O sábado 13 de xaneiro de 2024 ás 18 h será presentado na Casa de Cultura de Antas de Ulla o número 7 da revista Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns.
O acto, coordinado polo poeta seoanés Xosé Luis Santiso, contará coas intervencións de Pilar García Porto, alcaldesa de Antas de Ulla e responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo; Paula Carballeira, escritora e actriz; Teresa Batán, bibliotecaria e dinamizadora cultural; Xulio Cuba, historiador; e Francisco Pardo, director do IEU.
Contarase ademais coa actuación da actriz Vanesa Ferreiro, que interpretará un fragmento de Acto único. Un cabaret do máis normal, obra teatral inédita escrita por Paula Carballeira e cedida pola autora para a súa publicación en Cairón nº 7.
Realizaranse outras presentacións de Cairón, en Monterroso, posiblemente o sábado 20 de xaneiro pola mañá, e en Palas de Rei o 27 de xaneiro, tamén pola mañá. En calquera das tres presentacións as persoas socias do IEU poderán recoller o seu exemplar da revista.