Presentación do libro A GOTIÑA VIAXEIRA, de Toño Núñez, na Librería Nube de Papel de Vilalba

O vindeiro xoves, 16 de maio, data anterior ao DÍA DAS LETRAS GALEGAS, a partir das 19:30 horas na Librería Nube de Papel de Vilalba celebrarase a presentación do novo libro do escritor Toño Núñez, A GOTIÑA VIAXEIRA. Acto organizado conxuntamente por Culturalia GZ e Nube de Papel.

Nese acto acompañarán ao citado autor, o escritor Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ, e Lorena Lagüela, por Nube de Papel.

Amenizará o desenvolvemento do evento a actuación do cuarteto poético-musical Corredores de Sombras (Pilar Maseda, Carme Mato, Baruk Domínguez de Naveiras e Rosana Domínguez).

A GOTIÑA VIAXEIRA é un “conto infantil que narra as aventuras dunha gotiña de auga que, durmida un día na praia evapórase e perde ás súas compañeiras. Inclúe cd audiovisual con imaxes, narración e canción”.

*A autoría do cartel anunciador é da artista Adolfina Mesa.

Fallo do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019

Hoxe, 7 de maio de 2019, fanse públicos os premios do Certame de Microrrelatos organizado polo Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ, con motivo da celebración do Día do Libro 2019.


O xurado, que estivo formado, por:


– Armando Requeixo, escritor e crítico literario.

– Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG.

– Ánxela Gracián, escritora e tradutora.

– Martiño Maseda, poeta e administrador de Culturalia GZ (con voz e sen voto).

– Patricia Teijeiro, concelleira de Educación e Participación Cidadá (con voz e sen voto).

determinou os seguintes premios:

CATEGORÍA INFANTIL:

1º PREMIO para Nerea Villar Ferreiro polo microrrelato A historia da Pravia, “pola capacidade imaxinativa e forza simbólica”.

2º PREMIO para África Montenegro Leal polo microrrelato O paraugas máxico, “polo sorprendente tecido marabilloso e as referencias literarias”.

3º PREMIO para María Otero Díaz polo micorrelato Un ancián feliz, “pola emotiva mensaxe e a calidade poética da prosa”.


CATEGORÍA XUVENIL:

1º PREMIO para Mariña Maceiras Segovia polo microrrelato Perspectiva, “pola mostra sensible á problemática migratoria e intelixente xogo de contrastes”.

2º PREMIO para Nee Barros Fernández polo microrrelato Relax-acción, “polo argumento de indubidable tensión climática con final brutal e abraiante”.

3º PREMIO para Sandra Rodríguez Macía polo micorrelato A pantasma, “pola inesperada resolución e hábil inserción de elementos fantásticos”.

CATEGORÍA ADULTOS:

1º PREMIO para Patricia Torrado Queiruga polo microrrelato Da estirpe ágrafa, “pola poderosa evocación da estirpe familiar dende o herdo das mulleres e aposta pola cultura alén da letra impresa”.

2º PREMIO para Raquel Fernández Fernández polo microrrelato Silencio, “por ser unha historia de final insospeitado que fai converxer, luminosamente, o mundo do pictórico e o literario”.

3º PREMIO para Beatriz López Dorado polo micorrelato Polo recheo ao forno, “pola posta en valor do calado e esencial labor das mulleres no eido do lar cunha escrita de forte pegada lírica”.

O xurado salientou a alta participación en canto ao número de orixinais presentados, así como a boa calidade narrativa dos mesmos, en liñas xerais.

Moitos parabéns a todos/as!

A entrega de premios será o venres día 10 de maio de 2019 ás 20: 00 horas na Casa da Cultura de Vilalba.

Exposición pictórica ARTE EM LIBERDADE (crónica fotográfica)

O pasado 25 de abril tivo lugar na Junta de Freguesia de Silvalde (Portugal) a inauguración da Exposición de Pintura Luso-Galaica ARTE EM LIBERDADE, das artistas Adolfina Mesa e Ester de Sousa e Sá. A data, na que se produciu a inauguración, serviu, asemade, para conmemorar, de xeito artístico e fraternal, o 45º aniversario da revolução dos cravos en Portugal, que trouxera a caída da ditadura de Salazar.

Durante a presentación do evento expositivo sucedéronse, ademais das intervencións das personalidades e as artistas participantes, intervencións poéticas, coma as de Martiño Maseda, Carlos Abeledo, Vítor Gulías, Jose Sá, etc., e musicais, con intérpretes salientables coma Andrés Fernández Rodríguez.

Dita Exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 9 de maio.

MONDOÑEDO é POESÍA 2019

MONDOÑEDO é POESÍA 2019

1 de maio de 2019

6ª EDICIÓN

Mondoñedo é poesía chega á súa 6ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) aos amantes da poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual. Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 478 anos).

Nesta edición homenaxeamos a Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego” (Mondoñedo, 1899-1964), o músico-barbeiro que recuperou canda Cunqueiro, xunto a outros ilustres mindonienses como B. Vidarte ou X. Díaz Jácome, a tradición dos maios nos anos da Segunda República.

O cartel oficial da edición é da autoría do artista mindoniense, J. Pedro Gómez.

TENDAL DE POESÍA

Exposición na recepción do Auditorio Pascual Veiga. Montaxe foto-poética con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo inspirados en obras de artistas mindonienses e mariñaos.

RECITAL na RÚA

17:00h.-Saída da carroza do Maio da Finca da Loura (a carón da casa natal do Pallarego no Barrio dos Muíños de Arriba)

17:30h.-Praza Jaime Cabot (Alcántara)

Memoria dos Maios. Homenaxe á Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego”.

Acto de homenaxe a un dos personaxes máis destacados da cultura popular mindoniense do s. XX: músico, mecenas e activista cultural.Interveñen: Remedios Ledo Vizoso, alumnado dos centros educativos e da Escola de Música Municipal.

Recital poético

Recitan: Alexandre Fernández Peón (2º premio Díaz Jácome 2018), Laura López (3º premio Díaz Jácome 2018) e Esperanza Pérez

RECITAL no AUDITORIO ‘PASCUAL VEIGA’

18:30h.-No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Martiño Maseda (1º premio Leiras Pulpeiro 2018), Alberte Momán (2º premio Leiras Pulpeiro 2018), Olga Novo e Antón Reixa

A música corre a cargo de Lino Rico (con Juan Carlos, Fajardo e David) e A Banda da Loba.

Presenta: Montserrat González Álvarez (Magadán).

**

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …

Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo e escola Municipal de Música ‘O Pallarego’

Patrocinan: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.

Redes

Facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks

Presentación do libro DÉIXAME A LÚA ACESA, de Anxo Boán Rodríguez

O vindeiro venres 22 de marzo, a partir das 20:30 horas no Centro Recreativo e Cultural de Chantada, terá lugar a presentación do último libro do poeta chantadés Anxo Boán Rodríguez que leva por título Déixame a lúa acesa.

Anxo Boán Rodríguez, nado en Sandiás (VilaúxeChantada) o 7 de abril de 1961, é un e escritor e avogado galego.

A súa infancia na aldea, no mundo rural, marcará toda a súa obra literaria. Estudou no instituto chantadino Lama das Quendas e licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Exerce a avogacía en Chantada.

Colaborou coa revista Xistral e o xornal lugués El Progreso. Comparte habitualmente as súas creacións poéticas nas redes sociais[.

O seu primeiro libro de poemas é As árbores das idades (2004). “As Árbores das Idades” é o primeiro poemario publicado polo autor e debe o título a un dos poemas dedicados a todos aqueles que emigraron a ultramar a mediados do século pasado e que xa non retornaron ou cando o fixeron todo era diferente. En cada unha das árbores que bebían na beira do rigueiro era unha etapa na vida que se ía esfumando no emigrante protagonista do poema

Continuou con Poemas para unha alma ferida (2016), con Limiar de Xosé Lois García Fernández: “Poemas para unha alma ferida” conta con limiar e comentarios do prestixioso poeta e historiador Xosé Lois García, e o eixe fundamental da obra contén un heptapoemario de laio e doer de Marian que acaba de perder ao seu fillo traxicamente. Son poemas de musicalidade redactados de maneira sinxela e concisa que levan mensaxes e esperanza a Marian e a todos aqueles que soportan a pesada carga da traxedia e da ausencia

En 2017 publicou Corenta sonetos de amor e conforto, con Epílogo de Xulio López Valcárcel. Non abonda ao poeta coller un papel, e escribir frases ben compasadas, sexan frases libres ou ben rimadas, cando a musa non quere estar con el.

“Ser poeta é ser a pedra e o cicel,

un escultor das musas inspiradas,

un trobador para almas apaixoadas,

e un azoute para o corazón cruel”

Estamos ante un poemario que é un soporte de fidelidade á nosa lingua, de dignidade ao noso país e de aprendizaxe nos bos desexos e vontades dun amor lúcido e transparente. A persoalísima riqueza de obedecer aos desexos do amor soñado, desexado ou conquistado, maniféstase neste libro dunha maneira moi contundente (Xosé Lois García.

En 2018 publicou o poemario Déixame a lúa acesa. Segundo a editora: “O lector axiña identificará a musa do poeta coa súa propia namorada ou namorado, pretendida ou pretendido”. Xosé M. Eyré sinala no limiar: “Entréganos así un poemario de expresividade limpa, clásica nos días que corren, que recupera a métrica e a rima e, sobre todo, o fulgor do sentimento como motor da vida”.

Tamén escribiu narrativa, As cousas do Fuco (2016), con limiar de Pablo Rubén Eyré: O autor retrátanos a vida dun neno que tiña que axudar nos traballos agrícolas dos seus pais como realidade social no mundo rural da Galicia profunda a finais dos anos 1970. O neno protagonista deste relato, chamado Fuco, escribe nun caderno íntimo e persoal as súas vivencias narradas en primeira persoa. Faino coas expresións populares propias do xeito de falar do rural da vila chantadina, onde naceu o autor, quen, á súa vez, ao longo deste relato, mantén conversas co neno protagonista da obra, que acaba entregándolle o caderno escrito de forma tan natural como sinxela

Para Xosé Lois García: Por tanto, Sandiás é o epicentro dunha cultura nutrida entre a ribeira e as valgadas altas de Vilauxe. Un espazo transversal e poliédrico que transmite as esencias mais puras para que unha sensibilidade tan adherida a seu medio manifeste neste libro oito capítulos ou secuencias sobre as andanzas de Fuco, que non deixa de ser unha autobiografía -supoño- como acontece neste tipo de literatura infantil que, na maioría dos casos non deixa de ser allea aos adultos.

Segundo Alfredo Pardo: Anxo Boán puntualiza unha narrativa tendencialmente realista, contribuíndo notablemente e de forma crítica sobre a marxinación de certas palabras, usos e costumes lingüísticas.

Publicacións

Poesía

  • As árbores das idades (2004).
  • Poemas para unha alma ferida (2016). Corona del Sur.
  • Corenta sonetos de amor e conforto (2017). Ed. Círculo Rojo.
  • Déixame a lúa acesa (2018). Ed. Círculo Rojo. 90 páxs. Ilustracións de Miranda García Fonseca.

Narrativa

  • As cousas do Fuco (2016). Letras de Autor.

Premios

  • En 1976 foi premiado no Certame literario convocado pola asociación cultural Lumieira de Chantada pola obra de teatro Traxicomedia de Luís e Margarita
  • En 1976 foi premiado no Certame convocado polo Círculo Recreativo e Cultural de Chantada pola obra de teatro Nadal Tráxico
  • En 1980 foi premiado polo INMB de Chantada polo poema Camiñando de noite
  • En 2001 gañou o premio Xohán de Requeixo
  • En 2011 gaña o premio de xornalismo “Moncho do Pío” por un artigo no Xornal El Progreso sobre a muller traballadora na Ribeira Sacra chantadina

Na seguinte imaxe pódese observar con total detalle o programa de dito evento literario.