco minutos de cada show. As fotografías deberán tomarse sen flash e desde o fondo da sala. Non se permitirá o acceso á mesma durante o desenvolvemento do espectáculo. Aqueles medios que teñades algunha necesidade específica por favor, contactade con nós a través do correo ou do whatsapp. Grazas pola vosa comprensión!

20230429-Axendas-EMHU-30-de-abril-e-1-de-maio-Xornadas-3-e-4-EMHU-2023

‘Sin datos no hay paraíso’, ‘Humoris causa’ e a Escuela de Impro Coruña protagonizan a segunda xornada do EMHU

Os ‘influencers’ Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño, que xuntos suman máis de 20 millóns de seguidores en Instagram, YouTube ou TikTok, volverán ao Teatro Colón con ‘Sin datos no hay paraíso’ (17:00h), coas últimas entradas dispoñibles en www.emhu.es

Javier Cansado, Dani Rovira, Eva Hache e Xosé A. Touriñán protagonizan o prato forte da xornada, ‘Humoris Causa’, un espectáculo sen precedentes creado especialmente para o EMHU, que se poderá ver en dobre función -ás 19:00 e 22:00h- no Pazo da Ópera

O alumnado do curso avanzado da Escola de Impro Coruña, dirixida por Oswaldo Digón e Víctor Grande, subirá por vez primeira as táboas acompañado por rostros coñecidos da comedia, na sede coruñesa de Afundación, ás 12.30 horas, con entrada libre

A terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo continúa a súa andaina na Coruña cunha segunda xornada, este sábado, 29 de abril, que promete novamente as mellores risas e que estará protagonizada polos espectáculos Sin datos no hay paraíso e Humoris Causa, aos que se suma a estrea nos escenarios da Escola de Impro Coruña.

Deste xeito, a actividade do EMHU este sábado 29 comezará cunha proposta aberta ao público na sede coruñesa de Afundación: o alumnado do curso avanzado da Escola de Impro Coruña, dirixida por Oswaldo Digón e Víctor Grande, subirá por vez primeira ás táboas acompañado por rostros coñecidos da comedia. A cita será ás 12.30h, con entrada libre ata completar a capacidade do auditorio. É una honra para o EMHU poder axudar, incentivar e apoiar aos talentos da comedia galega do futuro, e máis nun campo tan atractivo como é o da improvisación.

Pola súa banda, os ‘influencers’ Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño volverán ao Teatro Colón -ás 17:00h- con Sin datos no hay paraíso. Xuntos suman máis de 20 millóns de seguidores. Por separado, son referentes en Instagram, YouTube ou TikTok. Agora regresan ao EMHU tras xirar por toda España co espectáculo que estrearon no festival hai un ano. Unha graduación teatral para catro dos artistas de comedia con máis proxección da actualidade. As últimas entradas dispoñibles pódense conseguir Ena web oficial www.emhu.es.

O prato forte do sábado contará cunha dobre función -ás 19:00 e ás 22:00h- no Pazo da Ópera coruñés.  Humoris Causa é un espectáculo sen precedentes e unha das citas ineludibles do EMHU. Creado expresamente para o  evento, este ano conta con catro dos mellores humoristas deste país xuntos por primeira vez nun escenario: Javier Cansado, Dani Rovira, Eva Hache e Xosé A. Touriñán.

No seu programa, o EMHU 2023 conta tamén coa exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, aberta desde este venres 28 ao público que se poderá ver até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso, con acceso libre. Coa mostra, que recolle ilustracións de 50 humoristas -gráficos ou escénicos-, o público poderá descubrir a reinterpretación que fan do mítico cadro de Picasso nomes como Quino, Atxe, Mingote, Gallego y Rey, Elena Ospina, Siro López, Pinto & Chinto ou até o propio Luis Piedrahita.

AXENDA PROGRAMACIÓN EMHU 2023 PARA A PONTE DE MAIO


Sábado 29 de abril

12:30 horas | Afundación: Escuela de Impro Coruña (acceso libre ata completar capacidade)
17:00 horas | Teatro Colón: Sin datos no hay paraíso **19:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa *22:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa * 

Domingo 30 de abril

16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo *
18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida *
20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte *

Luns 1 de maio

19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia)


* Os medios gráficos (vídeo e foto) poderan tomar imaxes unicamente durante os primeiros cinco minutos de cada show. As fotografías deberán tomarse sen flash e desde o fondo da sala. Non se permitirá o acceso á mesma durante o desenvolvemento do espectáculo. Aqueles medios que teñades algunha necesidade específica por favor, contactade con nós a través do correo ou do whatsapp. Grazas pola vosa comprensión!

** Lembramos que para esta fin de semana unicamente quedan dispoñibles acreditacións para cubrir ‘Sin datos no hay paraíso’.

  

20230428-Axenda-sabado-29-Segunda-xornada-EMHU-2023

A ‘Guía ninja do ilustrador’ actualízase para “combater” as novas ameazas das profesións creativas

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) revisa o seu exitoso manual para combater as prácticas abusivas nos eidos creativos

Esta segunda edición trata temas como os concursos especulativos, o novo sistema de cotas de autónomos ou o desenvolvemento dos sistemas de intelixencia artificial

A versión dixital en galego e castelán pódese descargar gratuitamente no micrositio www.guianinjadoilustrador.org

Desde hoxe, 28 de abril, xa é posible descargar a segunda edición, revisada e ampliada, da exitosa Guía ninja do ilustrador, impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Este manual “ninja” de apoio a profesionais creativos freelance está dispoñible gratuitamente en formato dixital na web www.guianinjadoilustrador.org e a partir de maio comezará a súa distribución en papel. Ademais, esta segunda edición vaise presentar publicamente na vindeira Feira do Libro de Buenos Aires.

A maioría dos profesionais da ilustración son autónomos, o que na práctica se traduce en que operan como miniempresas. Non só teñen que crear, senón que deben afrontar cuestións máis prosaicas como a elaboración de plans de empresa, o negocio de proxectos, a estimación de orzamentos ou a redacción de contratos e facturas. Tamén deben coñecer a fondo os dereitos e deberes da súa creación artística para protexela e poder explotala. E, por se non abondase, han de se manexar nun mercado complexo e protexerse de prácticas abusivas. Para sortearen con éxito estas dificultades, os ilustradores freelance precisan adestramento e habilidades ninja.

En 2016, a primeira edición da Guía ninja do ilustrador veu encher o baleiro sobre estas cuestións dun xeito áxil, con abundantes ilustracións, infografías e enlaces a recursos útiles para os creativos freelance. A nova edición mantén a estrutura de decálogo da súa predecesora pero ve a luz con novidades relativas tanto ao continente como ao contido. Así, desta volta incorpóranse dez viñetas ilustradas por José Domingo e Alberto Guitián que xogan coa estética e o imaxinario xaponés. A versión animada destas viñetas difundirase nas redes sociais da AGPI como minicápsulas de vídeo.

No que respecta aos contidos, trátanse temas como os concursos especulativos, isto é, os certames abusivos ou non-éticos, ou cuestións de actualidade como o novo sistema de cotas de autónomo, máis equitativo pero ao mesmo tempo máis embrollado ca o anterior. Non falta na Guía ninja do ilustrador unha parte dedicada ás intelixencias artificiais gráficas, sistemas cun desenvolvemento exponencial que poñen en serio perigo a subsistencia de moitos creadores.

O lanzamento da primeira edición da guía estivo marcado por unha extraordinaria acollida, da que dan conta as cifras acadadas: superáronse máis de 25 000 descargas da versión dixital e o milleiro de exemplares impresos esgotouse en poucos meses. Ademais, foi moi ben acollida por outras asociacións europeas e mesmo traducida ao italiano e ao turco. O seu lanzamento complementouse con exposicións e charlas en escolas de arte e deseño galegas. As claves do seu éxito vertebráronse nunha comunicación áxil, onde o humor e o tratamento visual se aliaban para tratar problemáticas globais comúns a case todos os creadores freelance.

Agora, sete anos máis tarde, chega esta nova edición, que baixo o lema ‘Máis ninja, my friend’ segue a combater os principais perigos e problemas que rodean a profesión e proporciona ideas sobre como facerlles fronte. A Guía ninja do ilustrador tamén vai dirixida a estudantes de arte, creativos freelance, clientes, amigos da ilustración e, sobre todo, ás persoas que comezan ou queren comezar na profesión. O proxecto está editado coa axuda da Deputación da Coruña e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

As versións en PDF da guía en galego e en castelán están dispoñibles para a súa descarga gratuíta no micrositio www.guianinjadoilustrador.org. A versión impresa, editada en galego, estará á venda a un prezo simbólico de un euro (1 €) en librarías e espazos culturais, e distribuirase de xeito gratuíto nas escolas de arte de Galicia. A lista completa de puntos de venda publicarase a partir da segunda quincena de maio. Alén diso, a páxina actualizarase coas novidades relacionadas cos temas da guía, que tamén se van difundir a través da web da AGPI e as súas redes sociais.

20230428-NP-Guia-ninja-do-ilustrador