OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Os seres queridos

Autora: Berta Dávila

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2022

Acabei de ler Carrusel de Berta Dávila pouco antes do comezo da pandemia, desexando mergullarme en máis libros da autora. No transcurso destes anos raros, por un motivo ou por outro, ou quizais porque a vida, tristemente, non chega para tantas lecturas, detiven ese anhelo. Até hai unha semana. E compenseino, ou iso quixen crer, mercando a un tempo Os seres queridos e Un elefante na sala de estar. Hoxe quero centrarme no primeiro.

Nuns días seguramente recibirei, coma boa parte das mulleres que temos fillxs, algunha mensaxe edulcorada felicitándome por ser nai, igual que me poderían felicitar por ter os ollos castaños ou por durmir boca abaixo. Nalgúns casos, gardarei silencio, noutros, intentando non resultar moi arisca, direi que non teño nada que celebrar. Sentireime, novamente, unha rara avis. Ou, quizais desta volta, non tanto, xa que o pouso deste libro acompaña, dalgunha maneira, ás disidentes.

Gústame que as novelas teñan a ousadía de abrir fiestras sobre tabiques moi ben cimentados, que amosen as fendas por onde se filtra a luz. Os seres queridos faino. E faino sen grandes sobresaltos, sen exceso de épica, sen pretender unha gran trama, mais reclamando o dereito a contar desde o outro lado, nomeando o que se oculta, a través da voz da súa protagonista. A crianza, a separación, a vida en parella, o aborto, os vínculos familiares ou as amizades son algúns dos elementos sobre os que se constrúe un relato verosímil, valente e cargado de afectos.

“Nunca experimentei o amor maternal porque non quero o meu fillo polo feito de ser súa nai, senón por quen é el; porque non me pertence, pertence ao mundo; porque non o instrúo nin o dirixo, apenas o acompaño, como el me acompaña a min. Levoume moito tempo descubrir que o vínculo entre o neno e eu non era necesariamente un imán ou unha maxia, aínda que pareza ser así para outras nais e, en concreto, para a maioría das nais da ficción. A descuberta foi reveladora: se o vínculo non era hipnótico e instantáneo, daquela podía, igual que fixera con calquera das outras persoas que amaba, construír o amor maternal, coma quen constrúe un tecido de punto e lle dá forma á súa primeira bufanda”.

A faixa branca do libro pon en letras maiúsculas XXXVIII PREMIO XERAIS DE NOVELA. Unha vez que a quitas a elegancia do espido supera calquera recoñecemento máis que merecido.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Principio de incerteza

Autora: Pilar Ortega

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2018

Menos de cen páxinas abondan para contar unha historia tan interesante como a de Lía, unha profesora de física nun instituto de secundaria, que se veinmersa nun conflito emocional cunha alumna. 

Merecedora do Premio Ánxel Fole de narrativa curta 2017, esta novela de Pilar Ortega saca á luz asuntos aínda silenciados, poñendo en evidencia as dificultades de comunicación que existen entre as persoas na era da hiperconexión.

Baixo a metáfora do principio de Heisenberg, asistimos a unha viaxe que nos interpela a cada paso, que establece relacións entre as experiencias propias e alleas, desfacendo calquera suceso casual da nosa existencia.

Sen dúbida, Principio de incerteza é unha obra valente, que ousa relatar aquelas leccións vitais que se agochan tras o currículum oculto. Quizais sexa este, motivo máis que suficiente, para apostar por lecturas que nos afasten do exceso de edulcorantes destas datas.

Velaquí un petisco: “Hai estrelas que desaparecen devagar. O seu diámetro engorda ao longo de millóns de anos ata convertelas en xigantes vermellas e despois decrece para deixalas reducidas a ananas brancas, estreliñas insignificantes que acabarán por conxelarse e esmorecer para sempre na noite dos tempos”.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Galicia en bus

Autora: María Reimóndez

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2018

Di a lucense María Reimóndez no seu Galicia en bus (Premio JohanCarballeira 2017): “Non me afago a que Lugo sexa unha estación de paso”. E precisamente decido volver a estas páxinas tras varios días escoitando falar de “AVES de paso” e desa teima de querer conectarnos a un centro omnipotente mentres as periferias resistimos como podemos (Ourense- Madrid: 2.15 h/ Lugo- Compostela: 2.43 h).

Estamos ante un poemario escrito desde a propia experiencia da autora, como usuaria frecuente de autobús, no que atopamos versos dun importante calado político e social. Ao longo deste particular traxecto, estruturado en catro partes, a escritora vai colocando varios sinais que nos interpelan dunha ou outra forma: lugares-lembranza, camiños que toman a palabra, toponimias e arquitecturas desde unha perspectiva de xénero… A medida que avanzamos na lectura, aparece, asemade, unha especie de intermitente baixo uns textos dun documento titulado O transporte público rodoviario na Galiza, escrito por un tal M. Roda, que vai xerando un interesante diálogo poético até o final da obra.

“Se cadra por iso din que en Galicia hai tanta poesía, porque vivimos en permanente estado fragmentario.

Resposta de M. Roda na defensa da súa tese”.

“Transformarei en poesía

o meu destino.”

Quen sabe, quizais aínda non é demasiado tarde para empapármonos do espírito rebelde que aquí se desprende e reivindicar fervorosamente o noso punto de partida e o destino que queremos.

“As palabras son perigosas

porque abren o camiño

que todo o cambia.

Porque fan posible

o imposible.

Porque son o único 

e definitivo

medio de transporte”

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Masculino singular

Autora: Carlos Negro

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2016

Masculino singular é algo máis que un corte de sangue no medio do afeitado, tal e como podemos intuír do deseño da cuberta de Miguel Vigo. Pasado xa un lustro desde a súa publicación, segue a ser unha lectura urxente para tempos convulsos (se é que nalgún momento deixaron de selo).

Estamos ante a poesía da deconstrución, da necesidade de visibilizar outros modelos masculinos que transgriden os dogmas do patriarcado. Escrito de forma directa, partindo da cotiandade máis crúa, o libro ofrece unha interesante escolma de poemas. Atopamos así, entre as súas páxinas, poemas curtos e longos, poemas narrativos e visuais e, incluso, potentes caligramas.

Agradécese, ao mesmo tempo, a honestidade á hora de fuxir das certezas e amosarnos versos que nos interrogan a cada paso, que deixan unha especie de encomenda para seguirmos tirando do fío.

Autores como Octavio Salazar ou Jorge García Marín, entre outros, teñen transitado por estes camiños con gran acerto; mais coido que Carlos Negro, ao facelo desde unha poesía contemporánea e lúdica, conecta tamén cun público tan necesario coma o xuvenil.

Velaquí a revolución pendente: “Esixo a tenrura pró meu sexo”.