A fantasía do espectáculo familiar ‘Inventio’, adianto de Reis en Vigo

A fantasía do espectáculo familiar ‘Inventio’, adianto de Reis en Vigo

  • Esta proposta escénica galega de gran formato brindará un total de tres funcións no Auditorio Mar de Vigo os días 3 e 4 de xaneiro
  • Comedia, ilusionismo e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos sobre o imaxinario Xacobeo
  • Os billetes para as funcións están á venda na web teuticket.com

Xa está todo a punto para o desembarco do espectáculo Inventio no Auditorio Mar de Vigo os días 3 e 4 de xaneiro. A maxia, o circo e a danza están garantidos con esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar e inspirada no universo xacobeo. Os billetes para as tres funcións previstas en na cidade olívica oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web www.teuticket.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Desde a súa estrea en Ferrol, o espectáculo está a desenvolver unha intensa xira que xa recalou en Santiago, Salamanca, Lugo, Pontevedra e Ourense e que vai chegar nas vindeiras semanas a Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221228-NP-Presentación-Inventio-VIGO


Homenaxe a Bernando García Cendán polo seu X cabodano na Praza da Igrexa de Vilalba

sábado 31 de decembro de 2022, ás 12:30 horas, na PRAZA DA IGREXA DE VILALBA, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) levará a cabo a inauguración da inscripción conmemorativa nunha das lousas da praza (obra do canteiro José Gómez de Bernardo “Pepón”) cando se cumplen dez anos do pasamento do benquerido BERNARDO GARCÍA CENDÁN.

O acto terá tamén un apartado poético (no que poderán participar todas as persoas que o desexen) co recitado de poemas do propio Bernardo, e outro musical no que intervirán dúas alumnas do Conservatorio vilalbés: Icía Saavedra Cortiñas, coa guitarra, e Sara Puentes Antas, coa frauta.    

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: CORREDORA

Autor: María Reimóndez

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2017

Deseño da cuberta e interiores: Miguel A. Vigo

Imaxe da cuberta: Zerihun Seyoum (pintor etíope), The Runners, 2006

Volvo á LIX con Corredora. Xa anteriormente comentara que as liñas que delimitan as lecturas para público infantil- xuvenil ou adulto son –ás  veces-pouco nítidas. E coido que está ben así. Sobre todo, para poder movérmonos, sen ningún tipo de estigma, por diferentes propostas literarias, que nos enriquecen a todxs.

Recoñezo nestas páxinas a mirada crítica da súa autora, María Reimóndez, sempre comprometida con diferentes causas sociais e políticas. A través da protagonista desta historia –Genet, unha atleta etíope-, asistimos a unha carreira de fondo pola visibilidade das mulleres e do seu empoderamento. De feito, diría que o libro deixa en si un certo pouso a resistencia, a seguirmos correndo para loitar polos nosos dereitos.

“Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro”.

Sen dúbida, estamos perante un relato conmovedor e de superación, que nos convida a coñecer outras realidades xeográficas e culturais e, especialmente, a pensar e repensar un mundo que segue a pór obstáculos a todas aquelas persoas que se afastan do prototipo home branco- occidental- acomodado.Abofé, un relato necesario.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: O GUME

Miguel Díaz, O GUME

A fondura, acotío desairada. Como unha chave oxidada, esquecida nun caixón apartado. A fondura, diluída no veleno do cotiá. Afogada na axitación violenta dunha convención anuladora.

A dor, que sempre deriva. Que decontino se ramifica. Que multiplica a súa raizame para estenderse. Dentro. Ata os límites do que somos. Como unha enredadeira devoradora. A dor. Que nos ocupa, que nos habita, que nos invade e aniquila. Coas súas feras navalladas. Que estende a súa pezoña imparable.

A fractura, que chama por alguén que non escoita, que te ignora. A fractura íntima. Que enteiramente nos pertence e rudamente nos conforma.

A liña, definida polo gume, nunha expresión xélida de desprezo. A pedra de afiar, presta. O tallo da gadaña. Sons efémeros desfilando pola liña dun desapego en foliada.

O gume, o gume, o gume. Co seu monótono silencio ameazante. O gume que miro e que me viola.

DEMIURXIA. “Alexas e turróns brandos“, Patricia Torrado Queiruga

Alexas e turróns brandos, Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Alexas e turróns brandos

Hai veces que non é preciso inventar historias, senón andar sempre atenta á realidade, que, ás veces, rabuña en nós.

Esta pasada semana, tendas e supermercados, berce do capitalismo nestas datas, con corredores ateigados de persoas enchendo os carros ata os topes topei a unha señora que me deixou prendidas as verbas na retina.

Diante de min unha señora duns oitenta e tantos, cun carriño pequeno nun supermercado enorme ía collendo o de todos os días, ollando datas de caducidade, falando cos produtos dicíndolles que para a súa pensión de viúva aquilo comezaba a ser insostible. 

—En dúas semanas trinta séntimos, onde imos cheghare?

O único que diferenciaba aquela compra do resto das que debía facer no ano era unha bolsiña pequena de peladiñas, unha tableta de turrón brando e catro polvoróns.

Chegadas á caixa, eu metendo en bolsas os produtos da miña compra e ela comezando a poñer os da súa na cinta preguntoulle á dependenta: 

—Rapasiña, ti sabes canto me podería custar unha Alexa desas e onde se merca?

—Pois verá, nós aquí non as vendemos, pero vostede para que quere unha Alexa? —respondeu.

—Para ter con quen falar na casa, e como vexo pola tele que ti con falarlle ela xa che contesta, pois para sentirme acompañada.

Ollámonos en fite a dependenta e eu e ela díxolle: 

—Pero señora Rosa, vostede non ten dous fillos? Non pasa estas datas con eles?

—Meus probes, están cada un coas súas familias e non me han vir buscar, que un está a vinte quilómetros e o outro a cen.

Collín as bolsas pensando en cando unha nai deixa de ser parte dunha familia, e rumiei en canta xente pasa soa anos enteiros, sen ter sequera con quen falar.

O espectáculo familiar INVENTIO elixe o Teatro Colón da Coruña para pechar a súa xira

O espectáculo familiar ‘Inventio’ elixe o Teatro Colón da Coruña para pechar a súa xira

•    O CEIP Curros Enríquez de Monte Alto acolleu unha presentación de Inventio na que participou parte do elenco artístico así como autoridades e entidades colaboradoras

•    Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos sobre o imaxinario Xacobeo

•    Os billetes para as funcións de clausura xa están á venda na plataforma web ataquilla.com

Malia estar inmersos nunha intenso fin de xira, o elenco artístico de Inventio reservou tempo para presentar esta mañá aos medios de comunicación un petisco do espectáculo no CEIP Curros Enríquez de Monte Alto. No acto tamén participaron Gonzalo Trenor López, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña; Martín Varela, director creativo de Inventio e portavoz de Thinking Up Events; e mais Susan Santos, responsable territorial en Galicia da Fundación “la Caixa”.

Na súa intervención Varela salientou que Inventio é un espectáculo familiar “cunha historia atractiva de gran profundidade e calado cultural, cun halo de fantasía e maxia, espectacular e apetecible, na que prima a calidade”. E sinalou que faille moita ilusión poñer o peche á xira na Coruña, onde van chegar “con moitas ganas de espallar na cidade boas doses de circo, fantasía e danza”. Esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar brindará un total de tres funcións no Teatro Colón entre o venres 13 e o sábado 14 de xaneiro do 2023. Os billetes están á venda na web entradas.ataquilla.com e oscilan entre os 13 e os 25 euros máis gastos de xestión. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove, as familias numerosas, os desempregados e os maiores de 65 anos.

Concibido para todos os públicos, Inventio reborda humor, misterio e fantasía mais tamén é quen de mesturar con solvencia a comedia e o drama. Trátase dun convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Antes de recalar na Coruña a mediados de xaneiro, a xira de Inventio ten previsto pasar aínda por Bilbao (29-30 decembro) e mais Vigo (3-4 xaneiro 2023). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.