por martinho | Jun 12, 2023 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), continuando cos actos programados para este mes de xuño, organiza a presentación do libro “Lugo Philadelphia” (Xerais, 2023), cun recital a cargo do poeta Lois Pérez e da fotógrafa Alba Díaz, autores do libro, e de Lois Pérez (fillo) nos teclados. Poesía, música e humor para unha viaxe de ida e volta a Philadelphia, A Piringalla e a Terra Chá, coa música dos Stones e algunha outra sorpresa.
Será o venres 16 de xuño ás 20:00 h. na Casa da Cultura de Vilalba.
NOTA_INFORMATIVA_LOIS-PEREZ-LUGO-PHILADELPHIA
por Beatriz Dourado | Dic 28, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: CORREDORA
Autor: María Reimóndez
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2017
Deseño da cuberta e interiores: Miguel A. Vigo
Imaxe da cuberta: Zerihun Seyoum (pintor etíope), The Runners, 2006
Volvo á LIX con Corredora. Xa anteriormente comentara que as liñas que delimitan as lecturas para público infantil- xuvenil ou adulto son –ás veces-pouco nítidas. E coido que está ben así. Sobre todo, para poder movérmonos, sen ningún tipo de estigma, por diferentes propostas literarias, que nos enriquecen a todxs.
Recoñezo nestas páxinas a mirada crítica da súa autora, María Reimóndez, sempre comprometida con diferentes causas sociais e políticas. A través da protagonista desta historia –Genet, unha atleta etíope-, asistimos a unha carreira de fondo pola visibilidade das mulleres e do seu empoderamento. De feito, diría que o libro deixa en si un certo pouso a resistencia, a seguirmos correndo para loitar polos nosos dereitos.
“Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro”.
Sen dúbida, estamos perante un relato conmovedor e de superación, que nos convida a coñecer outras realidades xeográficas e culturais e, especialmente, a pensar e repensar un mundo que segue a pór obstáculos a todas aquelas persoas que se afastan do prototipo home branco- occidental- acomodado.Abofé, un relato necesario.
por Beatriz Dourado | Sep 30, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Un elefante na sala de estar
Autor: Berta Dávila
Editorial: XERAIS
Ano de publicación: 2022
Repito autora. Desta vez cunha obra que forma parte do catálogo Fóra de xogo, de Xerais, e que acadou o XIII Premio Jules Verne. Con todo, coido que pode ser de interese, tamén, para o público adulto –se é que existe fronteira algunha entre estes dous territorios-.
A trama xira ao redor do suicidio. Déixase claro desde o inicio e evítase, en calquera momento, camuflar ou subordinar este tema a outros. Un punto elemental da obra é o rigor desde o que se narra este feito e se abordan cuestións relacionadas coa saúde mental. A autora, desde o meu punto de vista, sae ben parada deste reto.
Outro dos acertos sitúase na maneira en que se constrúe unha protagonista ausente. Imos sabendo dela a través da mirada poliédrica do resto de personaxes, que dan contan do universo de Rosa.
Un elefante na sala de estar non é tan só un libro que fale de temas que estamos a recuperar no espazo público. Non. É moito máis. É memoria, reparación e afecto, entre outras moitas cousas.
Gustoume, especialmente, o peche da obra coa parábola hindú, que a seguir vos deixo:
“Catro sabios cegos querían saber como era verdadeiramente un elefante e pedíronlle ao rei que lles deixase tocar un.
Un tocou a cola do elefante e dixo: un elefante é coma unha corda.
Outro tocou o bandullo e dixo: un elefante é coma un tambor.
Outro tocou a orella e dixo: un elefante é coma un abano.
O último tocou unha das patas e dixo: un elefante é coma o tronco dunha árbore.
Como non se poñían de acordo preguntáronlle ao rei quen deles os catro dicía a verdade e o rei contestou así: o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefante é a suma de todo iso e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería”.
por martinho | Sep 11, 2022 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
O venres 16 de setembro, ás 20:00, na Casa da Cultura de Vilalba celebrarase a presentación do libro A GRUTA DA TORRE, de Lois Pérez, ganador do V Premio Agustín Fernández Paz. Na citada presentación, canda o autor da obra estarán Rosalía Díaz, ilustradora da mesma, Manuel Bragado, en representación de Xerais, Marisa Barreiro, presidenta do IIESCHA, e Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.
NOTA_INFORMATIVA_A-GRUTA-DA-TORRE-copia
por Beatriz Dourado | Abr 30, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Os seres queridos
Autora: Berta Dávila
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2022
Acabei de ler Carrusel de Berta Dávila pouco antes do comezo da pandemia, desexando mergullarme en máis libros da autora. No transcurso destes anos raros, por un motivo ou por outro, ou quizais porque a vida, tristemente, non chega para tantas lecturas, detiven ese anhelo. Até hai unha semana. E compenseino, ou iso quixen crer, mercando a un tempo Os seres queridos e Un elefante na sala de estar. Hoxe quero centrarme no primeiro.
Nuns días seguramente recibirei, coma boa parte das mulleres que temos fillxs, algunha mensaxe edulcorada felicitándome por ser nai, igual que me poderían felicitar por ter os ollos castaños ou por durmir boca abaixo. Nalgúns casos, gardarei silencio, noutros, intentando non resultar moi arisca, direi que non teño nada que celebrar. Sentireime, novamente, unha rara avis. Ou, quizais desta volta, non tanto, xa que o pouso deste libro acompaña, dalgunha maneira, ás disidentes.
Gústame que as novelas teñan a ousadía de abrir fiestras sobre tabiques moi ben cimentados, que amosen as fendas por onde se filtra a luz. Os seres queridos faino. E faino sen grandes sobresaltos, sen exceso de épica, sen pretender unha gran trama, mais reclamando o dereito a contar desde o outro lado, nomeando o que se oculta, a través da voz da súa protagonista. A crianza, a separación, a vida en parella, o aborto, os vínculos familiares ou as amizades son algúns dos elementos sobre os que se constrúe un relato verosímil, valente e cargado de afectos.
“Nunca experimentei o amor maternal porque non quero o meu fillo polo feito de ser súa nai, senón por quen é el; porque non me pertence, pertence ao mundo; porque non o instrúo nin o dirixo, apenas o acompaño, como el me acompaña a min. Levoume moito tempo descubrir que o vínculo entre o neno e eu non era necesariamente un imán ou unha maxia, aínda que pareza ser así para outras nais e, en concreto, para a maioría das nais da ficción. A descuberta foi reveladora: se o vínculo non era hipnótico e instantáneo, daquela podía, igual que fixera con calquera das outras persoas que amaba, construír o amor maternal, coma quen constrúe un tecido de punto e lle dá forma á súa primeira bufanda”.
A faixa branca do libro pon en letras maiúsculas XXXVIII PREMIO XERAIS DE NOVELA. Unha vez que a quitas a elegancia do espido supera calquera recoñecemento máis que merecido.