Andanzas do Suso de Lameliña. O SEÑOR XACINTO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O SEÑOR XACINTO

O señor Xacinto, que nacera aló nunha aldea dos Ancares lucenses a finais do XIX, nunca gozou de boa saúde. De mozo detectáronlle unha doenza cardíaca e non podía realizar traballos que requirisen moito esforzo, doenza que coa idade foi agravándose. Mal, que por outro lado non lle impedía outro tipo de actividades máis gozosas relacionadas coa carnalidade, ata o punto de deixar preñada á muller unhas sete veces. Iso si, coller un sacho ou unha forcada non podía e todo o peso da casa recaía sobre a súa dona e as fillas maiores.

A miseria naqueles tempos nesta bisbarra da montaña lucense, se se quere aínda máis ca noutros puntos de Galicia, era moita; a maioría das familias, e non ía ser menos a do señor Xacinto, simplemente subsistían. Tres ou catro vacas coma moito, uns cochos e unhas galiñas era toda a súa facenda; unha casa apenas apta para vivir, unha horta e unhas poucas e pequenas leiras, cada unha onde cadrase, completaban as súas pertenzas.

E coma a necesidade obriga, a xente xove comezou a marchar polo mundo adiante. Os lugares preferidos foron principalmente Barcelona e Francia. Non había máis que, chegado o verán, dar unha volta polas vilas  para comprobar o que veño de comentar. Só se vían coches con matrícula B de Barcelona ou francesa.

As fillas e fillos do doente Xacinto seguiron o mesmo camiño cos seus veciños e veciñas. Algunhas casaron  e ficaron en vilas próximas, pero a maioría emigrou para Barcelona, París ou Marsella. Só quedou na casa o fillo máis novo, a quen o traballo tamén o magoaba pero non así a pándega. Deste xeito a única que traballaba na casa era a coitada da nai, que abondo tiña con atender á facenda e facer a comida, polo que o señor Xacinto, podía andar coa roupa meses e meses sen ser sometida ao agarimo refrescante da auga da pía.

Era famoso xa o seu chaleco que brillaba coa merda que levaba enriba, competindo co fulgor da cadea do reloxo de bolso que nunca abandonaba. O fillo, coma veño de dicir, no canto de axudar a nai e de ter minimamente limpo o pai, adicábase a ir de xoldas e  enchedelas polas vilas próximas, Lugo ou Ponferrada. Mais cando chegaba o verán e viñan os de Barcelona e se enchía a aldea de vida, sentía vergoña do pai e berráballe: “Agóchese, papá! Agóchese, papá!”. Ao tempo facíao entrar na casa para que non ofendera a vista dos forasteiros.

Menos mal, que a non tardar moito,  aparecía algunha filla chegada de Catalunya ou Francia e o primeiro que facía era coller a roupa do vello e despois de tirala ao lixo, cambiala por outra nova e decente. Logo, despois de deixar mobles, na medida do posible, ceibes de po e, de liberar corredor e cuartos de molestos arácnidos, baixaba á vila e cargada de lixivia regresaba para fregar debidamente as distintas dependencias. Contábame un sobriño dunha filla que quedou nunha aldea do concello: “Cando ía de visita, xa sabía se viñera a tía ou non. Aínda ben non abría a porta, o cheiro a lixivia confirmábame a súa presenza.”

E así inverno tras inverno, verán tras verán foi pasando a vida do patriarca ata que entregou a alma ao Creador. Logo tocaríalle a quenda a súa dona, ficando a casa, como a maioría das da aldea, baleira, só visitada, coa chegada do verán polos descendentes, os que co paso dos anos tamén foron deixando este mundo. Hoxe, a casa do señor Xacinto esmorece no abandono, coma a maioría das do noso rural, mais a lembranza do seu amo aínda segue presente na memoria da veciñanza: “ Agóchese, papá! agóchese, papa!”