Andanzas do Suso de Lameliña. OUTONO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

OUTONO

Chega o outono, a estación das mil cores, na que a natureza aos poucos vai desfacéndose de toda aquela roupaxe con que a primavera, no seu día, a obsequiara. Unha estación fermosa, tamén triste, que nos anuncia a chegada dos días curtos e do cru inverno. 

Unha estación chea de melancolía, que sempre que se achega me fai lembrar aquel poema de Jacques Prèvert, “Las feuilles mortes”, na voz de Ives Montand :  

Oh! je voudrais tant que tu te souviennes,

Des jours heureux où nous étions amis

En ce temps-là, la vie était plus belle,

Et le soleil plus brûlant qu’aujourd’hui.

Les feuilles mortes se ramassent à la pelle,

Tu vois, je nái pas oublié

O outono, amiga de poetas e pintores, fonte de inspiración, e da que eu, tamén me ocupei en diversos poemas:

OUTONO

Volverán de novo as follas mortas

A pintar de amarelo o noso chan.

As castañas de fartura encherán 

O outono que xa chama ás nosas portas.

Volverán de novo os cogomelos

A poboar as fragas milenarias 

E outra vez os castiros e os carballos

Se han de espir de pasado e de paxaros.

Volverá a nostalxia a rosear

No xardín oculto do maxín

E a lembrarnos o breve que a vida,

O efémero do noso existir.

Volverán de novo as follas mortas,

Achegarannos lembranzas e lamentos

De vellas paixóns que un día partiron,

Que Jacques Prėvert nos canta nos seus versos.

Tristeza de outono,

Fálame da soidade,

Do desamparo,

Dos soños que o vento espalla

Polos sendeiros espidos da melancolía.

Fálame do silencio das follas murchas,

Do laiar do vento na foresta,

Dos días que non volverán.

Fálame, tristeza,

Cos teus versos de calada presenza,

Versos latentes no caixón das lembranzas.

Fálame, tristeza,

Tristeza de outono.

__________________________________________

OUTONO

Mírasme,

o teu rostro asomando ledo

por entre a amarelenta e luída foto.

Mírote

nunha paisaxe a medio espir, cargada

de ocres e vermellos;

o café arrefriando sobor da mesa.

Mírasme

con esa ollada de comer o mundo

daquel novembro do setenta e cinco.

Mírote

na ansia do teu sorriso.

Mírasme,

sobor da mesa a cunca de café baleira.

Tráenos a rosada

no seu colo o outono.

Reverdecen os campos

co mimar da esvelta choiva.

Soan as follas no chan,

céibanse os castiñeiros

dos seus cumpridos ourizos.

Solitario na verea, 

sen rastro humano,

escoito ao lonxe,

na miña acougada andada,

o melancólico murmurio

das augas do río Cruzul.

o outono a esmorecer

engorde

follas que caen

cun son de tristura

bolboretas a destempo

que leva o vento

e as tebras 

aniñando no corazón da luz

O outono, que para nós os lucenses, ten unhas connotacións moi especiais, pois o seu inicio está unido irremisiblemente á gran festa de outubro de Galicia: O San Froilán. Festa que sempre me fai retornar á miña infancia cando me levaban desde Castroverde as atraccións do xa desaparecido, “Campo da Feira”, e xa de adolescente e mozo ao principio do curso no Instituto masculino, máis tarde na Escola de maxisterio.

rúas atestadas 

camiñan entre o xentío

aboian retinas no carrusel da nenez

medra en nós o outono

LEMBRANZAS DE SAN FROILÁN 

Outubro, luces e cores,

o verán aínda na pel.

San Froilán, vellas lembranzas,

festexos grandes de outono .

Peludez e Filomena,

bulideiros, falangueiros.

Con eles retranca e contos

para contar no Progreso.

Nenez montada ao carrelo

de algareiros cabaliños.

Puberdade que viaxa

en eléctricos carriños.

Facianas desfiguradas

por insolentes espellos.

Tómbolas de boa sorte,

emoción… pozo da morte.

Motos en torno á Muralla,

carreiras pra non perderse.

Polbo e viño nas casetas

do vello campo da feira.

Na Praza Maior, orquestras,

fogos de artificio á noite.

Tres días que non se esquecen,

cinco, domingo e doce:

O cinco, día do santo

ninguén a esta cita falta. 

O Domingo, o das Mozas,

rúas de xente ateigadas. 

E o doce, polo Pilar,

que soidosos ficabamos! 

Outubro, fin do verán,

novo curso, amigos vellos.

SAN FROILÁN

outubro

tempo de estrea de libros

nunha paisaxe festeira

coches de choque

baixo a choiva

orquestras na Praza de España

cancións de Roberto Carlos

para bailar amarrado

espellos pozo da morte

tiro e viño de Aragón

outubro

adolescencia soportada

baixo o sabre do pecado

e a fusta do represor

outubro

San Froilán 

na espiral dos meus recordos 

Xa está aquí o outono e a voz, melancólica e fermosa de Ives Montand volve, de novo, a soar, nestes derradeiros dás de setembro.

C’est une chanson qui nous ressemble,

Toi qui m’aimais, et je t’aimais.
Nous vivions tous les deux ensemble,
Toi qui m’aimais, moi qui t’aimais.
Mais la vie sépare ceux qui s’aiment,
Tout doucement sans faire de bruit.
Et la mer efface sur le sable,
Les pas des amants désunis.

O FIOT lanza ‘Onda FIOT’, novo espazo que aúna as iniciativas sonoras promovidas polo festival

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo lanza ‘Onda FIOT’, un novo espazo web que aúna as iniciativas sonoras promovidas polo certame 

O público poderá escoitar desde www.fiot.gal as últimas obras gañadoras do Concurso Escolar de Teatro Lido, que mantén aberto o prazo de inscrición até o 8 de outubro; as creacións do FIOT Fónico ou mesmo a nova ‘Escola do Espectador nas Ondas’

Carballo, 22 de setembro de 2022.- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ultima detalles da súa nova edición, que se celebrará do 30 de setembro ao 31 de outubro. Baixo o lema #VocesFIOT, o festival reivindicará este ano as voces singulares de artistas e compañías cunha marcada identidade e personalidade propia. Unha programación ampla, ambiciosa e que se vertebra coa vontade de chegar a todos os públicos. E, neste sentido, o propio FIOT expándese alén do teatro e segue a incorporar, como en cada edición, novas actividades paralelas.

Como parte deste medrar, o FIOT presentará un novo formato que recolle vellas inquedanzas: Onda FIOT, un espazo web que fai accesibles as iniciativas de teatro sonoro promovidas polo festival ao longo destes últimos anos, e que estará dispoñible nas vindeiras semanas a través da páxina oficial www.fiot.gal Así, o público poderá escoitar, por fin e desde calquera dispositivo, as últimas obras gañadoras do Certame do Teatro Lido; as ficcións sonoras do FIOT Fónico -‘A lúa, válvula de spray’ e ‘O espello que arde’- ou mesmo a Escola do Espectador, iniciativa pioneira no seu día en Galicia e que este ano dará un paso máis na súa traxectoria. Coa volta da presencialidade, volveranse celebrar espazos de diálogo e reflexión arredor das dramaturxias para xerar, á vez, unha nova ferramenta crítica e contemporánea: A Escola do Espectador nas Ondas, que se gravará ao vivo en Carballo, en formato podcast, durante as fins de semana de outubro da man de voces especializadas en artes escénicas. Estes capítulos ou novos arquivos sonoros  estarán dispoñibles tanto na web do festival como noutras plataformas dixitais. 

Tal e como lembra a dirección do FIOT, a incorporación das novas tecnoloxías no mundo das artes abriu novos campos para achegar o feito artístico ao público. Se ben o festival conta desde hai 21 anos cunha liña específica de programación vinculada ao teatro sonoro -o Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’-, nos últimos anos impulsou propostas singulares no panorama escénico galego. É o caso do FIOT Fónico, e que permitiu ao público, en plena pandemia, gozar gratuitamente de obras de teatro de autoras da Costa da Morte a través do teléfono móbil e tiñan, como escenografía, as rúas Carballo. 

Nesta vontade de sumar novas iniciativas e públicos ao seu extenso programa, e que medren xunto ao festival dun xeito firme e sostido, este ano o FIOT abre esta nova xanela a través da súa propia páxina web, á fin de ter, neste Onda FIOT, un espazo de referencia para que estas creacións estean dispoñibles, dun xeito estable, ao longo de todo o ano.

Aberta a inscrición para o XXI Concurso de Teatro Lido

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo mantén aberta estes días, precisamente, a inscrición para participar na nova edición do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, o certame dirixido ao alumnado dos centros educativos e asociacións da comarca de Bergantiños que pretende favorecer o coñecemento das artes escénicas entre a rapazada así como a súa iniciación á interpretación dramática. Organizados en grupos de entre 2 e 8 menores, cada colectivo interpretará un fragmento dun texto teatral -de temática libre e para todos os públicos-, que gravarán, cos recursos sonoros que consideren axeitados, nun vídeo de entre 2 e 5 minutos. 

O prazo da solicitude de inscrición no Concurso estará aberto até o 8 de outubro a través do correo electrónico fiot.teatro.lido@gmail.com e o límite para a presentación dos arquivos de vídeo será o 18 de outubro a través da mesma dirección de correo. Entre todas as propostas presentadas, un xurado seleccionará unha ducia das mesmas para gravar, nun estudio profesional de radio – Radio Voz Bergantiños-, as ficcións. Entre todas elas sairán as finalistas do Concurso, cuxa gala final terá lugar o 13 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo. Os premios consistirán en libros e material didáctico ofrecido pola Libraría Brañas. Para máis información sobre o certame, pódese visitar o web  oficial www.fiot.gal

NP-Onda-FIOT-e-Concurso-Teatro-Lido

O FIOT activa este martes 20 a venda de bonos e entradas para a súa 31ª edición 

O FIOT activa este martes 20 a venda de bonos e entradas para a súa 31ª edición

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo porá a disposición das asociadas de Telón e Aparte, desde hoxe e até o domingo 25, os bonos do Programa de Sala; e o público xeral poderá adquirilos a partir do día 27

As entradas soltas para os espectáculos de Sala, OTNI e FIOT en Ruta poderanse mercar a partir do martes 27 e até o día anterior a cada función a través da plataforma web www.ataquilla.com

A venda de bonos e entradas para os espectáculos de Rúa dos Contos activarase o mércores 21 a través de www.ataquilla.com así como nos locais de hostalería nos que se desenvolvan

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a gran celebración das artes escénicas de Galicia, activa esta semana a venda de bonos e entradas para os espectáculos da súa 31ª edición, que terá lugar do 30 de setembro ao 31 de outubro.

Este martes, 20 de setembro, activarase a venda de 200 bonos para o Programa de Sala,  e que permitirán ao público asistir a un total de 8 funcións, incluída a estrea absoluta, o 7 de outubro, dePirolíticos, así como as estreas en Galicia de Búho, 70 años: Leo Bassi, Impalpable, Eclipse total e La voluntad de creer; ademais das funcións de Silencio Recortes, caneos e outras formas de driblar. Estes billetes, que se poderán adquirir na plataforma www.ataquilla.com, terán un prezo ordinario de 80 euros; mais o alumnado con carné de estudante, persoas maiores de 60 ou menores de 18 e aquelas que estean en situación de desemprego, poderán adquirilo por 75 euros. 

As persoas asociadas da AC Telón e Aparte terán un prazo exclusivo para a adquisición destes bonos, desde o propio martes 20 até o vindeiro domingo 25. Unha vez finalice este período, os bonos restantes para o Programa de Sala sairán á venda para o público xeral o martes 27 de setembro, o mesmo día no que tamén se activará a posibilidade de adquirir entradas soltas para cada representación (entre 10 e 15 euros, gastos de xestión non incluídos). Tamén o día 27, desde o espazo web www.ataquilla.com, estará activa a posibilidade de mercar os billetes para as funcións do ciclo OTNI e do FIOT en Ruta (nos dous casos as entradas terán un prezo de cinco euros por función). 

No caso da Rúa dos Contos, poranse á venda este mércores 21 30 bonos cada un para asistir a catro funcións: Good Sex Maritxu, Pablo Meixe e Adrián do Regenco, Quico Cadaval e Chusa, e Óscar Terol. As entradas soltas para estes espectáculos, como para os que restan desta liña de programación, estarán dispoñibles para o público desde este mércores na plafatorma www.ataquilla.com, ou nos locais de hostalería que programen algúns destes shows. O prezo destas entradas vai dos 4 e até os 10 euros (sen gastos de xestión). 

Finalmente, os días de función habilitarase unha billeteira no espazo da representación desde 90 minutos antes do inicio da mesma. Nestes casos os gastos de xestión xa estarán incluídos no prezo da entradas. 


BONOS PROGRAMA DE SALA
– Martes 20 a domingo 25: asociadas AC Telón e Aparte en www.ataquilla.com 
– A partir do martes 27: público xeral en www.ataquilla.com

BONOS E ENTRADAS RÚA DOS CONTOS
– A partir do mércores 21 de setembro en www.ataquilla.com


FUNCIÓNS RÚA DOS CONTOS EN LOCAIS DE HOSTALARÍA CON ENTRADA 
– A partir do mércores 21 de setembro nos locais ou en www.ataquilla.com


ENTRADAS SOLTAS PARA PROGRAMA DE SALA, OTNI, FIOT EN RUTA
– A partir do martes 27 e até o día anterior a cada función en www.ataquilla.com.