Inauguración da exposición O GABINETE DE BELVÍS, de JM Méndez, no castelo de Pambre

O sábado 28 de xaneiro ás 12,00 h o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) inaugurará no castelo de Pambre (Palas de Rei) a exposición O Gabinete de Belvís, con obras de pintura, escultura e escenografía do polifacético artista compostelán José Manuel Méndez.

A exposición, comisariada polo galerista Braulio Vilariño e con carteis e dípticos da deseñadora gráfica Azucena Souto (DuAs), poderá ser visitada na sala 1 do castelo de Pambre ata o 17 de marzo.

DA_ptico-O-Gabinete-de-BelvA_s-JM-MA©ndez-Instituto-de-Estudos-UlloA¡ns

Presentación de Cairón 6 en Palas de Rei e Antas de Ulla

O sábado  21 de xaneiro o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) levará a cabo a presentación do boletín Cairón nº 6 en Palas de Rei e en Antas de Ulla. 

A presentación en Palas de Rei realizarase ás 12,30 no salón de plenos do concello, presidida por Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei e deputado provincial, e coas intervencións de Francisco Pardo, Braulio Vilariño, Xurxo Mouriño e Arturo Regueiro.

A presentación en Antas de Ulla terá lugar ás 18,00 h na Igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla, presidida por Pilar García Porto, deputada provincial e responsable da Área de Turismo da Deputación de Lugo, Hilda García Cabanas, Susana Varela Negro e  Xosé Luis Santiso.

Presentación da revista Cairón nº 6 no Centro Sociocultural de Monterroso

O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) organiza a primeira presentación do nº 6 da Revista CAIRÓN que se celebrará en Monterroso o sábado 14 de xaneiro ás 19,00 h, no salón de actos do Centro Sociocultural, coas intervencións da alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas; do director de Cairón, Daniel Salgado; do xornalista Fernando Salgado; do director do IEU, Francisco Pardo, e do poeta Arturo L.Regueiro.

Están previstas outras presentacións en Palas de Rei  (sábado 21 de xaneiro ás 12,30 h) e Antas de Ulla (21 xaneiro ás 18 h).

Conmemoración dos 800 anos da Feira de Santos de Monterroso

O luns 31 de outubro ás 19,00 h, no salón de actos do Centro sociocultural de Monterroso, terá lugar o acto de Conmemoración dos 800 anos da Feira de Santos organizado polo Instituto de Estudos Ulloáns.

A vila de Monterroso celebra a Feira de Santos dende hai máis de oitocentos anos de xeito ininterrompido, o que a convirte na feira con máis antigüidade e tradición de Galicia. Foi no ano 1219 cando o rei Alfonso IX de León concedeu en Monforte, ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, o pedaticum do sal vendido en Monterroso dúas semanas antes do 1 de novembro. Dende entón a Feira de Santos celebrouse todos os anos, durante oito séculos, excepto no ano 1918, debido á epidemia de gripe, e no ano 2020, debido á do COVID.

O acto, coordinado pola filóloga e historiadora María José Gómez Alvite, comezará coas intervencións de Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso, e de Francisco Pardo, director do Instituto de Estudos Ulloáns, seguidas da lectura dun fragmento da Crónica Compostelana e de textos de Otero Pedraio, Manuel Amor Meilán, Darío Xohán Cabana, Miguel Yebra Varela, Antonio Xiz Ramil e Lorenzo Varela por parte dos ex-alcaldes Luis Pereiro e Miguel Rico, os concelleiros Eloy Pérez e Rocío Díaz, as profesoras Marisa Madriñán e Marta Saavedra, o escritor Xosé Luis Santiso e o historiador Jesús Otero Pereiras.

O poeta Toño Núñez, o músico José Miguel G. Miguélez e o actor Brais Gayoso interpretarán no acto obras do romanceiro galego.