DEMIURXIA. ”Apañar o futuro”, Patricia Torrado Queiruga

Patricia Torrado Queiruga, Apañar o futuro

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

APAÑAR O FUTURO

Hai uns días escoitaba por boca dunha mestra: E que os rapaces agora non teñen culturiña ningunha, non saben comportarse, non teñen habilidades sociais,…

Ás veces fai falla que escoitemos este tipo de sentenzas para que ollemos dentro e fóra de nós mesmxs. Se ben é certo que os tempos mudaron, tamén mudou a sociedade enteira, ou iso agardamos. Nunca tanta información houbo a golpe de clic, ao alcance da man e nunca tan desinformada estivo a poboación, o avance requiría tamén un maior compromiso social a todos os niveis, facendo xente crítica co seu entorno. Actual segue aquela frase de Horacio que logo Kant faría súa, Sapere aude “atrévete a saber”, a buscar por ti mesmo, ente pensante, as razóns de todo o noso mundo.

Mais o que rematamos por atopar foron seres idiotizados e adormecidos. Lembrades cando durante o confinamento reconectamos cxs demais? Falabamos ca veciñanza polas fiestras, ollabamos os músicos con respecto e admiración, falabamos de que sairiamos mellores daquela situación, de que teriamos que loitar por unha sanidade pública e de calidade, que deberiamos agradecer a todos aqueles sectores decisivos da poboación que désemos saído do pozo. Que teriamos que axudarnos. Que mágoa que non podiamos visitar nas residencias xs nosxs familiares, e pregunto eu, agora visitámolos moito máis que naquel entón? Canto botamos de menos bicos e apertas, cando foi a última vez que ti, que me les, lle dixeches á xente á que queres o que sintes de veras por ela? Pregunto, que foi o que resultou de todo aquilo?

Esta semana reparaba nun home que pedía esmola a carón dun supermercado, no cartón “Son galego, teño unha familia e quedei sen traballo trala Covid. Non chegamos a comezo de mes”. Ninguén o miraba aos ollos, e cando ergueu a vista e topou os meus, aqueles ollos verdes arrasáronse en bágoas. Fiquei no coche, e descubrín que conquistara a invisibilidade, ninguén parecía advertir a súa presenza.

No concello veciño, un músico fumaba un pito mentres ollaba con tristura o seu violín na rúa, mentres eu fotografaba o seu medio de vida, díxome: un día, ese que dorme, foi feliz.

Na rúa comentarios sobre a guerra en Ucraína, xente que defendía que os inmigrantes norteafricanos que viñan en pateira tiñan que ser deportados canto antes aos seus países de orixe, algúns deles en guerra, agora defende que o asilo ten que dárselle a quen escapa de Ucraína, cal é a vara de medir? Onde quedou a empatía, na cor da pel? Na localización xeográfica?

Outra imaxe, un monte iluminado nunha noite de verán, as lapas lambendo cada recuncho vexetal, os bombeiros parando o tráfico, unha parella cun cativo no coche porfiando en querer pasar, van á festa da localidade veciña, a douscentos metros un neto pásalle un caldeiro con auga ao avó.

Como podemos aprenderlle á mocidade unhas habilidades sociais que as adultas non temos?

Podemos reeducarnos en ollar o mundo dende un prisma propio?

Onte, nun bar, mentras a xente tomaba a súa consumición sen case falarse, co teléfono entre as mans, unha parella de anciáns tomaba café ollándose con agarimo. Uns rapaces xogaban a perseguirse pola praza mentres os sorrisos brincaban tras deles. Igual se fósemos capaces de acubillar na pel o alento do futuro, descubririamos que se nos damos présa, estamos a tempo de pórlle remedio a tantos males pandémicos.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: El amante

Autor: Marguerite Duras

Editorial: Círculo de Lectores

Ano de publicación: 1987

Chego a Marguerite Duras tarde. Demasiado tarde, tal e como adoita sucederme con moitas das autoras que nos últimos anos vou descubrindo, grazas, case sempre, ao diálogo que establezo con outras lectoras. Digo isto sen deixar atraparme pola culpa, tan só coma evidencia do labor de busca que imos realizando para recuperarmos distintas voces femininas, máis ou menos consagradas.

Durante este verán asisto a un proxecto de biblioterapia con mulleres, que se desenvolve na Fundación Uxío Novoneyra. Na segunda sesión, que guía Lucía Miranda, falamos de “lembrar e reconstruírse”, transitando por diferentes textos, entre os que atopamos fragmentos desta obra.

Recoñezo unha forza atraínte na narrativa de Marguerite Duras. Pois parece que a protagonista desta novela autobiográfica, malia a súa xuventude, gozase dunha asombrosa determinación en cada un dos seus actos. E a pesar diso, non pode haber máis fraxilidade en toda ela, exposta a diferentes violencias, que unha identifica perfectamente a medida que avanza na lectura. “Nunca buenos días, buenas tardes, buen año. Nunca gracias. Nunca una palabra. Nunca la necesidad de pronunciar una palabra”.

Coido que El amante consegue atravesarnos, precisamente, por todo aquiloque non se conta de maneira explícita e que envolve netamente a secuencia dos encontros amorosos entre unha adolescente e un adulto adiñeirado. Así a todo, o tempo e o espazo, situados na Indochina de principios do século XX,xogan un papel decisivo para comprendermos o modus operandi dos personaxes, que esixe, pola nosa parte, unha mirada afastada do presente.

Aventuraríame a dicir, abraiada aínda polo pouso desta experiencia lectora,que detrás do desexo latente nestas páxinas existe unha ferida aberta que sangra, que non deixa de sangrar. Dela non podemos nin poderemos fuxir, quizais, porque como sinala a poeta Chantal Maillard, “la herida nos precede”.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: POESÍA

Miguel Díaz, POESÍA

Conto eu (se cabe errado, e de dogmas carente) que a POESÍA conta entre as súas particularidades coa de poder aparecer en formas diversas, habitándoas e deixándose habitar por elas, nunha simbiose única que a afasta de toda mediocridade. Pode chiscar un ollo no sorriso dunha nena, sorrir maina nunha raiola ou espirse no horizonte dunha noite de xeada. Espreguizarse no aire en forma de tea, ou de folla capturada.

A POESÍA pode ser tamén na escrita, por medio da palabra, ferramenta coa que profunda no pozo íntimo das preguntas, na trama da dúbida, na carencia de certezas, na prestancia do efémero.

Mais acotío a POESÍA enfronta hordas, batallóns de personaxes aplaudidos pola súa claque. Invasións de usurpadores que, na deturpación da palabra, teiman en suplantala cos seus exercicios de egolatría. Danzaríns na tona, farsantes arestora, que bourean polas rúas a súa vaidade mentres a perseguen con cadeas.

E a POESÍA, testemuña do esperpento, segue ceibándose no mundo, allea e honesta, tenra e súa, ousada e núa.

Andanzas do Suso de Lameliña. RÍO DA NENEZ

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

RÍO DA NENEZ

Claro que me lembro de ti. Coma non vou lembrarme? Ti tiñas nove ou dez anos cando viñas por aquí, sobre todo os días quentes de verán. Aínda parece que foi hoxe cando te mergullabas nas miñas frescas augas procurando algo de alivio á sufocante calor. E logo poñíaste á sombra deste bidueiro ou do olmo que está na outra beira a xogar con calquera cousa. Moito che gustaban os cabaliños do demo, coa súa variedade de cores. Cabaliños do demo, por que lles dicides así os humanos? Sempre me chamou a atención ese nome, sabes? O que menos me gustaba, ¡moito me amolaba!, era cando ti e os teus amigos vos adicabades a caparme. Colliades unha pedra plana e veña a arrebolala contra as miñas augas, para que rebrincara e saíra voando coma unha frecha. E sabes por que recordo todo isto?  Porque  teño unha memoria prodixiosa, non esquezo nada desde que son río, mellor dito regato, porque xa ves a auga que levo e con esta seca acabarei estiñando. Si, xa sei que estou mudando continuamente e segundo acabo de pronunciar unha palabra xa son distinto, que estas augas que levo son outras, moi diferentes a aquelas nas que te bañaches. Pero sigo a ser o mesmo regato, camiño do Chamoso —ese si que é río e non digamos o seu pai, o Miño—, e é no leito e, non nas augas, onde almaceno todo o pasado. Ai!, se che contase. Eu si que tiña para un libro. De cando era a sega e traían as bebidas para refrescar e logo comían á miña beira, mellor non dicir nada do que alí pasaba. Ou cando viña algunha parella, por certo ti tamén algunha vez con aquela, María? Non era así coma se chamaba?  Ou cando aparecía o teu amigo Lolo a pescar. Que malo era! Non collía unha troita e mira que daquela había abondas. Moito lle gustaba, era capaz de estar toda a tarde e largar, con sorte, cunha peza ou ao sumo dúas. Xa ves, e hoxe, despois de cantos anos?, para min, un suspiro, para ti toda unha vida, apareces por aquí. 

Agora xa non se achega ninguén, en parte porque xa pouca xente queda por estes lugares e por outro lado como podes observar isto está todo cheo de silvas e maleza. Coma para ousar acercarse a min! Xa vexo que ti viñeches provisto dunha boa cachaba, pero seguro que non che foi fácil chegar, o cal cho agradezo. Pois con todas estas lembranzas, case me fixeches chorar, mira coma baixan as augas. Vaite logo, que xa vexo que ti tamén te emocionas e volve cando queiras. Pero oes, non tardes tanto tempo coma desta vez. Ai!, aqueles tempos!

ButacaZero prepara a estrea de ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego coa que xirará por 14 municipios

A compañía dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira ensaia estas semanas na localidade do Barbanza, que acollerá dous ensaios abertos ao público os días 2 e 3 de setembrono auditorio municipal de Rianxo

O compositor galego Iago Hermo asina a música orixinal e o libreto desta creación contemporánea de pequeno formato, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica

A compañía ButacaZero, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, estreará este mes de setembro a súa nova creación: Papagena. A peza, que xirará por 14 localidades de Galicia o vindeiro trimestre, é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica á que dan vida a soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo. Este mes de agosto, en Rianxo, a compañía ensaia e ultima todos os detalles previos á súa estrea absoluta. Coa intención de achegar o proceso á veciñanza, o público terá a oportunidade de asistir a dous pases abertos que terán lugar os días 2 e 3 de setembro no auditorio municipal da localidade do Barbanza.

Papagena é unha ópera electrónica do compositor galego Iago Hermo inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical. 

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa a espazos non convencionais para a súa representación e favorecer o achegamento, tanto do público adolescente coma adulto, á ópera a través dunha experiencia única e inmersiva

Datas da xira de ‘Papagena’

Papagena, que conta co apoio do Concello de Rianxo, poderase ver, a modo de preestrea, os días 2 e 3 de setembro na sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal da localidade do Barbanza (21.00 horas), na que a compañía está a ensaiar este mes de agosto. A entrada será libre ata completar a capacidade do recinto. Unha semana despois, o sábado 10 (21.30 horas), terá lugar a estrea absoluta nas ruínas do convento de Santo Domingo, en Pontevedra. O público poderá asistir gratuitamente á función previa reserva, sistema que se dará a coñecer  desde a Deputación de Pontevedra proximamente.

A ópera chegará a outra ducia de localidades nos vindeiros meses, cunha función por cada fin de semana. A primeira parada da xira será no porto de Fisterra (17 de setembro), para continuar en O Grove (24 de setembro), Celanova (1 de outubro), Caldas de Reis (9 de outubro), Narón (15 de outubro), Tui (21 de outubro), Oleiros (29 de outubro), Gondomar (5 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena estará dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

20220825-NP-ButacaZero-Ensaios-previos-Papagena