Alexas e turróns brandos, Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Alexas e turróns brandos

Hai veces que non é preciso inventar historias, senón andar sempre atenta á realidade, que, ás veces, rabuña en nós.

Esta pasada semana, tendas e supermercados, berce do capitalismo nestas datas, con corredores ateigados de persoas enchendo os carros ata os topes topei a unha señora que me deixou prendidas as verbas na retina.

Diante de min unha señora duns oitenta e tantos, cun carriño pequeno nun supermercado enorme ía collendo o de todos os días, ollando datas de caducidade, falando cos produtos dicíndolles que para a súa pensión de viúva aquilo comezaba a ser insostible. 

—En dúas semanas trinta séntimos, onde imos cheghare?

O único que diferenciaba aquela compra do resto das que debía facer no ano era unha bolsiña pequena de peladiñas, unha tableta de turrón brando e catro polvoróns.

Chegadas á caixa, eu metendo en bolsas os produtos da miña compra e ela comezando a poñer os da súa na cinta preguntoulle á dependenta: 

—Rapasiña, ti sabes canto me podería custar unha Alexa desas e onde se merca?

—Pois verá, nós aquí non as vendemos, pero vostede para que quere unha Alexa? —respondeu.

—Para ter con quen falar na casa, e como vexo pola tele que ti con falarlle ela xa che contesta, pois para sentirme acompañada.

Ollámonos en fite a dependenta e eu e ela díxolle: 

—Pero señora Rosa, vostede non ten dous fillos? Non pasa estas datas con eles?

—Meus probes, están cada un coas súas familias e non me han vir buscar, que un está a vinte quilómetros e o outro a cen.

Collín as bolsas pensando en cando unha nai deixa de ser parte dunha familia, e rumiei en canta xente pasa soa anos enteiros, sen ter sequera con quen falar.