Evaristo Calvo elixido Xograr de Outono do FIOT este 2022

O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase durante a celebración da nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo en outubro

O xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo un dos cómicos de referencia no teatro galego”

Por outra banda, a 6ª edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado xa ten pezas finalistas: as creadoras e creadores Compañía Anxela Blanco, Dani Blanco, Cacharela Teatro, Sr. Lili, Colectivo #ChamizoBelloVila e Mónica Paradela Cuñarro foron seleccionados para presentar as súas creacións experimentais na nova edición do FIOT este outubro

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2022 o premio Xograr de Outono a Evaristo Calvo. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas. 

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao cómico Evaristo Calvo. No seu fallo, o xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo a día de hoxe un dos cómicos de referencia no teatro galego”. O artista recollerá este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, o testigo da actriz Casilda García Alfaro, galardoada en 2021.

FINALISTAS DO CERTAME DE MICRO-ESCENAS METRO CADRADO

Por outra banda, a sexta edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xa ten pezas finalistas. Compañía Anxela Blanco, Dani Blanco, Cacharela Teatro, Musicarte Rey Saavedra, Colectivo #ChamizoBelloVila e Mónica Paradela Cuñarro presentarán as súas últimas creacións experimentais na nova edición do FIOT prevista para este outono, nunha das liñas de programación máis queridas polo público local, quen valorará, como é habitual, tanto a mellor interpretación coma o mellor espectáculo.

O Certame de Micro-escenas Metro Cadrado é un concurso para proxectos escénicos de pequeno formato concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais. Ten por obxecto apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadoras e creadores emerxentes, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía nas artes escénicas.

Metro Cadrado ofrece ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade. Con esta intención, o FIOT convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral. 

Nesta sexta edición do certame recibíronse un total de 36 propostas, tanto de creadores individuais como de equipos formados por profesionais de diferentes disciplinas: performance, teatro, danza, circo, etc. A maior parte de propostas proceden de novos creadores, pero tamén houbo profesionais consolidados nas artes escénicas con afán de experimentar. Entre todas elas, o xurado do Metro Cadrado, conformado por figuras do sector cultural, seleccionou media ducia de espectáculos finalistas:

·       Xeografía dos corpos, presentada por Compañía Anxela Blanco.

·       Viaxar é un pracer, presentada por Dani Blanco.

·       Actriz, chora, presentada por Cacharela Teatro.

·       Cinecleta, cinema doméstico a pedais, presentada por Sr. Lili.

·       Menú do día, presentada por Colectivo #ChamizoBelloVila.

·       Homeless, presentada por Mónica Paradela Cuñarro.

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas na vindeira edición do FIOT, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios: Premio do Público de 150 € e Premio á Mellor Interpretación de 150 €.

As pezas que se poderán ver durante o mes de outubro na nova edición do FIOT. Tal e como é habitual no Metro Cadrado, cada espectáculo contará con catro funcións para facilitar a súa visualización por parte do público. Dúas serán en horario de mañá e outras dúas en horario de tarde. Tanto na web do FIOT coma no programa de man do festival poderanse consultar, con antelación, as horas e lugares das representacións.

20220803-FIOT-Xograr-e-Metro-Cadrado