Título do libro: Masculino singular
Autora: Carlos Negro
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2016
Masculino singular é algo máis que un corte de sangue no medio do afeitado, tal e como podemos intuír do deseño da cuberta de Miguel Vigo. Pasado xa un lustro desde a súa publicación, segue a ser unha lectura urxente para tempos convulsos (se é que nalgún momento deixaron de selo).
Estamos ante a poesía da deconstrución, da necesidade de visibilizar outros modelos masculinos que transgriden os dogmas do patriarcado. Escrito de forma directa, partindo da cotiandade máis crúa, o libro ofrece unha interesante escolma de poemas. Atopamos así, entre as súas páxinas, poemas curtos e longos, poemas narrativos e visuais e, incluso, potentes caligramas.
Agradécese, ao mesmo tempo, a honestidade á hora de fuxir das certezas e amosarnos versos que nos interrogan a cada paso, que deixan unha especie de encomenda para seguirmos tirando do fío.
Autores como Octavio Salazar ou Jorge García Marín, entre outros, teñen transitado por estes camiños con gran acerto; mais coido que Carlos Negro, ao facelo desde unha poesía contemporánea e lúdica, conecta tamén cun público tan necesario coma o xuvenil.
Velaquí a revolución pendente: “Esixo a tenrura pró meu sexo”.