Os contos do Festival Atlántica tamén chegan á provincia de Lugo e estarán en Mondoñedo, Alfoz e Chantada

OS CONTOS DO FESTIVAL ATLÁNTICA TAMÉN CHEGAN Á PROVINCIA DE LUGO E ESTARÁN EN MONDOÑEDO, ALFOZ E CHANTADA

  • Mondoñedo acollerá os espectáculos de Lois Pérez e Caxoto os días 1 e 9 de xullo, respectivamente
  • En Alfoz actuarán Santi Prego e Jorge de Arcos o sábado 2 de xullo e Vero Rilo e Sonsoles Penadique o día 9
  • O sábado 2 de xullo as historias estarán na casa da árbore de Anxo Moure, na parroquia de Mariz, Chantada

A provincia de Lugo volve acoller este ano parte da programación do Festival Atlántica de Narración Oral que celebra a súa décima edición. Nesta ocasión haberá espectáculos no Castelo de Castrodouro de Alfoz, nos xardíns da casa modernista Santa Emilia e en Alfar dos Muíños, ambos en Mondoñedo, e na casa da árbore de Chantada. Todas as funcións son gratuítas e son posibles grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración dos concello de Alfoz e Mondoñedo e Esquina Atlántica.

A actividade comezará este venres, 1 de xullo, en Mondoñedo, onde Lois Pérez compartirá co público adulto as historias do seu espectáculo ‘Contaba morrer’. A función comezarás ás 21:30 horas nos xardíns da casa modernista Santa Emilia. Uns días máis tarde, o 9 de xullo, Felipe Díaz ‘Caxoto’ estará cos seus ‘Contos a pé de rúa’para toda a familia en Alfar dos Muíños, tamén no concello mindoniense e a partir das 20:30 horas.

No que respecta a Alfoz, están previstos dous espectáculos para adultos no Castelo de Castrodouro. O primeiro será o sábado 2 de xullo, ás 20:30 horas, cando Santi Prego e Jorge de Arcos levanten o pano do ‘Teatro máis pequeno do mundo’. Unha semana máis tarde, o 9 de xullo, será a quenda das ‘Lavandeiras’ de Vero Rilo e Sonsole Penadique, tamén ás 20:30 horas.

Tamén Chantada recuncará como sede do Festival Atlántica logo da boa acollida que tiveron o ano pasado os contos en barca tradicional. Regresa así Anxo Moure pero desta volta será cos ‘Contos na casa da árbore’ en Garabelos, parroquia de Mariz, a partir das 10 da mañá e en sesións a demanda ata ás 7 da tarde. Haberá historias do ‘Carballo con botas’ na copa dun castiñeiro acompañadas de proxeccións no Cinema Palleiriso do conto ‘Zapatiños de cartón’ en formato curtametraxe e protagonizado polos monicreques de Tarabelos.

Atlántica multisede

Pero alén da provincia de Lugo, a actividade do festival tamén estará noutros vinte concellos e rematará o 9 de xullo ata completar os 94 espectáculos previstos en toda Galicia. Deste xeito, nesta edición tamén haberá actuacións nas localidades de Santiago de Compostela, Teo, Padrón, Ferrol, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Paderne, Zas, ademais de Mondoñedo, Alfoz e Chantada. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e da América Latina.

20220629-NP-LUGO-FestivalAtlantica

As bandas galegas Moito! e Habitación Vudú abrirán o concerto de Placebo en Ourense

As bandas galegas Moito! e Habitación Vudú abrirán o concerto de Placebo en Ourense


A banda británica de rock alternativo actuará o 26 de agosto en Galicia, no que será un dos únicos tres concertos que os de Brian Molko ofrezan en España no marco da xira ‘Never Let Me Go’

As entradas para o directo de Placebo, que terá lugar en Expourense, están dispoñibles a través da plataforma web www.ataquilla.com

As bandas galegas de indie pop-rock Moito! Habitación Vudú abrirán o concerto de Placebo en Ourense este verán. A mítica troupe británica de rock alternativo actuará en Galicia o 26 de agosto, no marco da programación musical do Xacobeo 21-22. A cita, que terá lugar en Expourense, será a única parada que a banda de culto británico faga este verán en territorio galego no marco da súa xira internacional Never Let Me Go. 


O directo de Placebo en Ourense, un dos eventos de referencia dos www.concertosdoxacobeo.gal, comezará ás 22.30 horas, mais apertura de portas en Expourense o 26 de agosto terá lugar ás 20.00 horas. Así, a partir das 20.30, sucederanse os directos das bandas galegas. A primeira que subirá ao escenario será Moito!, nunha sesión na que o grupo indie de A Pobra do Caramiñal dará a coñecer os avances do seu álbum debut que se publicará este mesmo ano. A continuación, chegará a sonoridade rock dos ourensáns Habitación Vudú, que presentarán algúns dos temas dos seus EP Flores Falsas En el aire.

As entradas para o evento en Ourense (a única cita que a banda ofreza este verán en España fóra dun festival, xa que as outras dúas serán marco do Mad Cool e BBK Live) están dispoñibles na plataforma web www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros máis gastos de xestión. Ademais, a organización do concerto (as promotoras Thinking Up Events e Escena Sonora) pon a disposicición do público un paquete turístico exclusivo para fans de Placebo baixo o nome Rock & Relax, que inclúe, ademais da entrada ao evento, o aloxamento no Hotel Balneario de Laias, o transporte en tren de ida e volta desde Madrid ou os traslados para gozar de excursións singulares a dúas das xoias patrimoniais e vitivinícolas da rexión: Ribeira Sacra e O Ribeiro. Este paquete, posto en marcha coa colaboración de Offitravel, ten como finalidade favorecer o tránsito de seguidores da banda desde Madrid á vez que se ofrece a posibilidade de coñecer de primeira man espectaculares localizacións como o mosteiro de Santo Estevo ou mesmo os cañóns do Sil mediante unha viaxe en catamarán. 


SOBRE PLACEBO

Placebo é unha das bandas de rock alternativo imprescindibles dos últimos 25 anos, con máis de 13 millóns de álbumes vendidos en todo o mundo até o día de hoxe. O seu disco debut homónimo supuxo un fito no cambio de rumbo da música británica dos 90: a súa antítese do britpop serviu de inspiración a toda unha xeración de músicos que seguiron o seu camiño. Con cinco discos posicionados entre os dez mellores do Reino Unido, Placebo acadou un lugar privilexiado na historia da música británica. A troupe colaborou con lendas como David Bowie, Robert Smith, ou Michael Stipe, e durante máis de dúas décadas realizou xiras multitudinarias, conseguindo pendurar o cartel de entradas esgotadas e copando as cabezas de cartel dalgún dos festivais máis prestixiosos a nivel mundial. Neste 2022, a banda visita Galicia no marco da xira de presentación do seu novo disco, Never Let Me Go. A cita será un dos pratos fortes da programación musical do Xacobeo 21-22 (www.concertosdoxacobeo.gal) deste verán. 


SOBRE MOITO!

No ano 2018 publican o seu primeiro EP, Ingravidez, producido por Luis Antelo. Coa súa sonoridade indie e espírito underground con influencias do britpop e rock clásico dan o salto a medios de comunicación de ámbito estatal. Desde entón, a banda conformada por Felipe Castro (voz e guitarra), Diego González (guitarra), Juan Ciego (baixo) e Diego Guillín (batería) xira por numerosos concursos e eventos e publica un novo EP: Ingeniería inversa. Neste 2022 preparan o lanzamento do seu primeiro LP, producido por Carlos Hernández Nombela, do que xa se coñecen temas como ‘Bootstrap Paradox’ ou ‘Dragones’. 


SOBRE HABITACIÓN VUDÚ

Desde A Limia chega a sonoridade fresca, auténtica e de alma rockeira de Habitación Vudú. Na primavera de 2015 gravan o seu primeiro EP, Flores Falsas (contando coa produción de Luis Antelo e a colaboración do músico Pablo Novoa) e, no verán seguinte, abren o concerto de The Gift en Montalegre (Portugal), ademais de deixar a súa impronta no cartel do festival Cultura Quente de Caldas de Rei. No 2018 a banda conformada por Jose Freiría, Rubén Seoane, Justo Freiría e Richi Roales lanza o seu segundo EP, En el aire, co que actúa en Portamérica ou Festival de La Luz, entre outras citas.

20220629-NP-Moito-e-Habitacion-Vudu-con-Placebo

Paula Carballeira e Quico Cadaval inauguran xuntos en Santiago de Compostela a décima edición do Festival Atlántica

PAULA CARBALLEIRA E QUICO CADAVAL INAUGURAN XUNTOS EN SANTIAGO A DÉCIMA EDICIÓN DO FESTIVAL ATLÁNTICA

  • Tamén haberá espectáculos de Dani Blanco, Cris Collazo, Celso Fernández Sanmartín e a Banda Municipal de Música
  • No concello de Teo inaugurarán o festival os portugueses Vítor Fernandes e Estefânia Surreira
  • Toda a programación é gratuíta e prolongarase ata o 9 de xullo nas múltiples sedes de Atlántica

A inauguración do X Festival Atlántica vai estar protagonizada por dous grandes da narración oral galega: Paula Carballeira e mais Quico Cadaval. Ambos os dous artistas ocuparán o escenario que se vai instalar no Parque de Bonaval para celebrar co público os ‘10 anos do mar de contos’. Será a partir das 21:30 horas e con entrada gratuíta. Iso si, as cadeiras están esgotadas desde hai un par de días pero é posible acceder ao espazo e sentar na herba ou levar un asento propio.

Pero antes deste acto oficial están previstas outras actividades repartidas pola cidade. A primeira cita será ás 11 da mañá no CSC das Fontiñas onde o galego Dani Blanco levará as súas ‘Historias desde o outro lado da raia’, unha escolma de contos dirixida ao público infantil e familiar.

Xa pola tarde, ás 19 horas, os bebes de entre 0 e 3 anos teñen unha cita con Cris Collazo no Parque de Bonaval e ‘Son de berce’. Un chisco máis tarde, ás 20 horas, será a quenda dunha ‘Romaría’ artellada entre Celso Fernández Sanmartín e a Banda Municipal de Música de Santiago na Praza de Praterías.

Ademais, o concello veciño de Teo tamén recibirá un espectáculo do Festival Atlántica. Trátase de ‘Dois dos montes’ dos portugueses Vítor Fernandes e Estefânia Surreira que actuarán na Carballeira da Tomada, en Calo, ás 21:30horas.

Atlántica multisede

A actividade do festival en Santiago continuará ata o vindeiro 9 de xullo e incluirá un total de 31 espectáculos dos 94 previstos en toda Galicia. Esta intensa programación na cidade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Santiago.

Mais Atlántica tamén vai desenvolver a súa actividade noutros lugares espallados polas catro provincias galegas. De feito, outras dous sedes acollerán mañá espectáculos do festival. A primeira delas é Ferrol, onde a colombiana Carolina Rueda brindará dúas funcións, unha para público infantil e familiar e outra para adultos, na Biblioteca Municipal. O segundo lugar é Outes onde a galega María da Pontragha tamén ten previstas dúas funcións para nenos e maiores na Praia de Broña.

Alén diso, nesta edición tamén haberá actuacións nas localidades de Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas e Padrón, ademais de Santiago de Compostela, Ferrol e Outes. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e da América Latina.

20220629-NP-SANTIAGO_TEO-FestivalAtlantica

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ARAME DE ESPIÑO

ARAME DE ESPIÑO, Miguel Díaz

Na xeografía arisca do ignoto, emerxe a montaña da conxectura, borrando camiños entregos. As formas nas que nos erguemos sementan hipóteses acotío erradas. Distancias alimentadas por medos vellos que flúen polas veas como células amargas. Abránguennos ás veces lembranzas arame de espiño, tristuras de marañas teimudas conxugadas en noites mestas. Existen épocas así, nas que todo é ferida. E desde o fondo do tallo só podemos ver o gume alto dun machado que nos encolle. Existen verbos que non flúen, palabras abortadas que nos anegan. Momentos decisivos que nos afastan, sentencias infames que nos diminúen.
Pero a dor é un monstro que medra nas tebras, por iso hai que desenraizala da escuridade, enfrontala á alborada. Deixar que a luz dun día novo a devore cos seus dentes afiados na esperanza. Hai que desvencellala da medula, arrincala do seu último reduto nas enxivas, cuspila nas corredoiras mentres o arame nos observa, impotente, máis aló dunha cuneta que non pode salvar.

O X Festival Atlántica programa en Santiago de Compostela máis de trinta espectáculos

A DÉCIMA EDICIÓN DO FESTIVAL ATLÁNTICA PROGRAMA EN SANTIAGO MÁIS DE TRINTA ESPECTÁCULOS

  • Entre o 30 de xuño e o 9 de xullo, Santiago será o epicentro da actividade do festival con 31 espectáculos
  • Actuarán narradores de Colombia, Brasil, Arxentina, Portugal, Guipúscoa, Valencia e Galicia
  • Volven os itinerarios narrados e a música, aumentan as sesións con interpretación en lingua de signos incorpóranse os contos improvisados 

A décima edición do Festival Atlántica vai encher de contos Santiago de Compostela entre o 30 de xuño e o 9 de xullo. Os picheleiros poderán gozar dun total de 31 espectáculos dos 94 que compoñen a totalidade do programa. Esta intensa actividade na cidade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais a colaboración do Concello de Santiago.

A cidade vai acoller estes días as historias de artistas internacionais como Carolina Rueda (Colombia), Vitoria Siedlecki (Arxentina), Claudia Fonseca (Brasil), Vítor Fernandes (Portugal) ou Estefânia Surreira (Portugal). Non faltarán voces doutras rexións como as de Virginia Imaz (Guipúscoa) e Félix Albo (Valencia) e, por suposto, os contadores do país: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Santi Prego, María da Pontragha, Dani Blanco, Cris Collazo, Anxo Moure, Atenea García, Charo Pita, Sole Felloza, Santi Prego e Jorge de Arcos.

inauguración oficial do Festival Atlántica vai ser o xoves, 30 de xuño, cunha función dobre de dous grandes da narración oral galega, Paula Carballeira e Quico Cadaval, no parque de Bonaval. Esta fórmula de duetos vaise repetir noutras xornadas do festival, combinando artistas de diferentes procedencias que compartirán co público as súas historias e xeitos de contar.

Haberá funcións ao longo do día, desde a mañá ata a noite, e concibidas para todo tipo de público. Así, por exemplo, o parque de Bonaval será a sede do ‘Espazo bebés’ e tamén está previsto un ‘Espazo familias’ que rotará por diversos puntos de Santiago e que chegará ás outras sedes do festival.

Ademais, este ano amplíase ata cinco o número de funcións con interpretación en lingua de signos e alén diso, por primeira vez, vai actuar no festival un contador non vidente. Será o vindeiro 9 de xullo na fortaleza da Rocha Forte onde Francisco de Romualdo, acompañado da zanfona, clausurará Atlántica cun espectáculo que recupera os cantares de cego de antano. Nesa velada o público tamén poderá gozar doutra das novidades desta edición: contos improvisados da man de Santi Prego e Jorge de Arcos.

Pero antes da clausura haberá tempo para unha das citas clásicas, os itinerarios narrados, que xa esgotaron as súas prazas ao pouco de ser anunciados. Este ano haberá dúas actividades con Carme Varela, autora da premiada obra ‘As desterradas’, e unha coa arqueóloga Rebeca Blanco. A maiores, está programada unha visita guiada pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ co seu comisario, Manuel Gago, que tamén colgou o letreiro de ‘convites esgotados’.

música non podía faltar á festa dos dez anos de Atlántica. Así, este ano vaise retomar a colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago nunha ‘Romaría’ moi especial na que participa Celso Fernández Sanmartín, pero tamén regresará a ‘Gaitazumba’ de Luis Prego e a música e os contos de das catro estacións de Vivaldi grazas a ConcertArt Sole Felloza.

O festival repite este ano a colaboración coa MICE do Museo do Pobo Galegoe proxectará a  curta documental ‘Verbas no ar’ de Paco Paz e Ernesto Muleiro ademais de organizar un coloquio onde participarán Anxo Moure, Celso F. Sanmartín e un dos codirectores do audiovisual. Ademais, este ano tampouco faltará a colaboración con ASANOG (Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia) que levará os contos de Felloza e Charo Pita ata os nenos da Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).

Sedes próximas: Teo e Padrón

O concello veciño volve ser sede do festival e celebra así dez anos de travesía conxunta con Atlántica. Entre os espectáculos programado en Teo destacan unha sesión de contos de medo con Paula Carballeira e Sofia Maul no cemiterio municipal, concibida para público adolescente e adulto, e unha contada con Avelino González na área recreativa do Xirimbao para toda a familia.

No caso de Padrón, estréase como nova sede cun dos espectáculos máis singulares desta edición: ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez de Vallejo nos xardíns da Fundación Pública Galega Camilo José Cela en Padrón. Unha oportunidade para gozar da mestría de Cadaval coas historias e a química que establece con Chusa Pérez, especialista en contos narrados en lingua de signos.

Alén de Santiago

Mais Atlántica tamén vai desenvolver actividade noutros lugares espallados polas catro provincias galegas. Deste xeito, nesta edición tamén haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne e Zas, ademais de Santiago de Compostela, Teo e Padrón. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220624-NP-Festival-Atlantica_ProgramaSantiago