OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado
Título do libro: Un elefante na sala de estar
Autor: Berta Dávila
Editorial: XERAIS
Ano de publicación: 2022
Repito autora. Desta vez cunha obra que forma parte do catálogo Fóra de xogo, de Xerais, e que acadou o XIII Premio Jules Verne. Con todo, coido que pode ser de interese, tamén, para o público adulto –se é que existe fronteira algunha entre estes dous territorios-.
A trama xira ao redor do suicidio. Déixase claro desde o inicio e evítase, en calquera momento, camuflar ou subordinar este tema a outros. Un punto elemental da obra é o rigor desde o que se narra este feito e se abordan cuestións relacionadas coa saúde mental. A autora, desde o meu punto de vista, sae ben parada deste reto.
Outro dos acertos sitúase na maneira en que se constrúe unha protagonista ausente. Imos sabendo dela a través da mirada poliédrica do resto de personaxes, que dan contan do universo de Rosa.
Un elefante na sala de estar non é tan só un libro que fale de temas que estamos a recuperar no espazo público. Non. É moito máis. É memoria, reparación e afecto, entre outras moitas cousas.
Gustoume, especialmente, o peche da obra coa parábola hindú, que a seguir vos deixo:
“Catro sabios cegos querían saber como era verdadeiramente un elefante e pedíronlle ao rei que lles deixase tocar un.
Un tocou a cola do elefante e dixo: un elefante é coma unha corda.
Outro tocou o bandullo e dixo: un elefante é coma un tambor.
Outro tocou a orella e dixo: un elefante é coma un abano.
O último tocou unha das patas e dixo: un elefante é coma o tronco dunha árbore.
Como non se poñían de acordo preguntáronlle ao rei quen deles os catro dicía a verdade e o rei contestou así: o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefante é a suma de todo iso e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería”.