Pontevedra acolle este sábado 10 de setembro a estrea absoluta de ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero

Pontevedra acolle este sábado 10 de setembro a estrea absoluta de ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero

Iago Hermo asina a música orixinal e o libreto desta creación contemporánea de pequeno formato, que este outono xirará por unha ducia de localidades galegas

Os convites para a función deste sábado, enmarcada no programa ‘Con-fiando’ da Deputación de Pontevedra, xa están esgotados


A compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, estreará este sábado 10 de setembro, en Pontevedra, a súa nova creación: Papagena. A peza, que xirará por un total de catorce localidades de Galicia ao longo deste trimestre, é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. 

A estrea absoluta de Papagena, que conta coa presenza da soprano Esperanza Mara e do barítono Jacobo Rubianes Castelo, terá lugar o sábado 10, a partir das 21.30 horas, nas ruínas do Convento de Santo Domingo. Os convites para asistir ao evento, enmarcado na xira ‘Con-fiando’ da Deputación de Pontevedra, xa están esgotados.

Papagena é unha ópera electrónica do compositor galego Iago Hermo inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Logo dos ensaios abertos ao público no Auditorio Municipal de Rianxo e a estrea absoluta de Pontevedra, Papagena chegará a outra ducia de localidades galegas nos vindeiros meses, cunha función por cada fin de semana. A primeira parada da xira será no porto de Fisterra (17 de setembro), para continuar en O Grove (24 de setembro), Celanova (1 de outubro), Caldas de Reis (9 de outubro), Narón (15 de outubro), Tui (21 de outubro), Oleiros (29 de outubro), Gondomar (5 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá desfrutar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto. 

O Camiño Escena Norte inicia este sábado 10 en Santiago de Compostela o seu percorrido escénico

O Camiño Escena Norte inicia este sábado 10 en Santiago de Compostela o seu percorrido escénico 

  • A praza da Quintana -ou o Salón Teatro en caso de choiva- acollerá a partir das 20.00 horas a primeira función da iniciativa en Galicia, na que a compañía navarra La Banda Teatro Circo presentará o espectáculo ‘Kimera’, apto para todos os públicos
  • O proxecto de intercambio de artes escénicas, que conta co apoio da Xunta de Galicia, tamén ofrecerá obras de teatro, danza e novo circo até o 9 de outubro en Arzúa, Lugo, Ames, Vilalba, Viveiro e Carballo


Este sábado 10 de setembro bota a andar a cuarta edición do Camiño Escena Norte (CEN). Baixo o lema Medran os sorrisos, o proxecto de intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra percorrerá desde esta fin de semana, e até o 9 de outubro, 38 localidades das cinco comunidades autónomas. 

CEN 2022 inicia este sábado 10 a súa andaina galega na Praza da Quintana (ou no Salón Teatro en caso de choiva) coa presentación do espectáculo ‘Kimera’, da compañía navarra La Banda Teatro Circo. ‘Kimera’ propón unha mirada á sociedade actual, mostrándonos a fraxilidade desas pequenas cousas que fan grandes ás persoas, coa perspectiva de poder cambiar o global desde o local. A creación – unha recreación moi libre de ‘A neta do señor Linh’, de Philippe Claudel, en linguaxe de circo-, apta para públicos de todas as idades, é unha proposta divertida e conmovedora, coa que La Banda Teatro Circo conxuga a mirada, o corpo, a destreza e a habilidade para construír un universo peculiar, unha aposta sonora de emoción. A entrada da función, que comezará ás 20.00 horas, é libre. 

En Galicia, Camiño Escena Norte -que conta co apoio destacado da Xunta de Galicia,- contará con sete sedes (Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela, Vilalba e Viveiro) que acollerán a representación de oito espectáculos, enmarcados na programación nomeada Itinerario Constelacións, alén de diferentes actividades de contacto directo entre artistas e asistentes ao finalizar as funcións. A seguinte cita, destinada ao público infantil e familiar terá lugar o 17 de setembro en Arzúa e chegará da man da compañía asturiana El callejón del gato, que presentará ‘La niña de las trenzas al revés’, adaptación sobre un conto de Iris Díaz Trancho. 

Ademais de acoller funcións de compañías veciñas , Galicia exportará talento aos demais territorios con representacións de Marta Alonso Tejada, co seu premiado espectáculo ‘Bailar AgoraFran Sieira Compañía de Danza, con ‘DeMente; e Pistacatro, con ‘Sonámbulo’. As tres compañías viaxarán nos meses de setembro e outubro, grazas a CEN 2022, a localizacións como Oviedo, Bilbao, Santander, Eibar, Vitoria, Laredo ou Viana para dar boa conta das súas propostas artísticas. 

Encontro profesional en Lugo

Outra das propostas que promove Camiño Escena Norte, no marco da súas actividades paralelas (o Camiño Expandido) e que terá lugar a vindeira semana será o terceiro encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que acollerá o Centro Cultural O Vello Cárcere Lugo entre os días 13 e 15 de setembro. 

A nova edición de Habitación Peregrina PRO será a máis concorrida das tres que se organizaron até o de agora: conta con 50 compañías e distribuidoras inscritas e nela participarán máis de 70 axentes do sector das cinco comunidade que conforman o CEN 2022, o que supón un 45% máis que en anteriores edicións. Os focos de interese do encontro serán a xeración de sinerxías entre compañías e creadoras; a reflexión e formación arredor dalgúns  dos retos que afronta o sector escénico e as posibilidades de promoción, visualización e distribución das compañías nos distintos territorios de Camiño Escena Norte.

Camiño Escena Norte 2022 

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena(País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.

A iniciativa conta, neste 2022, co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades autónomas implicadas: Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Goberno do Principado de Asturias, Goberno de Cantabria, Deputación Foral de Áraba, Deputación Foral de Biscaia, Deputación Foral de Gipúscoa e Goberno de Navarra; ademais do Goberno de España a través do INAEM. En Galicia colaboran tamén Deputación Provincial da Coruña, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo; así como os consistorios de Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro; o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego. 

Vegalsa-Eroski mantense este ano no como patrocinador oficial, cunha maior achega económica para esta cuarta edición, o que reforza o seu compromiso e aposta por un proxecto que promove o intercambio cultural entre territorios.  

20220907-NP-Comeza-CEN-Galicia-2022