Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta recibirán os Premios EMHU 2023

Os galardóns entregaranse o domingo 7 de maio no marco da gala Fantastic Colofon, que contará coa participación de Luis Piedrahita, Carolina Iglesias e Pantomima Full

O Encontro Mundial de Humorismo anuncia o palmarés da súa terceira edición, que se celebrará na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta recibirán os Premios EMHU 2023, cuxos galardóns se entregarán na gala de peche  Fantastic Colofon. O espectáculo, que será o ramo do evento e contará coa participación de Luis Piedrahita, Carolina Iglesias e Pantomima Full, terá lugar o domingo 7 a partir das 20.30 no Teatro Colón. As entradas para a cita están esgotadas desde hai semanas. 

Leo Harlem recibirá o Premio EMHU Wenceslao Fernández Flórez, un galardón honorífico que recoñece a unha figura española cuxa traxectoria, talento e tesón supoñan unha achega significativa na forma de facer comedia. “Con máis de 20 anos de carreira, Leo é un dos iconos máis recoñecibles do xénero do monólogo a nivel nacional, sendo exempelo do humor amable”, sinala o director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, quen destaca “a alegría infatigable” do cómico “e a súa maneira divertidísima de estar sempre enfadado”: 

Pola súa banda, o Premio EMHU Fenómeno, que se outorga ao fenómeno humorístico revelación do ano, recaerá neste 2023 en Laura Caballero, creadora, directora e guionista dalgunhas das comedias máis exitosas dos últimos tempos en España. Nos últimos meses, Caballero e a súa produtora, Contubernio Films, estrearon a serie Machos Alfa e as novas tempadas de La que se avecina e El pueblo. Tal e como afirma Luis Piedrahita, o EMHU recoñece “o seu traballo inxente, o seu olfato para a comedia e a súa capacidade para reinventar o humor capítulo a capítulo, tempada tras tempada e ano tras ano”.

O humorista gráfico coruñés Siro López, “unha columna na que o EMHU apoiouse desde a primeira edición, gozando e aproveitando o seu coñecemento, cariño e humor”, asevera Piedrahita, será o galardoado do Premio EMHU Fugas que se outorga a unha figura galega de proxección global, e que no 2022 recibiu Cristina Castaño. Finalmente, o Premio EMHU Álvaro Cunqueiro a unha figura internacional da comedia recoñecerá ao mexicano Carlos Ballarta, que o director artístico do EMHU define “como un dos cómicos latinoamericanos máis orixinais, modernos e inspiradores”, e do que destaca “o seu compromiso coa comedia e co humor de altura demostrado nos seus espectáculos Falso profeta, Furla Ñera ou Rebelde Comodino”.

EMHU 2023


A terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. O evento, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e El Espectador (Madrid), e que conta co apoio do Concello da Coruña, Xunta de Galicia e Estrella Galicia, reunirá durante dez días na cidade herculina os espectáculos a as figuras máis destacadas da comedia a nivel estatal. Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dani Rovira, David Amor, Eva Hache, Eva Soriano, Leo Harlem, Ignatius Farray, Javier Cansado, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Marta Hazas, Pantomima Full, Sílvia Abril, Victoria Martín e Xosé A. Touriñán estarán presentes na cita, que tamén contará coa participación de Buenismo Show (Henar Álvarez, Manuel Burque e Quique Peinado), Estirando el chicle (que se gravará desde o Castelo de Santo Antón) ou La Ruina (con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes). Ademais, figuras galegas das comedia estrearán espectáculo: é o caso de Carmen Méndez, Ledicia Sola, Marta Doviro e Oswaldo Digón, que presentarán As R(h)umorosas e Ansia viva, respectivamente; o arxentino Juan Barraza estreará en España Garabato controlado e ‘influencers’ como Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño regresarán ao Teatro Colón coa súa proposta Sin datos no hay paraíso.  

As últimas entradas dispoñibles para a programación de espectáculos pódense conseguir en www.emhu.es. Ademais, EMHU contará con actividades gratuítas e de acceso libre até completar aforo, como a exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (desde o 28 de abril na Casa Museo Picasso), a charla Picasso e a caricatura (venres 28, 19;00 horas, na Casa Museo Picasso) ou a función da Escuela de Impro A Coruña (sábado 29, 12:30 horas, na sede de Afundación).

20230425-NP-GAL-Premios-EMHU-2023

Ataque Escampe estrea o vídeo de ‘A cociña práctica’, con Antía Ameixeiras

Ataque Escampe lanza este martes 25 o vídeo de A cociña práctica, sinxelo no que colabora Antía Ameixeiras

A peza, asinada por David Silva e protagonizado pola propia Ameixeiras, a actriz Paku Granxa  e o membro do grupo Lois Carlín, mestura a estética bucólica coa parodia dos programas de cociña

A presentación ao vivo de Cabalgata será este sábado 29 na Sala Capitol, nun concerto que abrirá  un combinado de membros da Banda de Lalín; e, ao remate, a Sala Sónar acollerá unha festa posconcerto con pinchadas das djs Pídechas o Corpo e do propio grupo 

Ataque Escampe estreará mañá, martes 25, a peza audiovisual que acompaña A cociña práctica, tema no que colabora a violinista e vocalista Antía Ameixeiras, e que se presenta como o cuarto sinxelo do recén estreado LP Cabalgata. O vídeo poderase visualizar a partir das 10.30 horas na canle de Youtube da banda compostelá

“Temos perto o forno, que máis dá / vemos medrar o queique de masa nai”. A letra de A cociña práctica xoga en varios puntos coas imaxes gastronómicas para tratar, tal vez, os diversos xeitos de entender as relacións. E esa diversidade déixase ver tamén na imaxinación posta nos arranxos dun tema que busca ir máis aló do tradicional dueto home-muller, incluíndo sorpresas como referencias a Los Chichos ou Ace of Base, un solo de saxo final nos límites do kitsch e unha receita de filloas explicada por Delfina Sánchez (avoa do batería Cibrán Tenreiro).

Antía Ameixeiras, membro do dúo de música de raíz Caamaño&Ameixeiras (Premio Martín Códax na categoría de Folk) e exintegrante de Oîma ou Luar na Lubre, achégase aquí como cantante a un rexistro máis pop -ao igual que no tema Supermartes– e dá pé a unha das colaboracións máis destacadas na traxectoria de Ataque Escampe. Ela é, tamén, unha das protagonistas do vídeo musical da canción. Dirixido por David Silva, o clip é igualmente unha sucesión de sorpresas. Rodado en Lanzós (Vilalba), parte dunha estética bucólica que pode lembrar algún dos filmes de Sofia Coppola para acabar integrando imaxes como a de Antía Ameixeiras cunha motoserra e un programa de cociña que remite, nun ton algo desquiciado, aos formatos da televisión matinal. A actriz Paku Granxa (Cuñados, Saudade de ti) interpreta a presentadora e o baixista de Ataque Escampe, Lois Carlín, o cociñeiro.

Presentación ao vivo de Cabalgata na Sala Capitol

O sábado 29 Ataque Escampe actuará na Sala Capitol compostelá para presentar Cabalgata. O grupo interpretará tanto os temas deste álbum como unha selección do seu repertorio anterior, no que supón o seu regreso aos escenarios da súa cidade despois de catro anos. Acompañaraos unha selección de membros da Banda de Lalín, que abrirá o concerto achegando a tradición das bandas de música a un contexto pop. As entradas están á venda, a partir de 10 euros, na web de www.ataquilla.com; mentres na billeteira costarán 15 euros. Ao remate da presentación, poderase seguir a festa nun evento posconcerto: a partir das 00:30 horas, na Sala Sónar pincharán as djs Pídechas o corpo Guateque Sessions e un set de membros de Ataque Escampe.

Cabalgata 

Cabalgata é o oitavo disco de Ataque Escampe. A banda compostelá volve amosarnos no seu novo LP, producido polo Hevi, o seu universo creativo, mantendo os seus trazos de identidade (como o coidado dunhas letras apoiadas no humor e a vulnerabilidade e o achegamento a estilos diversos) e achegando tamén numerosas novidades tanto na instrumentación -como a presenza de sintetizadores e, ocasionalmente, de saxo e bases electrónicas- como a nivel lírico. O fío principal do disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, “como espazo inesgotable que nos interpela”. De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados ou a emotividade da relación cos animais. 

20230424-NP-Ataque-Escampe-estrea-o-video-de-A-cocina-practica

Brais das Hortas este sábado 29 na Casa-Museo Manuel María co seu “Concertasso na horta”

O PÚBLICO INFANTIL E FAMILIAR PODERÁ ESTE SÁBADO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, GOZAR CON BRAIS DAS HORTAS E O SEU ESPECTÁCULO MUSICAL “CONSERTASSO NA HORTA”

O auditorio da Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 29 de abril, ás 17 horas, o espectáculo, para público infantil e familiar, “Consertasso na horta” de Brais das Hortas.

Grelos e temazos, cun equilibrio variado de formas e estilos – como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudábel! A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenouras, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao -é o propio!- e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, coma o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda á veciñanza para botarlle o sulfato ás viñas. E máis temazos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis. Música e humor para toda a familia. Letras e arranxos coidados para sementar e apañar risos e ganas de cantar xuntas.

Billete: 2 euros. É necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621