Acto poético-musical en homenaxe a Rosalía de Castro na Deputación de Lugo

venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputacíon de Lugo, celebrarase un acto poético musical, no que as voces de Xosé Otero Canto, Adela Figueroa, Ana Mar Fraga Rábade, Ana Gamallo, Fernando García, Ánxela Gracián, Chelo Gayoso, Paco Ledo, Dulce María López, Emilia Martínez Fuentes, Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Toño Núñez, Conchita Paz, Luisa Paz, Xosé Pedreira, Ana Rey, Isabel Rodríguez, Xosé Carlos Ulloa e Branca Villar porán corpo poético aos versos de “Follas Novas”, “Cantares Galegos” e demais obras da escritora homenaxeada, ou aos de propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais. O evento estará conducido por Montse González Álvarez.

ALÓ VAI O VERÁN. A primeira festa en Casa Nicanor

O vindeiro venres 27 de setembro celebrarase na parroquia de Alba (Vilalba) o evento ALÓ VAI O VERÁN. A primeira festa en Casa Nicanor. Organizado por Casa Nicanor e o IESCHA e coa colaboración do Concello de Vilalba e a Denominación de Orixe San Simón da Costa, contará con distintos apartados:

Poesía, a partir das 19:00h coa participación de Ana Mar Fraga Rábade, Beatriz Dourado, Daniel Irimia, Martiño Maseda co acompañamento á guitarra de Luís Teixeiro.

Foliada, ás 20:30h. con Buxos Verdes.

E, a partir das 22:00h. máis música con barra e petiscos.

Ademais haberá Exposición de fotos antigas de Alba e de Casa Nicanor.

I Festival Cultural POZOMOURO

Tras unha frutífera reunión entre a rapazada de Muimenta e arredores xunto coa Asociación Cultural Aquilino Iglesia Alvariño, xurdíu o I Festival Cultural “Pozomouro”. O acontecemento terá lugar na área recreativa “Ribas do Miño”, o vindeiro sábado 31 de agosto. Comezará ás 13:30 h coa sesión vermú que se prolongará ata o xantar. Posteriormente, dende as 16:00 h  ata as 20:00 h desenvolveranse numerosos obradoiros nos que os asistentes poderán participar e obter as súas propias elaboracións. Ademais venderanse rifas con premios dunha tómbola de antigüidades para todos os que as adquiran.

Ás 19:00 h dará comezo un coloquio feminista a cargo de Antía Yáñez, Miriam Beizana e Maite Mosconi. A partir das 20:00 h comezará o “Contrarecital Disco Hermo” de Lois Pérez, que nos acompañará ben seguro para animar a tarde. Poñerán punto e final á tarde un recital poético protagonizado por Tamara Labrada, Beatriz Dourado e Martiño Maseda, acompañado polo músico Luís Teixeiro.

A programación nocturna comezará ás 23:00 h e estará animada polos concertos de Germán Díaz, Los Tres en un Piso, Sócratas e Um Sincero. Poñerase punto e final ao festival cunha Foliada Aberta na que se convida aos asistentes a traer os seus instrumentos e unirse á festa.

Dende a organización agradecemos a vosa asistencia e agardamos que desfrutedes dunha xornada que marcara un fito na historia cultural do noso municipio.

*Información facilitada pola organización do POZOMOURO.

Entrega de premios do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019

Este pasado venres 10 de maio celebrouse na Casa da Cultura de Vilalba a partir das 20 horas do serán a cerimonia de entrega de premios do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019, convocado polo Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ.

Dito acto de entrega, conducido polo escritor e administrador de Cultura GZ, Martiño Maseda, contou tamén coa presenza de Patricia Teijeiro Álvarez, concelleira de Educación de Vilalba, e o escritor e crítico literario Armando Requeixo, membro do xurado, canda Ánxela Gracián e Mercedes Queixas Zas. Sen esquecer, entre o numeroso público que ateigaba o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba, a asistencia das persoas premiadas nas distintas categorías. (Véxase enlace á acta do xurado)

A continuación vexamos unha galería fotográfica, obra de Adolfina Mesa, onde se recollen momentos vividos durante o acto de entrega de galardóns.