Xornada “Certames de Poesía como motores dunha literatura propia”, o vindeiro 9 de xuño na Casa da Cultura de Carral

Terá lugar na Casa de Cultura de Carral o vindeiro 9 de xuño e reunirá a editores e editoras, entidades convocantes de certames e autores e autoras gañadores de diversos premios do país

A asistencia é gratuíta e o aforo limitado, e a inscrición debe realizarse a través do formulario habilitado en www.aculturaeundereito.gal

‘Os certames de poesía como motores dunha literatura propia’ é o título da vindeira sesión do ciclo de xornadas ‘A Cultura é un Dereito’, o programa que promove a área de Cultura da Deputación da Coruña co obxecto de reflexionar sobre diferentes aspectos da cultura de noso e abordar estratexias para o seu desenvolvemento. A xornada, que está comisariada polo técnico cultural e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Carlos Lorenzo, terá lugar o vindeiro 9 de xuño na Casa de Cultura de Carral e reunirá a editores e editoras, entidades convocantes de certames e autores e autoras gañadoras de diversos premios do país. A asistencia é gratuíta e o aforo limitado. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina www.aculturaeundereito.gal

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, lembra que “a Deputación da Coruña leva anos facendo unha aposta clara pola creación a través dos certames literarios, entre os que se conta o González Garcés de poesía”, e neste sentido indica que “nun momento de mudanzas nos hábitos do público lector e no consumo de produtos culturais, vemos necesario analizar o impacto que os certames teñen no sistema literario e o seu peso real na promoción da creación”. Así, nesta xornada abordaranse cuestións como o fomento da escrita e da lectura deste xénero e o comportamento do sistema literario galego, entendido como a relación entre a edición e a recepción das obras entre o público.

O programa da xornada comezará coa presentación do estudo ‘Os certames de poesía en Galicia: unha análise das convocatorias actuais’, a cargo de Carlos Lorenzo, e continuará cunha mesa redonda na que participarán os editores Miguel Anxo Fernán Vello de Edicións Espiral Maior, Henrique Alvarellos de Alvarellos Editora, e Fran Alonso de Edicións Xerais. Seguiralle unha mesa redonda que baixo a epígrafe ‘Chámome poeta e preséntome a concursos’ reunirá a Miriam Ferradáns, Emma Pedreira e Xerardo Quintiá, e que estará moderada pola editora e poeta Dores Tembrás.

A quenda de tarde comezará coa presentación dos Premios de Poesía do Concello de Carral e o Miguel González Garcés da Deputación da Coruña, e continuará coa conferencia ’25 anos da poesía galega’ a cargo de Yolanda Castaño. A xornada rematará coa mesa redonda sobre ‘O futuro dos premios de poesía’ na que participarán Elvira Riveiro Tobío – Premio Eusebio Lorenzo Baleirón-, Gil Ares -premios Manuel Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome-, e Sonia García -Premio Concello de Vilalba- e que estará moderada polo poeta Eduardo Estévez.

Tras a clausura, terá lugar o concerto ‘Treides comigo!’ de Xoán Curiel en instalacións anexas á Casa da Cultura, e aberto ao público en xeral.

Programa-xornadas-Certames-de-PoesA_a

*Información e imaxe recollida da web da Deputacíón da Coruña

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: NOUTRORA

Miguel Díaz, NOUTRORA

E, porén, ocorre o milagre do sorriso.
Medráralle na boca unha recua de espiñas. Noutrora. No seu acento, aquel valado de silvas. Aquel recendo de toxos bravos que lle emanaba das veas. Entre as súas partes fracturadas, flotaba un rumor acedo de tristura. Flotaba. Noutrora.
E, porén, hoxe florea.