OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Un elefante na sala de estar

Autor: Berta Dávila

Editorial: XERAIS

Ano de publicación: 2022

Repito autora. Desta vez cunha obra que forma parte do catálogo Fóra de xogo, de Xerais, e que acadou o XIII Premio Jules Verne. Con todo, coido que pode ser de interese, tamén, para o público adulto –se é que existe fronteira algunha entre estes dous territorios-.

A trama xira ao redor do suicidio. Déixase claro desde o inicio e evítase, en calquera momento, camuflar ou subordinar este tema a outros. Un punto elemental da obra é o rigor desde o que se narra este feito e se abordan cuestións relacionadas coa saúde mental. A autora, desde o meu punto de vista, sae ben parada deste reto.

Outro dos acertos sitúase na maneira en que se constrúe unha protagonista ausente. Imos sabendo dela a través da mirada poliédrica do resto de personaxes, que dan contan do universo de Rosa.

Un elefante na sala de estar non é tan só un libro que fale de temas que estamos a recuperar no espazo público. Non. É moito máis. É memoria, reparación e afecto, entre outras moitas cousas.

Gustoume, especialmente, o peche da obra coa parábola hindú, que a seguir vos deixo:

“Catro sabios cegos querían saber como era verdadeiramente un elefante e pedíronlle ao rei que lles deixase tocar un.

Un tocou a cola do elefante e dixo: un elefante é coma unha corda.

Outro tocou o bandullo e dixo: un elefante é coma un tambor.

Outro tocou a orella e dixo: un elefante é coma un abano.

O último tocou unha das patas e dixo: un elefante é coma o tronco dunha árbore.

Como non se poñían de acordo preguntáronlle ao rei quen deles os catro dicía a verdade e o rei contestou así: o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefante é a suma de todo iso e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería”.

Todo listo para a estrea absoluta de Inventio no Teatro Jofre de Ferrol 

O Teatro Jofre acolle o este venres 30 de setembro, ás 20.00 h, a estrea e o inicio da xira de Inventio, un espectáculo de gran formato para público familiar co Camiño de Santiago como fío condutor

Lodo da súa estrea, Inventio recalará en Santiago de Compostela os días 7, 8 e 9 de outubro con cinco funcións

Toda a información actualizada sobre a xira e a venda de billetes está dispoñible na web www.inventio.gal

A dous días da súa estrea absoluta, o elenco artístico de Inventio presentou esta mañá aos medios de comunicación un petisco do espectáculo no Teatro Jofre de Ferrol. No acto tamén participaron Martín Varela, director creativo de Inventio e portavoz de Thinking Up Events; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Antonio Golpe, concelleiro de Cultura e Deporte do Concello de Ferrol; e mais Susan Santos, responsable territorial en Galicia da Fundación “la Caixa”.

Na súa intervención Varela destacou as dimensións de Inventio, tanto en medios humanos como materiais, e agradeceu ao equipo e ás entidades colaboradoras a súa xenerosidade e paixón para facelo realidade. Tamén salientou o grande obxectivo do espectáculo: o entretemento. Inventio é un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man. 

O público de Ferrol vai ser a primeira testemuña da mestura de maxia, danza, artes circenses e música que dan forma a este espectáculo de gran formato que xoga coa hipótese dun Camiño de Santiago ambientado no ano 2094. Inventio permanecerá en Ferrol ata o 2 de outubro, onde brindará un total de cinco funcións antes de comezar a xira polo resto de Galicia e localidades seleccionadas de España e Portugal. Así, logo da estrea no Teatro Jofre, Inventio xa confirmou o seu paso por Santiago de Compostela (7-9 outubro), Salamanca (28-29 outubro), Lugo (4-5 novembro), Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal

Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos… Todo isto e moito máis é Inventio, un espectáculo para público familiar que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José l. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupeformada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Contacto de prensa INVENTIO

The Office Comunicación

Bea Pérez | 604 070 409 I bea@theofficeco.es

Luisa Castiñeira | 630 223 255 I luisa@theofficeco.es

Descarga do press kit online de Inventio:

(NP, dossier de prensa, logo e cartel, fotografías, vídeos e audios)

https://cutt.ly/Inventio

Xira Inventio | Datas anunciadas

30 setembro – 2 outubro | Teatro Jofre | Ferrol

7 – 9 outubro | Auditorio de Galicia | Santiago de Compostela

28 – 29 outubro | Centro de las Artes Escénicas y de la Música | Salamanca

4 – 5 novembro | Auditorio Gustavo freire | Lugo

11 – 13 novembro | Auditorio Sede Afundación | Pontevedra

26 – 27 novembro | Palacio de Congresos y Exposiciones | Cáceres

2 – 3 decembro | Auditorio Municipal | Ourense

29 – 30 decembro | Teatro Campos Elíseos Antzkia | Bilbao

3 – 4 xaneiro 2023| Auditorio Mar de Vigo | Vigo

13 – 14 xaneiro 2023 | Teatro Colón | A Coruña

inventio.gal   #inventiotour

20220928-NP-Presentacion-Inventio-FERROL

A narración oral galega, o recordo de Pedro Brandariz e o público infantil, protagonistas da primeira fin de semana de programación do FIOT31

A narración oral galega, o recordo de Pedro Brandariz e o público infantil, protagonistas da primeira fin de semana de programación do FIOT31

  • A nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo comeza o venres 30 cunha xornada marcada polas estreas absolutas de ‘Os contos de William Shakespeare’, e Pedras de Cartón, e ‘Patrón’, de Alberte Montes
  • O prestixioso malabarista Guillem Vizcaíno presentará o seu espectáculo ‘Poi’ para todos os públicos ‘na apertura do ciclo Teatro de Rúa, nunha función que terá lugar o venres 30, a partir das 19.30 horas, na Praza do Concello 
  • A Rúa dos Contos celebrará o sábado 1 a Gala Homenaxe a Pedro Brandariz, a quen se lle dedica esta edición do ciclo; nunha sesión presentada por Isabel Risco e Fran Rei, e na que participarán Izquierdo Sisters, Víctor Grande, Javi Sega, Caxoto, As fillas de Portaberta, Pablo Díaz, Se masca la comedia e Diana Sieira
  • O Pazo da Cultura acollerá o domingo 2 a estrea de ‘Wombo Combo’, o novo espectáculo para público infantil da compañía bergantiñá Galeatro; mentres que a Rúa dos Contos ofrecerá espectáculos en locais de hostalería de Carballo ou na residencia de maiores da man de Marta Iglesias, Tito Rober, Marta Doviro ou Vicente Mohedano, cuxa peza ‘Habito Terra’ contará con intérprete en lingua de signos

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo inicia este sábado a súa 31ª edición cunha fin de semana marcada polo protagonismo absoluto da narración oral galega, co inicio da XXIII edición do ciclo Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe ao cómico Pedro Brandariz, e pola estrea absoluta de creacións como ‘Os contos de William Shakespeare’, de Pedras de Cartón, ‘Wombo Combo’, de Galeatro, ou ‘Patrón’, de Alberte Montes. Ademais, o público infantil tamén poderá gozar de ‘Poi’, o primeiro dos espectáculos do ciclo de artes circenses Teatro de Rúa, ou da Gala NOGA de narración oral para público familiar que acollerá o mercado municipal na mañá do domingo 2. 

O FIOT comezará coa programación especial para nenas e nenos: o Fiotiño. A compañía galega Pedras de Cartón estreará a súa nova peza, ‘Os contos de William Shakespeare’, na Bibllioteca Rego da Balsa. O actor e director Juan Rodríguez presenta unha delirante serie de contos do bardo inglés adaptados para toda a familia, nunha función na que mestura comedia, narración oral, o teatro de obxectos e as instalacións artísticas. De seguido, ás 19.30 horas, será a quenda da primeira das funcións deste ano do ciclo Teatro de Rúa. O prestixioso malabarista Guillem Vizcaíno dará boa conta da súa virtuosa capacidade no manexo da buxaina en ‘Poi’, espectáculo recentemente estreado pero que xa conta con diversos premios, e no que fusiona as artes do circo co humor e co xogo. Unha proposta que deixará abraiado ao público que se achege até a Praza do Concello. 

Xa pola noite, dará comezo a nova edición da Rúa dos Contos, marcada este ano polo regreso aos bares logo da pandemia. A primeira cita será ás 21.00 horas nunha das sedes clásicas do FIOT, o Casino 1889, e suporá a estrea absoluta de ‘Patrón’, a nova peza de Alberte Montes. O actor, cómico e monologuista abordará o proceso que el mesmo nomea como ‘empatronamento’, a súa conversión de mozo a patrón, caracterizado polos tics e manías que lle van marcando o camiño a medida que medra. De seguido, contra ás 23.00 horas, a polifacética Marta Doviro abordará as ‘Memorias dunha rapasa da costa’, no que retrata o seu periplo polas distintas vilas nas que viviu para retratar o carismático carácter das súas xentes, curiosas vivencias e historias de piratas.

A xornada do sábado 1 de outubro vivirá un dos momentos máis especiais, sen dúbida, desde FIOT31. O mercado municipal acollerá Gala Homenaxe a Pedro Brandariz, unha cita en memoria dun cómico fundamental para a escena galega, e que sempre estivo vinculado ao FIOT, tanto como comediante coma espectador. A cita enmárcase, precisamente, no ciclo no que Pedro ten participado ao longo de moitos anos co seu humor: a Rúa dos Contos. A gala, que presentarán Isabel Risco e Fran Rei, contará coas actuacións e intervencións de Izquierdo Sisters, Víctor Grande, Javi Sega, Caxoto, As fillas de Portaberta, Pablo Díaz, Se masca la Comedia e Diana Sieira. A recadación desta noite de contos, que comezará ás 21.00 horas, destinarase precisamente a un dos proxectos máis queridos por Pedro: Pallasos en Rebeldía.

Xa pola noite, a partir das 23.30 horas, a Rúa dos Contos continuará nos locais de hostalería de Carballo. Nesta ocasión será na Taberna O Patacón, na que se darán altas doses de teatro, clown e moita improvisación da man de Blues do País, o dúo conformado por Diva Rural (Iseo Agilda) e Pepe King (Brais das Hortas). 

Funcións infantís e improvisación na xornada do domingo 2


O domingo 2 o mercado volverá gozar dunha sesión de contos, desta volta dirixidos ao público máis cativo, a través das voces do Colectivo NOGA. Precisamente durante esta fin de semana o grupo celebrará, no marco do FIOT31, a Asemblea Constituínte da Asociación Cultural, Social e Educativa Galega de Narración Oral NOGA -xornada do sábado 1 no Pazo da Cultura-. A función colectiva para público familiar da mañá do día 2 será o ramo a unha fin de semana de intensa actividade para NOGA. A cita, cuxa entrada será libre, comezará ás 12.30 horas. 

A actividade da programación especial do Fiotiño desta fin de semana finalizará o domingo 2, ás 18.00 horas, coa estrea absoluta de ‘Wombo Combo’, unha coprodución do FIOT coa compañía carballesa Galeatro, e que se enmarca tamén na programación especial dirixida ao público infantil: Fiotiño. A nova obra de Galeatro achéganos -a través dunha dramaturxia de Paula Carballeira- ao acoso escolar e á realidade virtual que invade cada vez máis a vida da rapazada. O espectáculo, recomendado para maiores de 5 anos, conta coa interpretación de Alba Bermúdez, Tone Martínez e Mario Rodríguez. 

Finalmente, a tarde do día 2 a Rúa dos Contos espallarase por tres localizacións diferentes. Ás 17.30 horas, Marta Iglesias ofrecerá un espectáculo humorístico de improvisación na residencia de maiores da Praza de Vigo. Trátase da versión curta que ofrecerá de ‘3…2…1… Impro!!’, a partir das 20.00 horas, co cómico Tito Rober. A cita será na Cafetería Valle-Inclán. O peche de programación desta primeira fin de semana do FIOT xornada virá da man de Vicente Mohedano, que presentará a súa creación ‘Habito Terra’, unha proposta na que mestura teatro, divulgación científica e humor para poñer en valor a importancia da comunidade. Este será o primeiro dos dous espectáculos que o FIOT ofreza este ano con intérprete de lingua de signos, na súa aposta por ser cada vez, paseniño, un festival máis inclusivo e accesible a todos os públicos. 

AXENDA FIOT – 30 DE SETEMBRO AO 2 DE OUTUBRO

Venres 30 de setembro

18.00 horas | Biblioteca Rego da Balsa
‘Os contos de William Shakespeare’, de Pedras de Cartón  (ESTREA ABSOLUTA)


19.30 horas | Praza do Concello

‘Poi’, de Compañía D’es Tro

21.00 horas | Castino 1889
‘Patrón’, de Alberte Montes (ESTREA ABSOLUTA)

23.00 horas | Mesón do Pulpo
‘Memorias dunha rapasa da costa’, de Marta Doviro


Sábado 1 de outubro

11.00 horas | Pazo da Cultura
Xornadas profesionais NOGA 

21.00 horas | Mercado municipal
Gala Homenaxe a Pedro Brandariz

23.30 horas | O Patacón
Blues do País


Domingo 2 de outubro

12.30 horas | Mercado municipal
Gala NOGA de narración oral para público familiar

17.30 horas | Residencia de maiores de Carballo
‘3…2…1… Impro! (versión reducida)’, de Marta Iglesias

18.00 horas | Pazo da Cultura
‘Wombo Combo’, coprodución de Galeatro e FIOT (ESTREA ABSOLUTA)

20.00 horas | Cafetería Valle-Inclán
‘3…2…1… Impro!’, de Marta Iglesias e Tito Rober

22.00 horas | Casino 1889
‘Habito Terra’, de Vicente Mohedano
Con intérprete de lingua de signos

20220926-NP-Narracion-oral-FIOT

‘Fake (trampantojo)’ e ‘Del otro lado’ chegan a Lugo esta fin de semana co Camiño Escena Norte 2022

O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá as novas propostas das compañías Erre Produkzioak (Euskadi) e Escena Miriñaque (Cantabria) o xoves 29 e o domingo 2, respectivamente

O proxecto de intercambio de artes escénicas finalizará a semana que vén o seu percorrido por Galicia, con funcións en Ames, Vilalba, Viveiro, Carballo e Santiago de Compostela

A cuarta edición do Camiño Escena Norte (CEN) continúa o seu periplo galego. Esta fin de semana, o proxecto de intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra, fará parada en Lugo con dúas propostas o xoves 29 e o domingo 2 no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Nos dous casos a entrada será gratuíta até completar a capacidade do recinto e, ao finalizar a función, celebrarase un encontro co público asistente.

A compañía vasca Erre Produkzioak presentará a partir das 20.30 horas do dia 29 o seu espectáculo ‘Fake (trampantojo)’. Dirixido a público adulto, a peza, que fai alusión ao anglicismo da falsificación ou imitación da realidade, presenta a historia de abuso, relacións de poder e traxedia que se dan no seo dunha familia durante unha cea de Aninovo. 

O domingo será a quenda do público infantil e familiar. Ás 18.30 horas comezará a función de ‘De otro lado’, de Blanca del Barrio, un espectáculo que fala de barreiras, valados, ladrillos e pontes. Da man da compañía cántabra Escena Miriñaque, as e os asistentes verán unha metáfora escénica que fala das fronteiras visibles e invisibles.

A fin de semana que vén o Camiño Escena Norte 2022 finalizará a súa andaina. A compañía asturiana Zig Zag Danza visitará Ames (venres 7) e Vilalba (sábado 8) co seu espectáculo para primera infancia (0-3 anos) ‘Mímesis’. Pola súa banda, a vasca Vaivén Producciones achegará a súa peza para público adulto ‘El enjambre’, a Viveiro o sábado 8; mentres que a navarra La Caja Flotante fará o propio no FIOT de Carballo, tamén na tarde do sábado, con ‘Beautiful Stranger’. Finalmente, CEN 2022 pecharase na tarde do domingo 9 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura, coa representación para público infantil e familiar de ‘El secreto de Julio Verne’, da asturiana Fantastique Company.

Camiño Escena Norte 2022 

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.

A iniciativa conta, neste 2022, co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades autónomas implicadas: Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Goberno do Principado de Asturias, Goberno de Cantabria, Deputación Foral de Áraba, Deputación Foral de Biscaia, Deputación Foral de Gipúscoa e Goberno de Navarra; ademais do Goberno de España a través do INAEM. En Galicia colaboran tamén Deputación Provincial da Coruña, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo; así como os consistorios de Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro; o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego. 

Vegalsa-Eroski mantense este ano no como patrocinador oficial, cunha maior achega económica para esta cuarta edición, o que reforza o seu compromiso e aposta por un proxecto que promove o intercambio cultural entre territorios.  

AXENDA FUNCIÓNS CAMIÑO ESCENA NORTE 29/09 – 02/10

Erre Produkzioak (Euskadi) | ‘Fake (trampantojo)’, de David Caíña

29.09.2022 | 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo

Público adulto. Entrada libre.  Ao remate da función, encontro co público. Acompaña: Anxo Manoel (Lucecús Teatro)

Lucía e Celia, irmás; Xabier, o marido de Celia; Pablo, o fillo de Lucía; e Uxue, a súa curmá. Todas e todos celebran que hoxe é o primeiro día do resto das súas vidas, mais esta celebración non é máis que un trampantojo: un paripé organizado para poder levar á avoa á cama antes de que cheguen as badaladas de verdade. Unha vez durme a avoa, todos poden comportarse como realmente son. E aí é cando comezan os problemas.

Escena Miriñaque (Cantabria) | ‘Del otro lado’, de Blanca del Barrio

02.10.2022 | 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo

Público infantil e familiar. Entrada libre. Ao remate da función, encontro co público. Acompaña: Paloma Lugilde (Producións Paloma Lugilde)

Lembras cando se nos escapaba o balón por enriba do muro e ía parar Do Outro Lado? A aventura comezaba… Unha mañá, os habitantes dese Outro Lado atoparon no seu territorio un estraño balón. Non era como os seus: nin a materia, nin a cor. Non tiña marca. Viña… Do outro lado. Este espectáculo fala de muros, valos, ladrillos e unha ponte. É unha metáfora das fronteiras tanto visibles como invisibles. A ambos os dous lados dúas personaxes búscanse, xogan, necesítanse e comparten idénticas ilusións e os mesmos medos.

20220926-NP-Galicia-Camino-Escena-Norte-en-LUGO

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: FERRUXE

FERRUXE, Miguel Díaz

Se persistimos na avaliación do soldado pola súa destreza na batalla, desprezando o esforzo de quen o intenta na trincheira, afogando a cerna entre ruín competencia… Se acotío esquecemos o que somos, detrás dun cadeado abandonado á ferruxe, como podemos deter a deriva?

Que lugares lle deixamos á vida entre a invasión cegada dos nosos prexuízos, entre ignorantes suposicións que destrúen os camiños. Neste tremor acedo de personaxes en combate e de estrondo de momentos que anulan a escoita, como podemos definir a nosa unicidade?

Entregados a unha velocidade allea, imposta, porfiamos en afalar un cabalo cego que nos nega e que devora espazos. Entre as garras dunha realidade aniquiladora, en algarada abafante, que espazo hai en ti para acollerme, en min para acollerte… Cravados na urxencia e impoñendo a carreira, ata que punto chega xa a nosa derrota?