AELG. Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022

Chega unha nova edición dos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022, unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Hai 25 prazas para cada un deles. As inscricións (máximo de 2 roteiros por persoa que se inscriba) poden realizarse no formulario dispoñíbel aquí.

Os roteiros son os seguintes:

– Vigo. 29 de maio. Ana Abad de LarrivaRoteiro polo Vigo teatral a través do tempo. De 11:30 a 13:00. Partida: Porta do Sol.

– A Estrada. 5 de xuño. Xoán Carlos Garrido CouceiroManuel García Barros, o escenario da súa pluma insubmisa. De 11:30 a 13:00. Partida: Casa do Concello.

– Bueu. 12 de xuñoMíriam FerradánsDarse en auga. Os versos do azul. De 11:30 a 13:00. Partida: Biblioteca Torrente Ballester.

– Pontevedra. 19 de xuño. Elena Gallego AbadCITA na Pontevedra de tinta e pedra. De 11:30 a 13:00. Partida: Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).

– Cuntis. 26 de xuño. Héitor PicalloO Baño (Cuntis), unha vila de augas e de letras. De 11:30 a 13:00. Partida: Praza das Árbores.

A orquestra folk SonDeSeu regresa a Lugo cun concerto acústico para celebrar o seu vinte aniversario 

A orquestra folk actuará este sábado 21 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 20:30 horas, e na web www.ataquilla.com aínda hai entradas dispoñibles para gozar desta actuación especial de aniversario

SonDeSeu recala este sábado en Lugo cun concerto que se enmarca na xira de celebración do seu vinte aniversario. A orquestra folk, un dos proxectos musicais máis senlleiros do país, actuará este sábado 21 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 20:30 horas, e desta volta vaino facer dun xeito singular: en formato acústico e sen amplificación. Este concerto de SonDeSeu é posible grazas á colaboración do Concello de Lugo e as súas entradas poden adquirirse no espazo web www.ataquilla.com.

A primeira orquestra folk de Galicia regresa á cidade catro anos despois do seu concerto na inauguración das festas de San Froilán 2018. Nesta ocasión faino con a case totalidade dos seus 60 integrantes, entre eles os lucenses José Varela, violinista, e a cantante Carme López, que tamén forma parte de Raiceira e do grupo Os Minhotos, no que toca a gaita.

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.

CONVOCATORIA

Xira XX Aniversario SonDeSeu | Concerto Lugo

Data: 
sábado 21 de maio
Hora: 
20:30
Lugar: 
Auditorio Municipal Gustavo Freire

Solicitude de acreditacións: até ás 14.00 horas do venres 20 vía correo-e a lucia.pita@theofficeco.es ou bea@theofficeco.es

SDS-dossier-XX-Aniversario