Os billetes para as cinco funcións que terán lugar os días 11, 12 e 13 de novembro no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra están xa á disposición do público en www.inventio.gal cun prezo reducido, dun 30% de desconto, até o vindeiro 17 de xuño

Inventio é unha creación para público familiar chea de humor, misterio e fantasía; unha viaxe sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos de cinema futurista, que visitará 15 escenarios de Galicia, España e Portugal de setembro de 2022 a xaneiro de 2023 

As entradas para Inventio, o novo espectáculo de gran formato con ilusionismo, danza, artes circenses e música inspirado no Camiño de Santiago, xa están á venda para as funcións de Pontevedra. O público pode adquirir os seus billetes, cun prezo reducido, dun 30% de desconto, até o vindeiro 17 de xuño, para as representacións que terán lugar no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra os días 11, 12 e 13 de novembro.

Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos… Todo isto e moito máis é Inventio, o espectáculo para público familiar que se poderá ver durante cinco funcións no Auditorio Sede Afundación de Pontevedrao vindeiro outono. Trátase dunha creación que reborda humor, misterio e fantasía, na que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses; unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”.

Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade. Baixo a dirección creativa do mago Martín Varela, trátase dunha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e Fundación “la Caixa”, co apoio de Sargadelos, que contará cunha xira que visitará 15 escenarios de Galicia, España e Portugal entre os meses de setembro de 2022 e xaneiro de 2023.

A estrea absoluta de Inventio terá lugar o 30 de setembro no Teatro Jofre de Ferrol e o espectáculo aterrará en Pontevedra na segunda fin de semana de novembro para ofrecer cinco funcións. O venres 11 terá lugar o primeiro pase, ás 20.00 horas, mentres que o sábado 12 de novembro haberá unha dobre sesión ás 17.00 e ás 20.30 horas. Finalmente, o domingo 13 haberá, tamén, outra dobre sesión, ás 12.00 e ás 17.00h. Co gallo da activación da venda de entradas, o público poderá adquirir até o vindeiro 17 de xuño os seus tickets cun prezo reducido, cun desconto dun 30% sobre o prezo final. Neste período de venda, as entradas irán desde os 10,50€ até os 17,50€ en función da situación da butaca. Toda a información está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin rastro nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense, que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e fano enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

O EQUIPO. Con dirección do novo ilusionista galego Martín Varela e dramaturxia de José L. Prieto, o equipo creativo e artístico de Inventio está formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses e mais o propio Varela, que exercerá de guía do espectáculo. Á fronte da dirección artística, Suso Montero, recoñecido escenógrafo cunha dilatada traxectoria en teatro e televisión. Na dirección de maxia, dous destacados ilusionistas españois -Fani Triana e Martín Camiña- e na de circo, Jorge Miquel, un estudoso cunha longa traxectoria na posta en marcha de proxectos circenses. Na dirección musical, José Trincado ‘Triki’, produtor e técnico que traballou con grupos como Milladoiro ou compañías como a Fura dels Baus. Á fronte do ballet e as coreografías, Mercedes Suárez; Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.

20220530-NP-Entradas-PONTEVEDRA