Inventio, o grande espectáculo galego de circo, danza, ilusionismo e música que se estrea en outono, activa a venda de entradas para Pontevedra

Os billetes para as cinco funcións que terán lugar os días 11, 12 e 13 de novembro no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra están xa á disposición do público en www.inventio.gal cun prezo reducido, dun 30% de desconto, até o vindeiro 17 de xuño

Inventio é unha creación para público familiar chea de humor, misterio e fantasía; unha viaxe sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos de cinema futurista, que visitará 15 escenarios de Galicia, España e Portugal de setembro de 2022 a xaneiro de 2023 

As entradas para Inventio, o novo espectáculo de gran formato con ilusionismo, danza, artes circenses e música inspirado no Camiño de Santiago, xa están á venda para as funcións de Pontevedra. O público pode adquirir os seus billetes, cun prezo reducido, dun 30% de desconto, até o vindeiro 17 de xuño, para as representacións que terán lugar no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra os días 11, 12 e 13 de novembro.

Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos… Todo isto e moito máis é Inventio, o espectáculo para público familiar que se poderá ver durante cinco funcións no Auditorio Sede Afundación de Pontevedrao vindeiro outono. Trátase dunha creación que reborda humor, misterio e fantasía, na que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses; unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”.

Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade. Baixo a dirección creativa do mago Martín Varela, trátase dunha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e Fundación “la Caixa”, co apoio de Sargadelos, que contará cunha xira que visitará 15 escenarios de Galicia, España e Portugal entre os meses de setembro de 2022 e xaneiro de 2023.

A estrea absoluta de Inventio terá lugar o 30 de setembro no Teatro Jofre de Ferrol e o espectáculo aterrará en Pontevedra na segunda fin de semana de novembro para ofrecer cinco funcións. O venres 11 terá lugar o primeiro pase, ás 20.00 horas, mentres que o sábado 12 de novembro haberá unha dobre sesión ás 17.00 e ás 20.30 horas. Finalmente, o domingo 13 haberá, tamén, outra dobre sesión, ás 12.00 e ás 17.00h. Co gallo da activación da venda de entradas, o público poderá adquirir até o vindeiro 17 de xuño os seus tickets cun prezo reducido, cun desconto dun 30% sobre o prezo final. Neste período de venda, as entradas irán desde os 10,50€ até os 17,50€ en función da situación da butaca. Toda a información está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin rastro nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense, que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e fano enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

O EQUIPO. Con dirección do novo ilusionista galego Martín Varela e dramaturxia de José L. Prieto, o equipo creativo e artístico de Inventio está formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses e mais o propio Varela, que exercerá de guía do espectáculo. Á fronte da dirección artística, Suso Montero, recoñecido escenógrafo cunha dilatada traxectoria en teatro e televisión. Na dirección de maxia, dous destacados ilusionistas españois -Fani Triana e Martín Camiña- e na de circo, Jorge Miquel, un estudoso cunha longa traxectoria na posta en marcha de proxectos circenses. Na dirección musical, José Trincado ‘Triki’, produtor e técnico que traballou con grupos como Milladoiro ou compañías como a Fura dels Baus. Á fronte do ballet e as coreografías, Mercedes Suárez; Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.

20220530-NP-Entradas-PONTEVEDRA

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: 15 voces da nova poesía galega

Autora: VVAA

Editorial: GADISA Retail SLU

Ano de publicación: 2021

Non sei se tocaba ou non unha antoloxía poética neste espazo, aínda que tampouco sigo unha orde fixa para falar dos libros. Porén, este chegou a minde casualidade, nunha das visitas á biblioteca. Pouco antes lera outra dasantoloxías poéticas máis recentes, Poesía galega novísima, publicada pola editorial Urutau, onde coinciden algunhas das voces que aquí atopamos. En calquera caso, a primeira impresión, unha portada na que aparecen case seguidas as palabras “poesía” e “GADIS”, descolocoume algo e iso xa foi motivo suficiente para espertar a miña curiosidade.

A introdución por parte da profesora María Xesús Nogueira desvélanos parte dese misterio, pois sitúanos na homenaxe á poeta Xela Arias, Letras Galegas 2021, defensora de levar a poesía a lugares pouco habituais. Debo recoñecer que me gusta a proposta e que me gustaría ver moita máis poesía pola rúa,polos parques, polos hospitais ou, incluso, polas autoestradas. Por que non? Mais o realmente revelador é o interior do libro. Poesía sublime que se filtra polos buratos dunha cesta da compra. Porque o feito de achegar a poesía a todos os públicos non debe restar nin un ápice da súa calidade.

Andrea Nunes, Tamara Andrés, Lúa Mosquetera, Gonzalo Hermo, Samuel L. París, Ismael Ramos, Quico, Helena Salgueiro, Xabier Xil, Rosalía Fernández Rial, Daniel Landesa, Celia Parra, Cristina V Miranda, Pompa & Boato e Alba Cid constitúen esta magnífica polifonía. Diversa na forma e no tema, mais impregnada de frescura e cotiandade. Así mergullámonos no amor- balea/ mentres se abren as espigas/ co recendo aínda do primeiro pracer/ brindando pola amizade/ escribindo postais desde cidades tristes/ lembrando o rito da casa cada quince de agosto/ asumindo a derrota en cada píxel da pantalla. Sen aforros/ sen reloxo/ perdidas nalgún lugar do atlas/ somos dor e somos pracer. Foi así como comezamos a parirnos…

Benvida sexa a poesía que, con furia nova, nos atrapa para sempre. Neste caso, deixarse vencer é a mellor das recompensas.

Andanzas do Suso de Lameliña. TRES MICRORRELATOS DE AMOR E UN POEMA DE DESAMOR

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

TRES MICRORELATOS DE AMOR E UN POEMA DE DESAMOR

UN DÍA DE PRAIA

Notei coma algo impactaba contra min. Erguín a vista do libro que estaba lendo, ao acubillo do tornasol, e vin achegarse correndo unha nena. Unha pelota coa figura do Pato Donald estaba ao meu pé. Mentres se agachaba , ollando cara a min, dixo:

-Pedón, zeñó.

Nos seus ollos vin a túa mirada. Calei a boca e continuei lendo:

   “-En todos nosotros hay una parte que desea morir -dije-, una pequeña caldera de autodestrucción que está siempre hirviendo bajo la superficie…”*

*Fragmto de “Leviatán” -Paul Auster.

PARADA DE BUS

O reloxo do Concello dá as seis. Fóra o calor é abafante. Tumbado na cama penso en ti. Coñecérate na parada de bus, xusto o día anterior a decretarse o confinamento. Apenas intercambiamos un par de palabras, suficientes. Tiven o presentimento de que pronto volveriamos vernos. A pandemia non o permitiu, non volvín verte.

O reloxo do Concello dá a media. Sigo a pensar en ti.

AMOR PLATÓNICO

Eras a nena que máis me gustaba. Ameite con enigmáticas verbas que só eu coñecía, ata enchoupar o corpo co resío dos teus beixos fantasiados. 

En poemas de verdes brétemas enarborei o estandarte dos meus soños. Agora érgoo ao vento por ver se atopo a apócema do teu sexo.

ARITMÉTICA DO DESAMOR

aritmética do desamor

orfo de ti

enumero caricias esquecidas

amargores revividos

sumas e restas combinadas

de afectos e desaires

algoritmos dun tempo

de cereixas confeitadas

e fiúnchos que arrecenden

Fallo do IV Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2022

Xurado do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2022

Na tarde deste xoves 26 de maio de 2022 fallouse o IV Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2002, que convoca o Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ. O xurado estivo formado por Ánxela Gracián, Mercedes Queixas Zas e Armando Requeixo, acompañados por Antía Rama Rvias, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade do Concello de Vilalba (en ausencia da concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade, Vanesa Siso Calvo) como presidenta do xurado, e Sonia García, técnico de Cultura de dito concello, actuando de secretaria, e Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ. Estes tres últimos con voz pero sen voto.

Ademais da alta participación, dado que se presentaron un total de 78 microrrelatos, o xurado destacou a boa calidade, en xeral, das obras presentadas.

Unha vez abertas as plicas, a relación das persoas premiadas foi a que aparece na seguinte listaxe gráfica:

A entrega de premios programarase en datas vindeiras.

Descargar PDF con lista de persoas gañadoras

XXVIII Homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” a Xosé Manuel Martínez Oca: A Estrada, 18 de xuño

A Homenaxe “A/O Escritor/a na súa Terra – Letra E“, que cada ano impulsa a AELG, chega neste 2022 á súa XXVIII edición, recaendo por decisión da Asemblea de Socias e Socios na figura de Xosé Manuel Martínez Oca.

A actividade terá lugar o sábado 18 de xuño, na Estrada. A partir das 11:15 horas desenvolverase o programa de actos previsto, que se pode descargar aquí.

PROGRAMA PREVISTO DE ACTOS

11:30 h. Casa das Letras (Avenida Benito Vigo, 60)

Descubrimento do monólito conmemorativo e plantación da árbore escollida polo autor.

Interveñen:

  • José Carlos López Campos, Alcalde do Concello da Estrada.
  • Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
  • Xosé Manuel Martínez Oca.

12:30 h. Teatro Principal (Rúa Serafín Pazo)

Acto de entrega da “Letra E”

Interveñen:

  • José Carlos López Campos, Alcalde do Concello da Estrada.
  • Beatriz Maceda Abeleira, Vicepresidenta da AELG.
  • Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
  • Laudatio do autor, por Carlos Loureiro Rodríguez.
  • Entrega da peza escultórica, elaborada por Soledad Penalta.
  • Intervención do homenaxeado, Xosé Manuel Martínez Oca: Resposta á laudatio.

14:30 Samaná Restaurante, na Estrada (Rúa Gradín, 45)
Xantar de confraternidade posterior.

As persoas interesadas deberán anotarse previamente enviando un correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome, apelidos e número de teléfono, até o 12 de xuño. O prezo do menú é de 30 euros, que se pagarán antes de comezar o xantar, no mesmo restaurante (deberán indicar tamén no mesmo correo electrónico se prefiren carne ou peixe no menú).