Noia Harp Fest pecha unha novena edición “ateigada de descubrimentos” e na que contou “co apoio total” do público 

Noia Harp Fest pecha unha novena edición “ateigada de descubrimentos” e na que contou “co apoio total” do público

  • O director do IX Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Rodrigo Romaní, pon en valor a liña pedagóxica inaugurada este ano, coa celebración do I Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, ou as posibilidades que se abren a nivel europeo para NHF
  • O festival celebrouse do 3 ao 7 agosto en distintas localizacións de Noia e contou con artistas procedentes de Galicia, Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia bota o pano da súa novena edición, que a dirección cualifica como “exitosa” grazas ao “apoio total” do público, que encheu os espazos nos que se celebrou, e salienta as “novas vías” que se abren para expandir o festival nas vindeiras edicións.

O director do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, sinala que esta edición foi “moi especial” ao estar “ateigada de descubrimentos”, tanto para o público como para a propia organización do evento. Un dos momentos máis especiais foi precisamente a apertura, celebrada no Liceo de Noia, na que participaron máis de 25 estudantes de arpa das escolas de Galicia. “Se ben NHF sempre tivo un interese especial na liña divulgativa, que incorporamos tanto na propia concepción do festival á hora de aproximar o feito artístico e como pola súa programación de clases maxistrais, este ano abrimos unha liña pedagóxica específica e agardamos que o Noia Harp Fest sexa, a partir de agora, o espazo no que se celebre, cada ano, o encontro de todo o alumnado galego do instrumento.  E, por que non, abrilo a outros territorios”, apunta Romaní. 

Ao fío, o director tamén salienta as posibilidades que se abren para o festival no marco europeo, pois Noia acolleu unha xuntanza específica, grazas ao programa PICE, con representantes doutras citas arpísticas de prestixio, como son o Zagreb Harp Festival de Croacia e o o Arpe del Mondo, de Cerdeña. “Noia Harp Fest formará parte dun proxecto a nivel europeo que consolidará a situación da nosa vila no mapa arpístico internacional”, asevera o director. 


Balance da programación

Rodrigo Romaní salienta a notable calidade artística das e dos participantes da IX edición do evento, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. Figuras como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Anna Amigó, Beatriz Martínez, Carmen Bernal, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas,Rafa Fernández Trio, Bleuenn le Friec e Trío Clepsidra, xunto ao alumnado das escolas de arpa de Galicia, formaron parte do cartel deste 2022, no que a veciñanza puido gozar, de xeito gratuíto, de todos os concertos que se celebraron no Liceo de Noia, Praza do Tapal, Teatro Coliseo Noela, Igrexa de Santa María A Nova ou nos xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre. Ademais, Noia Harp Fest colaborou na organización do concerto inaugural do auditorio das Cabaniñas do Bosque de Albeida, en Outes. 

“O festival medra cada edición de xeito orgánico para expandirse pola vila e relacionarse non só co seu patrimonio arquitectónico, senón tamén cos espazos de importante valor natural que conforman a nosa contorna e os axentes do territorio. Ao cabo, Noia Harp Fest é moito máis que un festival de arpa: é un lugar de encontro entre público e artistas, un espazo para a música e para o coñecemento, e un elemento clave para o recoñecemento do patrimonio cultural e natural da Ría da Estrela”, sinala Romaní. 

Neste sentido, o director artístico do Noia Harp Fest agradece a colaboración das institucións públicas e patrocinadores que fixeron posible esta edición, “quizais a máis ambiciosa até ao día de hoxe, pero sen dúbida a antesala da gran festa de celebración que será a décima edición do NHF o ano que vén”, e lembra que o festival mantén aberta a convocatoria da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia na tempada 2022-2023. O prazo para a presentación de propostas está aberto ao longo deste 2022 a través do web www.noiaharpfest.gal

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración institucional da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e da iniciativa concertosdoxacobeo.gal, ademais do soporte de Acción Cultural Española a través do programa PICE. Noia Harp Fest (NHF) conta tamén coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e a distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio tanto do Liceo de Noia coma da Asociación Terra de Outes.

20220810-GAL-Balance-NHF

DILUVIO, de Tanxugueiras, acada o número 1 de vendas en tendas físicas á semana da súa publicación

Sinatura discos Tanxugueiras. Rocio Cibes 01/08/22

O novo disco das pandeireteiras ocupa a cuarta posición na lista global de vendas en tendas físicas e dixitais que ofrecen GFK e Promusicae, só por detrás de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé. 

‘DILUVIO’ é un traballo conceptual no que as cantareiras cuestionan crenzas, pecados ou presuntas culpas para transformalas “en aprendizaxes vitais”. 

Tanxugueiras segue a colleitar fitos para a historia da música galega de creación colectiva. O trío de pandeireteiras vén de lanzar o seu terceiro álbum, ‘DILUVIO’, co que están a percorrer a Península Ibérica na Xira Midas de presentación do mesmo. O disco, publicado o pasado venres 29 de xullo, situouse como o máis vendido en tendas físicas na semana do seu lanzamento, quedando por riba de nomes como Beyoncé ou Harry Styles. O dato, facilitado por GFK e Promusicae (Productores de Música de España), dá conta da boa acollida que recibiu, entre o público, o novo traballo das cantareiras, que este mesmo fin de semana recolleron no festival SonRías Baixas o disco de ouro polo seu sinxelo ‘Terra’ -outorgado en febreiro, aínda que hoxe en día supera os 30 millóns de reproducións na suma das plataformas-. 

No cómputo global de vendas físicas e dixitais, ‘DILUVIO’ ocupa a cuarta posición entre un cento de discos, só por detras dos novos traballos discográficos de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé, e por riba de figuras de tirón internacional como C. Tangana, Sebastian Yatra ou Rauw Alejandro. A lista global pódese consultar na web https://www.elportaldemusica.es/lists . 

   
“Pensar que tres cantareiras e pandeireteiras poden ser número un de vendas nun momento como o actual é incrible. Hoxe, máis que nunca, queremos compartir este recoñecemento con todas esas mulleres que mantiveron viva a nosa tradición. Tanto as anónimas, como as que compartiron o seu no coñecemento nas recollidas ou quen foi de porta en porta, por toda Galicia, recuperando o noso patrimonio. E vai tamén este agradecemento a quen está a tocar por vez primeira unha pandeireta: nenas, sodes o futuro da nosa música. Grazas a todas, este premio é de todas vós!”, sinalan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.  

DILUVIO 

Tanxugueiras publica este verán ‘DILUVIO’ o seu terceiro traballo discográfico, un álbum conceptual editado por Calaverita Records e que propón rachar con todo o establecido para sandar, para volver a aprender” O disco, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e La Casa del Disco, conta na súa versión física cunha edición deluxe, cun libreto ilustrado de 24 páxinas no que o grupo explica, motu proprio, o significado deste diluvio. 

  
‘DILUVIO’ é unha viaxe de indagación e autocoñecemento que o trío percorre a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, recordar ou apoderar. Un tránsito no que as cantareiras poñen en dúbida e enfrontan numerosas presuntas culpas ou ‘pecados capitais’ instalados na sociedade. E aos sete ‘orixinais’ (avaricia, envexa, ira, luxuria, preguiza, gula, soberbia), elas suman outros tres: patriarcado, hostilidade e homoxeneidade. Crenzas ás que deciden dar a volta e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida: un diluvio de autoaceptación, de diversidade, de amor libre, de apoderamento.  

‘DILUVIO’ é un traballo musicalmente diverso: unha experiencia catártica na que a voz e a cultura tradicional son o fío condutor dunha viaxe evocadora que avanza a ritmo de muiñeira, xota, ou rumba, mesturadas con sonoridades máis urbanas e contemporáneas. Neste sentido, ‘DILUVIO’ confirma a aposta das creadoras, que asinan todos os temas do disco, pola reinterpretación da tradición galega a través da fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap, hip hop ou electrónica, para achegar a música de raíz a un público máis novo.   

Tras máis dun ano de lanzamentos cunha clara intencionalidade agochada para as e os ouvintes, o público por fin pode coñecer o verdadeiro significado de cada un dos sinxelos, os pecados e as aprendizaxes que se agochan tras eles. E esa é a clave de ‘DILUVIO’: unha viaxe, un percorrido desde a tormenta até a quietude. No medio delas, un torrente de culpas e ensinanzas vitais nas que se atopan himnos como ‘Midas’, ‘Figa, ‘Desidia’ ou ‘Terra’.  

20220809-NP-Tanxugueiras-numero-1-de-vendas-con-DILUVIO