Acto de presentación das obras HORA DE PENUMBRA, de Xurxo Alonso, e DE CASA QUEIMADA, de Iria Collazo López, no Museo das Aves de Cospeito

Onte pola tarde no Museo das Aves Cospeito, nun ambiente agradable, que cumpría as medidas sanitarias determinadas por causa da pandemia que estamos a padecer, celebrouse o acto de presentación das obras gañadoras do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA: “Hora de penumbra“, de Xurxo Alonso, e “De casa queimada“, de Iria Collazo López.
Con representación do Concello de Cospeito, na persoa do seu alcalde, Armando Castosa, da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, a través da súa presidenta Ines Lozano Carral, de Alvarellos Editora, o seu director Henrique Alvarellos, de Culturalia GZ, o seu administrador Martiño Maseda, chegou o momento de desfrutar en formato papel e escoitar en voz recitadora o froito poético que o xurado considerou merecedor de galardón na segunda edición deste certame poético que se vai consolidando máis aló dos lindes da Chaira.
Debido á ausencia por problemas de saúde de Iria Collazo López, enviou un texto que leu Martiño Maseda, ademais de recitar un par de poemas do seu libro “De casa queimada”.

Velaquí unha galería videográfica, facilitada por Quique Alvarellos, Ana Mar Fraga Rabade e Armando Requeixo, xurados nalgunha edición do certame e presentes no acto, no que tamén estiveron máis integrantes deliberadores/-as do citado xurado como Xosé Otero Canto e Adolfina Mesa.
Un acto ameno no que, a pesar dos tempos pandémicos, se festexou a palabra poética que fai medrar a árbore literaria de Caldaloba.



#MedreaPoesía!
#MedreCaldaloba!

Fundación María José Jove. Exposición fotográfica MODO ESPERA. 99 DÍAS EN PAUSA

A Fundación María José Jove (FMJJJ), en colaboración co Concello da Coruña, organiza a Exposición fotográfica MODO ESPERA. 99 DIAS EN PAUSA. A apertura de dita exposición terá lugar o mércores, 2 de decembro de 2020, a partir das 11:30 horas, na Praza de Lugo ( zona Fnac) da Coruña.

Está prevista a asistencia ao acto de apertura a Concelleira de Igualdade da Coruña, Eudoxia Neira Fernández, a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove Santos, o alumnado do taller de fotografía inclusiva da FMJJ, o seu profesor (Asociación Why Nos), o escritor Martiño Maseda (autor dos textos que acompañarán as fotografías) e tres persoas da FMJJ involucradas na exposición.

Adxúntase cronograma da apertura da Expo MODO ESPERA. 99 EN PAUSA

MONDOÑEDO é POESÍA (virtual) 2020. MONDOÑEDO é… LUZ

MONDOÑEDO é POESÍA (virtual) 2020

MONDOÑEDO é… LUZ

1 de maio, 16.00h.: https://www.facebook.com/mondonedoe/

A sétima edición do recital poético-musical Mondoñedo é poesía vai ser, ten que ser por forza, virtual. Será como sempre foi, o 1 de maio, Día das Quendas, mais desta as rúas, prazas e auditorios mindonienses teremos que imaxinalos, cadaquén acomodado alí onde se confinen as nosas vidas pero coa certeza de que os versos e as músicas que nos van ofrecer máis de dúas ducias de poetas veñen repositivados de alivio e boa saúde.

Nunca imaxinamos un recital nun escenario infectado de todas as ausencias, nunca que se lles negase aos versos, como en tantas ocasións nas edicións pasadas, o aplauso entusiasta dunha audiencia fiel e numerosa á que lle estaremos por sempre agradecidos. Poden estar seguros que ningún virus, nin este Covid-19 nin outro capaz de enfermar o mundo, poderá matar a poesía.

MONDOÑEDO é… LUZ

Esta edición vai dedicada a Luz Pozo Garza, in memoriam

Luz Pozo Garza quixera estar e estivo dalgunha maneira no Mondoñedo é poesía 2015. Daquela, dous días antes da data, unha circuntancia persoal impediullo. Agora, tamén en vésperas como en 2015, un contratempo acontecido o pasado día 20 de abril quixo interpoñerse e negarlle a Luz Pozo a posibilidade de acompañarnos.

Desta, equivocouse o deus do destino. Luz, que é e sempre será poesía, vai estar na nosa memoría, vai ser a Luz que ilumine intensamente esta edición tan extraña e insospeitada.

MONDOÑEDO É POESÍA (VIRTUAL) 2020

Neste edición interveñen 26 creadoras e creadores, poetas e músicos como Iolanda Aldrei, Chus Amieiro, Caxigueiro, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Miriam Ferradáns, Antonio García Teijeiro, Montserrat González, Mª Xosé Lamas, Martiño Maseda, Rebeca Maseda, Juan Carlos Mestre, César Morán, Carlos Negro, Olga Novo, Toño Núñez, Lois Pérez, Henrique Rabuñal, Baldo Ramos, Manuel Rivas, Iván Siso Calvo, Lorena Souto, Paloma Suanzes, Eva Veiga, Eduard Velasco e Ana Vila Portomeñe.

AGRADECEMENTOS

Acompañarán as lecturas dos poemas e interpretacións musicais, imaxes coa lembranza dos carteis e publicacións que ilustraron as seis edicións anteriores en agraecemento aos colaboradores gráficos Alicia Puchades, Caxigueiro, Nachok, Ernesto González Torterolo, Xosé Vizoso, Antón Caxoto e J. Pedro Gómez.

E tamén servirá de agradecemento ao profesorado e alumnado da escola Municipal de Música ‘O Pallarego’, ao do CEIP Álvaro Cunqueiro e ao do IES San Rosendo que sempre se volcaron no deseño e montaxe dos marabillosos ‘tendais de poesía’, a Luz Galocha, Mª Paz Rodríguez Silva e Francisco Piñeiro, pola entrega amiga e xenerosa, á Asociación As San Lucas e aos máis de cen nomes de homes e mulleres que nos regalaron o seu talento nestas 7 edicións de Mondoñedo é poesía, que este ano, quere ser, vai ser, será por sempre, sobre todo, LUZ.

Data de emisión: venres, 1 de maio, ás 16:00h.

Canlehttps://www.facebook.com/mondonedoe/

Colectivo Mondoñedo É…

Mondoñedo, 30 de abril de 2020

MONDOÑEDO É POESÍA (virtual) 2020

MONDOÑEDO É POESÍA (virtual) 2020

MONDOÑEDO é… LUZ (a Luz Pozo Garza, in memoriam)

A 7ª edición do recital poético-musical vai ser, ten que ser por forza, virtual.

Data de emisión: Venres, 1 de maio, ás 16:00h.

Con Iolanda Aldrei, Chus Amieiro, Marta Dacosta Alonso, Alicia Fernández, Antonio García Teijeiro, Míriam Ferradáns, Montse González Alvarez Magadán, María Xosé Lamas, Martiño Maseda, Rebeca Maseda Longarela,  Juan Carlos Mestre, César C. Morán Fraga, Carlos Negro, Olga Novo, Toño Núñez, Lois Pérez, Henrique Rabuñal Corgo, Baldo Ramos, Manuel Rivas, Iván Siso Calvo, Lorena Souto, Paloma Suanzes, Eva Veiga, Eduard Velasco e Ana Vila Portomeñe.

Reserva a túa localidade: https://www.facebook.com/mondonedoe/

PANDEMIA, por Martiño Maseda

PANDEMIA

Martiño Maseda


Comezabamos a espirnos
cando o primeiro contaxio anulou as palabras
que recendían a camiño ignoto
e falazmente transitable.
Decretouse o silencio na cartografía da casa.
No seguinte impulso puxéronlles bozos
a aqueles que arelaban trabar a apetecible carne da lascivia.
E deixamos de ser inocentes, de mirarnos con fiúza,
confinados na noite da nosa malicia.
A primavera aletargou os afectos.
E fuximos de nós mesmos con icario devezo
cara ao lume dun solpor obsceno que nos persuadía.
Talvez xa non sexamos quen de suturar a fenda
do sacrilexio cometido contra a semántica dos soños.
Agora a quentura da pel abomina a sintaxe pétrea dun tempo
que regañou polas súas costuras íntimas.
E a mirada albisca un horizonte de aves ventureiras.
O ser carnívoro sempre chama dúas veces.