O Noia Harp Fest convoca o Premio de Composición Portus Apostoli para arpa e orquestra

A obra gañadora do certame, que contará cun xurado conformado por arpistas e directores de distintas nacionalidades, estrearase no 2023 da man da Real Filharmonía de Galicia

A IX edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrará concertos singulares e dunha notable calidade artística do 3 ao 7 de agosto

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia vén de publicar esta mañá na súa páxina web, www.noiaharpfest.gal, as bases do I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que nace ao abeiro do festival coa intención de promover e ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, en concerto, da man da Real Filharmonía de Galicia o ano que vén. 

A convocatoria do Premio Portus Apostoli, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, está aberta desde hoxe e até o vindeiro 23 de decembro de 2022 a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. 

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Para máis información sobre as bases e o Premio Portus Apostoli, que se fallará antes do 15 de febreiro de 2023, pódese visitar a páxina web oficial do festival, www.noiaharpfest.gal

IX Noia Harp Fest

A novena edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, celebrarase do 3 ao 7 de agosto. No seu cartel conflúen artistas de ámbito galego, estatal e internacional, de estilos diversos mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Artistas e agrupacións como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec formarán parte da nova edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre  -Praza do Tapal- coma no interior de recintos culturais da vila -Igrexa de Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela- de concertos singulares e dunha notable calidade artística.

Noia Harp Fest, que dirixe o arpista Rodrigo Romanía, conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e da distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio do Liceo de Noia e da Asociación Terra de Outes.

20220518-GAL-Premio-Portus-Apostoli

“Contos arredor do lume”, espectáculo de Alba Grande, este sábado na Casa-Museo Manuel María

A actriz, titiriteira e contadora ourensá, ALBA GRANDE, levará a cabo este sábado, 21 de maio, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María, unha función de narración oral, Contos arredor do lume, dirixida para público familiar a partir de 5 anos. 

Será catro contos de tradicións populares que nos falarán de lumes grandes e pequenos, de fragas e paxaros e de cobras e mulleres. Un espectáculo que inclúe o son dun pandeiro redondo tradicional, coplas populares cantadas e escenas de títeres creados con obxectos.

Un fermoso alegato sobre o coidado da nosa contorna a través Vasalisa e Baba Iagá, Apaporroiba valente que loitou contra o lume que incendiaba a fraga, A paxariña que trouxo o lume á humanidade O rato e a rateira. 

É necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621