Tras unha frutífera reunión entre a rapazada de Muimenta e arredores xunto coa Asociación Cultural Aquilino Iglesia Alvariño, xurdíu o I Festival Cultural “Pozomouro”. O acontecemento terá lugar na área recreativa “Ribas do Miño”, o vindeiro sábado 31 de agosto. Comezará ás 13:30 h coa sesión vermú que se prolongará ata o xantar. Posteriormente, dende as 16:00 h ata as 20:00 h desenvolveranse numerosos obradoiros nos que os asistentes poderán participar e obter as súas propias elaboracións. Ademais venderanse rifas con premios dunha tómbola de antigüidades para todos os que as adquiran.
Ás 19:00 h dará comezo un coloquio feminista a cargo de Antía Yáñez, Miriam Beizana e Maite Mosconi. A partir das 20:00 h comezará o “Contrarecital Disco Hermo” de Lois Pérez, que nos acompañará ben seguro para animar a tarde. Poñerán punto e final á tarde un recital poético protagonizado por Tamara Labrada, Beatriz Dourado e Martiño Maseda, acompañado polo músico Luís Teixeiro.
A programación nocturna comezará ás 23:00 h e estará animada polos concertos de Germán Díaz, Los Tres en un Piso, Sócratas e Um Sincero. Poñerase punto e final ao festival cunha Foliada Aberta na que se convida aos asistentes a traer os seus instrumentos e unirse á festa.
Dende a organización agradecemos a vosa asistencia e agardamos que desfrutedes dunha xornada que marcara un fito na historia cultural do noso municipio.
*Información facilitada pola organización do POZOMOURO.