Camiño Escena Norte 2022 – Habitación Peregrina PRO en Lugo

Segunda xornada do encontro profesional Habitación Peregrina PRO, iniciativa dirixida a compañías e axentes do sector escénico e que forma parte da programación expandida do proxecto Camiño Escena Norte 2022 (www.escenanorte.com). A Vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de Cultura e Turismo do municipio, Maite Ferreiro, asistiu esta xornada ao encontro. 

Habitación Peregrina PRO, que se está a celebrar desde onte e ata mañá no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo, reúne medio cento de compañías e profesionais de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra coa intención de tecer redes e favorecer unha relación fluída entre as artes escénicas dos cinco territorios. 

Para máis información podedes visitar a Sala de prensa Camiño Escena Norte 2022.

Velaquí unha galería de imaxes de dito encontro

Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez, Leo Bassi, Xosé A. Touriñán, Chévere ou Pont Flotant, voces destacadas da nova edición do FIOT

Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez, Leo Bassi, Xosé A. Touriñán, Chévere ou Pont Flotant son algunhas das voces destacadas da nova edición do FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebra a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro e os seus abonos e entradas estarán dispoñibles proximamente a través da web oficial www.fiot.gal 

Un total de 39 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia e 2 coproducións conforman o cartel do #FIOT31, que reafirma a súa aposta polas voces singulares e as e os artistas cunha identidade propia e única

Silencio, de Juan Mayorga e protagonizada por Blanca Portillo; La voluntad de creer, o novo de Pablo Messiez; Búho, de Titzina; Eclipse total, de Pont Flotant; Pirolíticos, estrea absoluta de Mofa e Befa; 70 años: Leo Bassi, o regreso do bufón todoterreno a Carballo após 25 años; Recortes, caneos e outras formas de driblar, do CDG e Ainéou Impalpable, de Sambuseck, gran sensación da escena arxentina que triunfa agora a nivel estatal, son algunhas das propostas

Neste 2022 tampouco faltarán á cita seccións clásicas do festival, como OTNI, FIOT en ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos -este año, en lembranza de Pedro Brandariz-, Micro-escenas Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, o certame escénico de referencia en Galicia, festexará a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro, cun completo programa dun mes de funcións e actividades para todos os públicos.

Este ano, baixo o lema #VocesFIOT, o festival aposta pola visualización da singularidade e da identidade das compañías que conforman a súa programación. Visións, propostas e voces moi diferentes, moi persoais e singulares. Todas elas confirman que no FIOT collen todas as voces e todos os públicos: o programa do festival procura, precisamente, esa diversidade, conscientemente, coa intención de chegar a un amplo e diverso abano de espectadores.

O FIOT celebra neste 2022 unha firme proposta artística, na que destaca o seu gusto polo teatro de autor; a súa ambición pola calidade e diversidade e o seu compromiso con creadoras emerxentes. Á vez, o festival  convidará ao público a facer memoria e recuperar historias de diferentes xeracións. Pero este ano o FIOT recordará especialmente a Pedro Brandariz cunha homenaxe no ciclo que tantas veces acolleu o seu humor único: a Rúa dos Contos. 

O FIOT decorrerá desde o venres 30 de setembro cunha chea de propostas para todos os públicos a través das diferentes liñas de programación que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño volverán encher de actividade escénica Carballo. A sección de actividades paralelas, nomeada En Paralelo, acollerá dúas exposicións, dúas xornadas profesionais e outras propostas culturais 

Nesta 31ª edición o festival contará con figuras únicas das artes escénicas, como Leo Bassi, quen debutou en Galicia hai 25 anos precisamente no FIOT. Aquela actuación propiciou un cambio relevante na historia do certame: a promoción dunha programación de artistas con voces moi diferentes e persoais. A recuperación de Leo Bassi, coa estrea en Galicia de 70 años: Leo Bassi, afonda nesta idea das #VocesFIOT. 

Outras voces imprescindibles do panorama escénico tamén estarán no FIOT. É o caso de Blanca Portillo e o seu Silencio, creación de Juan Mayorga; da estrea en Galicia de La voluntad de creer, a última obra de Pablo Messiez; e, como non, a celebración do 30º aniversario de Mofa e Befa. O FIOT estreará a súa nova obra, Pirolíticos; a exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’; Evaristo Calvo recibirá o galardón Xograr de Outono 2022 e o dúo será protagonista dunha actividade específica, no marco do festival, no que outro evento senlleiro de Carballo, Derrubando Muros, colaborará co FIOT.

Polo Programa de Sala tamén pasará a nova creación do Centro Dramático Galego e Ainé,Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey, con Xose A. Touriñán e con texto de Nacho Carretero; ou unha das sensacións do teatro arxentino, Sambuseck, con Imparable. E a Carballo tamén volverán dúas compañías clave das artes escénicas a nivel estatal para estrear en Galicia as súas últimas creacións: Pont Flotant (Eclipse Total) e Titzina (Búho).

O FIOT naceu hai 31 anos para xerar toda unha estrutura escénica. Por iso conta cunha liña de programación específica de apoio á narración oral, a Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe a Pedro Brandariz. Figuras como Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes e virais de Pablo Meixe e Adrián do Regenco. O festival manterase na rúa e no espazo público para celebrar o circo e as iniciativas para todos os públicos: o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na Praza do Concello os venres 30, 7 e 14; ao igual que boa parte das obras do Certame Metro Cadrado,que este ano celebra a súa sexta edición con 4 estreas absolutas de figuras recoñecidas ou novas compañías do sector a nivel autonómico. Serán pezas site-especific que se realizarán en seis localizacións diferentes de Carballo. 

O apoio á creación estará presente a través da coprodución de pezas como Pirolíticos, de Mofa e Befa, ou Wombo Combo, da compañía de Carballo Galeatro; ao igual que o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración de residencias (Natalia Fernandes) ou do Certame Metro Cadrado; así como a visualización de novos formatos e novidosas propostas escénicas, a través da liña de programación OTNI. Esta contará con dúas estreas en Galicia (Beautiful Stranger, en colaboración con Camiño Escena Norte; e Conferencia espectacular, de David Espinosa). O OTNI completarase coa participación de Patricia de Lorenzo, do Grupo Chévere e Xograresa de Outono, e o seu Pequenas mentiras para contar grandes verdades; e da compañía madrileña Amor Total con Freak.


Xornadas profesionais e avance na inclusión

O FIOT naceu coa vocación de xerar e impulsar o tecido escénico, pero tamén como espazo de encontro para públicos, compañías e axentes culturais. Por iso, durante o #FIOT31 celebranrase xornadas profesionais da asociación Escena Galega ou do Colectivo NOGA, ademais da visita do alumando do CEU de Xestión Cultural da Universidade de Santiago. Á vez, o certame serve como rede para espallar e descentralizar a actividade escénica pola comarca de Bergantiños: o teatro chegará aos centros sociais de Verdillo e Ardaña co FIOT en Ruta ou á residencia de maiores de Carballo coa Rúa dos Contos.

O FIOT é moito máis que unha programación de espectáculos. É un motor para as artes escénicas galegas. Esa filosofía de rede, de xerar comunidade, de proxecto de continuidade ou de amosar outras realidades sociais periféricas é a súa base. Esa sustentabilidade pola que aposta o FIOT desde hai anos avanza, neste 2022, un paso máis: o programa do FIOT31 introduce a inclusión. O festival incorpora dúas funcións que serán accesibles en lingua de signos. Trátanse de accións pequenas de nacen con vocación de continuidade e que, de novo, visualizan o compromiso do FIOT por ser máis sustentable e inclusivo. 

Entradas

Os abonos e as entradas para a 31ª edición do FIOT sairán á venda nos vindeiros días a través da páxina web oficial www.fiot.gal. Tal e como é habitual, as socias da Asociación Cultural Telón e Aparte terán un prazo propio para a adquisición dos seus billetes. Unha vez remate este, sairán á venda os bonos e entradas para os diferentes espectáculos que conforman a programación do festival.

20220914-NP-GAL-Presentacion-FIOT31