Presentación da Revista CAIRÓN nº 7 na Casa da Cultura de Antas de Ulla

O sábado 13 de xaneiro de 2024 ás 18 h será presentado na Casa de Cultura de Antas de Ulla o número 7 da revista Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns.

O acto, coordinado polo poeta seoanés Xosé Luis Santiso, contará coas intervencións de Pilar García Porto, alcaldesa de Antas de Ulla e responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo; Paula Carballeira, escritora e actriz; Teresa Batán, bibliotecaria e dinamizadora cultural; Xulio Cuba, historiador; e Francisco Pardo, director do IEU.
Contarase ademais coa actuación da actriz Vanesa Ferreiro, que interpretará un fragmento de Acto único. Un cabaret do máis normal, obra teatral inédita escrita por Paula Carballeira e cedida pola autora para a súa publicación en Cairón nº 7.

Realizaranse outras presentacións de Cairón, en Monterroso, posiblemente o sábado 20 de xaneiro pola mañá, e en Palas de Rei o 27 de xaneiro, tamén pola mañá. En calquera das tres presentacións as persoas socias do IEU poderán recoller o seu exemplar da revista.

Cairón. Boletín do IEU

Celebración do FESTIULLOA 2023

No mes de agosto celebrarase outro dos grandes festivais do verán da Ulloa, xunto con Agrocuir e Son d´aldea. Trátase de FESTIULLOAfestival de música clásica e actividades medioambientais organizado pola asociación Quercus Sonora.

FESTIULLOA celebrarase os días 3, 4 e 5 de agosto, con excursións, conferencias e dous concertos imprescindibles, un o venres 4 na igrexa de San Miguel de Monterroso, e outro o sábado 5 na casa-escola de Peibás (Antas de Ulla) que continuará cun concerto nocturno baixo o afamado carballo de Amoexa.

Conferencia sobre o patrimonio do Monte Farelo na igrexa de San Xoán de Antas de Ulla

O sábado 29 de xullo, organizada pola Comisión Monte Farelo do Instituto de Estudos Ulloáns, impartirase na igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla a conferencia Monte Farelo: patrimonio natural e cultural.

Coordinan o acto os historiadores Xulio Cuba e Sinda Vilameá, veciños de A Somoza (Monte Farelo, Antas de Ulla), e imparten a conferencia o antropólogo Manuel Vilar Álvarez, director do Museo do Pobo Galego, e o xeólogo Felipe Fernández Martínez. 

Con esta conferencia inícianse as actividades da Comisión Monte Farelo, coa finalidade da posta en valor e a protección do rico patrimonio, tanto natural como cultural, do Farelo.

Espectáculo audiovisual “A Noite das Donas” na igrexa románica de San Salvador de Vilar de Donas

O próximo sábado 15 de xullo celebrarase na Ulloa un dos eventos destacados do verán:  A NOITE DAS DONAS, espectáculo audiovisual organizado por Xosé Manuel  Pérez Paredes , presidente da asociación “Os Lobos” (Orde dos Cabaleiros e Donas do Priorato de Vilas das Donas), na fermosa igrexa románica de San Salvador de Vilar de Donas (Palas de Rei). Conta colaboración do IEU, os grupos de teatro Alentía e Metástase, o Concello de Palas de Rei e o Centro de Documentación da Ulloa.

Trátase dun espectáculo de relatorios, música e proxeccións que comezará ás 20,30 h. Dos relatorios encargarase Fernando García Penas, escritor e coordinador da sección de filoloxía e literatura do IEU, e contarase coa actuación musical de Sonâmbulum, integrado por María Prado, Lúa Aguete e Manuel Escariz.

A entrada é libre e a capacidade de público asistente limitada.