A arpa é protagonista do Noia Harp Fest, que comeza este mércores 3 de agosto

Noia celebra cinco xornadas de exaltación da música instrumental co inicio do único festival de arpa no noroeste peninsular: o Noia Harp Fest

  • A nova edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase entre o 3 e o 7 de agosto en distintas localizacións da cidade, con concertos con entrada libre, e contará con artistas procedentes de Galicia, Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia
  • A directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, e o concelleiro de Cultura e Turismo de Noia, José Pérez, participaron na presentación do evento, que forma parte da programación musical do Xacobeo 21-22; nun acto no que supervisaron os labores de preparación dos distintos escenarios do festival da man do seu director, Rodrigo Romaní

A vila de Noia transformarase desde mañá nun grande escenario no que a música instrumental será protagonista. Este mércores, 3 de agosto, comeza unha nova edición do único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. O corazón da Ría da Estrela volverá acoller o Noia Harp Festque este ano celebra súa novena edición cun cartel conformado por artistas dunha notable calidade artística e chegados de Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña, Polonia ou Galicia. 

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración institucional da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e da iniciativa concertosdoxacobeo.gal, ademais do soporte de Acción Cultural Española a través do programa PICE. Noia Harp Fest (NHF) conta tamén coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e a distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio tanto do Liceo de Noia coma da Asociación Terra de Outes.O director artístico do NHF, Rodrigo Romaní, presentou esta mañá a programación completa do festival, unha proposta ecléctica cunha ampla diversidade estilística e cuxo fío condutor é a interpretación musical a través da arpa. Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio, Anna Amigó, Trío Clepsidra ou Bleuenn le Friec formarán parte desta novena edición do evento, que a veciñanza poderá gozar de novo tanto a ceo aberto  -Xardíns da Central do Tambre, Praza do Tapal- coma no interior de recintos culturais da vila -Igrexa de Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela, Liceo de Noia- de xeito gratuíto.

Rodrigo Romaní deu a coñecer a proposta nun percorrido polas distintas localizacións do festival -como a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela ou a Praza do Tapal- no que tamén participaron a directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, e o edil de Cultura e Turismo do Concello de Noia, José Pérez. Tal e como apuntou Castro, o evento, “que situará a Noia no epicentro galego da música instrumental”, forma parte da programación musical do Xacobeo 21-22, que conta con más de 100 eventos ao longo de toda a xeografía galega e que atende a diferentes públicos e estilos musicais.

Pola súa banda, o concelleiro apuntou cara o fondo vínculo entre o festival e a cidade, grazas á aproximación do feito cultural á cidadanía e a proxección turística que supón para Noia a celebración do evento. Ao fío, lembrou que este ano o NHF contou, grazas á colaboración do Concello, con presentacións en localidades como Madrid, Braga ou Porto; e, neste sentido, tamén puxo en valor a convocatoria da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O título do premio fai precisamente referencia á Ruta Xacobea recoñecida recentemente polo Cabildo da Catedral de Santiago, un camiño marítimo utilizado desde 1147 e que parte da vila. A día de xoxe, numerosos edificios de Noia -entre os que se atopa a Igrexa de Santa María A Nova- conservan gravados, inscricións gremiais e restos arquitectónicos que manifestan a relación da localidade co Camiño de Santiago.

O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia na tempada 2022-2023. O prazo para a presentación de propostas está aberto ao longo deste 2022 a través do web www.noiaharpfest.gal

Programación

O IX Festival Internacional de Arpa Vila de Noia propón un programa aberto á diversidade musical e estilística, na que o público poderá gozar da interpretación de artistas procedentes de Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia, ademais de numerosas intérpretes galegas.  Entre os nomes máis destacados da cita destaca a presenza da arpista escocesa Savourna Stevenson, quen se distingue polo seu particular e ecléctico impulso innovador para romper barreiras entre clásico, folk, raíz e jazz. A intérprete acompañarase o sábado 6 de agosto, na Praza do Tapal (22.00 horas)  do saxofonista Steve Kettley.

Outro dos concertos imprescindibles será a do trío bretón Lune Blue (venres 5, 22.00 horas, Praza do Tapal), liderado por Clotilde Trouillaud, a prestixiosa arpista que está a revolucionar o xeito de entender a música na arpa na Bretaña. Trouillaud, que regresa ao NHF logo de ofrecer unha actuación memorable como solista na edición do 2018, brindará ao público un espectáculo cativador coa colaboración do guitarrista Erwan Bérenguer e do batería Jean-Maria Stephant. 

Tampouco faltará á cita en Noia un dos países habituais e no que a arpa é o instrumento nacional: Paraguai. Desta quenda será o dúo Hermanos Corbalán -habituais no Festival de Edimburgo- o que conquiste, coa súa sutileza e virtuosismo, ao publico noiés. Primeiro actuará na praza do Tapal o venres 5 (22.00 horas) e, dous días despois, compartirá escenario coa recente incorporación ao cartel do festival, a arpista catalá Anna Amigó. A cita, que será o ramo do festival, chegará o domingo 7 de agosto ás 20.00 horas no que será, á vez, a inauguración do novo espazo cultural a ceo aberto nas Cabaniñas do Bosque de Albeida -Premio Nacional de Arquitectura 2020- na parroquia de San Cosme de Outeiro, no concello veciño de Outes. 

E, desde América do Sur, o Noia Harp Fest percorrerá estilos e paisaxes sonoras diversas até chegar ao continente africano. Unha das propostas máis singulares deste ano será a presenza do Kora Jazz Trio,banda senegalesa que destaca pola súa capacidade e orixinalidade na fusión musical e que conta cunha morea de fieis en países como Brasil, Xapón, Francia ou Arxelia. A súa actuación será o sábado 6, na praza do Tapal, na sesión que comezará ás 22.00 horas. 

Este verán o Noia Harp Fest tamén explora as relacións da música co audiovisual. Ese será o eixe da proposta que a arpista bretona Bleuenn Le Friec e o guitarrista noiés Rafa Fernández presenten no festival: unha conversa musical acompañada de videoproxeccións que transportarán ao público a un mundo de ensoñación (6 de agosto, 20.00 horas, Teatro Coliseo Noela). E alén da fusión, o festival tamén achegará o traballo de grandes figuras da música antiga, como é o caso da cantante polaca Paulina Ceremuzynska e o arpista compostelán Manuel Vilas (venres 5 de agosto, 20.00 horas, Igrexa de Santa María A Nova) ou mesmo do alumnado que forma parte das diferentes escolas xuvenís de arpa de toda Galicia. O colectivo será o responsable da inauguración do NHF este mércores, 3 de agosto, cun concerto no Liceo de Noia que comezará ás 19.00 horas. 

O programa completarase coa presentación de Tal como as nubes, o primeiro álbum en solitario de Beatriz Martínez, a figura máis relevante de Galicia no eido da arpa céltica nos Xardíns da Central do Tambre o xoves 4 (19.30 horas). A intérprete, membro de SonDeSeu e do grupo Ghaveta, estará acompañada ao buzuki e á guitarra acústica por Diego Langarica. De seguido, no Teatro Coliseo Noela (a partir das 22.00 horas), celebrarase o Concerto Especial AEDA, en colaboración coa Asociación Española de Arpistas (AEDA), no que participarán Carmen Bernal e o Trío Clepsidra.

Actividades complementarias

Como é habitual, a veciñanza tamén poderá gozar das clases maxistrais con artistas que participan no cartel do festival. O primeiro taller chegará o xoves 4 de agosto da man de Reyes Gómez, arpista do Trío Clepsidra, no que se abordará a ‘Música española para arpa’. Ao día seguinte será a quenda do curso ‘El arpa paraguaya actual’ con Juanjo Corbalán, un dos membros do recoñecido dúo Hermanos Corbalán. Finalmente, o 6 de agosto chegará o taller doutro dos pratos fortes desta edición do Noia Harp Fest: Savourna Stvenson, quen impartirá o obradoiro ‘Música para clarsach’, unha arpa escocesa.

Este ano o festival tamén propon un obradoiro de construción, en familia, da arpa de San Martiño de Noia. Este taller, sen límite de idade, propón ás persoas asistentes poder montar e personalizar a súa propia arpa, baseada no instrumento central da arquivolta do pórtico de San Martiño de Noia. O luthier Luis Martíns -especialista en arpas antigas e barrocas, responsable da recreación dos instrumentos da arquivolta do templo- será quen imparta este curso, no que se empregarán técnicas e materiais actuais e permitirá que o público aprenda este verán a construír e montar unha arpa moi lixeira e compacta, ideal como instrumento de iniciación e tamén de viaxe.


Convidadas internacionais

No marco da celebración do Noia Harp Fest, a dirección do festival reunirase con representantes de citas arpísticas europeas. Co soporte de Acción Cultural Española a través do seu programa PICE (Programa para la Internacionalización de la Cultura Española), o Noia Harp Fest programará unha xuntanza o 5 de agosto na que figurarán como convidadas dúas citas internacionais de prestixio: o Zagreb Harp Festival de Croacia, representado pola arpista Tajana Vukelic, e o Arpe del Mondo, de Cerdeña, que contará co arpista Raoul Moretti como convidado.

AXENDA NOIA HARP FEST 2022

MÉRCORES 3 DE AGOSTO

19.00 horas, Liceo de Noia | Concerto do alumnado das escolas de arpa de Galicia

20.00 horas, Liceo de Noia | Foliada de benvida con arpistas e bailadores

FESTIULLOA en Antas de Ulla e homenaxe a Marisol Soengas en Agolada

A próxima fin de semana terá lugar unha das celebracións máis importantes e esperadas do verán da Ulloa: FESTIULLOA, o festival que organizan desde Quercus Sonora. Os concertos serán o venres 5 e o sábado 6 de agosto, pero o programa vai de xoves a sábado con diferentes actividades.

Por outra parte, o sábado 6 de agosto celebrarase en Agolada, en sesión de mañá e tarde, unha homenaxe e o nomeamento de filla predilecta á eminente científica Marisol Soengas, que ten vínculos tamén con Antas de Ulla. O director e socios do IEU de Antas asistirán á homenaxe en representación do propio instituto ulloán.