O Festival Sinsal abre a convocatoria para participar nas ‘Audicións San Simón’, unha das actividades paralelas que terán lugar nesta edición do evento

‘Que é a música para ti?’ é a pregunta que o festival lanza ao público, quen poderá responder até o 21 de xuño a través dunha nota de voz cunha duración máxima de 10 segundos

As respostas poderanse escoitar, en aberto, nunha instalación que revivirá a primeira máquina de discos de música gravada situada no espazo público a finais do século XIX

As entradas para asistir ao festival están practicamente esgotadas, agás para a tarde do venres 21, unicamente dispoñibles desde o embarcadoiro de Meirande

‘Que é a música para ti?’: esta é a consulta que o Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo, lanza ao seu público. O evento ábrese á participación e presenta deste xeito a primeira das actividades paralelas musicais que, ao abeiro de A Escola Sinsal, o proxecto didáctico e divulgativo do festival, ofrecerá ás e aos asistentes. As respostas do público, que poderán chegar a través dunha nota de voz, formarán parte das Audicións San Simón, unha proposta que revivirá a primeira máquina de discos con música gravada instalada no espazo público a finais do século XIX.

A gramola, tamén coñecida coma jukebox, rockola ou máquina de discos (en galego tocadiscos de moeda), deuse a coñecer no espazo público un 23 de novembro do 1889 en San Francisco e converteuse nunha sensación pública, ademais dunha importantísima fonte de ingresos que salvou o fonógrafo de Edison do fracaso industrial. Consiste nun fonógrafo automático que reproduce un cilindro fonográfico e sustitúe a campá acústica por unha instalación de auriculares por tubo. Este enxeño mecánico fixo posible o a acción colectiva da escoita de música con auriculares: entre 10 e 12 persoas podían escoitar un audio ao mesmo tempo.

Coa idea de revivir e poñer en valor o feito da escoita colectiva de música, o festival propón, no marco das actividades vinculadas ao proxecto divulgativo A Escola Sinsal, unha instalación nomeada Audicións San Simón. Durante os tres días do festival, programaranse na illa unha serie de sesións en aberto onde as persoas interesadas poderán recuperar ese momento. Ademais, os cilindros a reproducir durante estas sesións serán gravados cos arquivos de audio que envíe o público a través da convocatoria ‘Que é a música para ti?’. Para participar, as persoas interesadas -asistentes ou non ao festival- poderán enviar, até o 21 de xuño, unha nota de voz, dun máximo de dez segundos de duración, respondendo a pregunta que dá nome á iniciativa, a unha liña de Whatsapp (+34 647 485 137) aberta especificamente para recoller os audios desta convocatoria. As respostas poderanse escoitar, de xeito colectivo, un mes despois na illa de San Simón, concretamente, na exposición da Escola Sinsal vinculada ao rexistro sonoro e que nesta edición afondará na gravación magnética e nos seus diferentes soportes. Alén da exhibición, e no marco das actividades que se realizarán como parte do proxecto divulgativo, o festival programará un taller específico sobre a fixación de música en soportes, concretamente, con cintas de cassete. 

SINSAL SON ESTRELLA GALICIA 2023

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Neste 2023, o festival celebrarase os días 21, 22 e 23 de xullo na Illa de San Simón. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e solistas que conformarán o cartel secreto: o público só coñece quen actúa cada día unha vez desembarque na illa. 

Este ano o evento contará con tres escenarios diferentes. Neles ofrecerase unha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras. Artistas de África, Asia, América e Europa presentarán por vez primeira en Galicia ou en España as súas creacións. Os abonos, así como as entradas de día para asistir o sábado 22 e domingo 23 están esgotados. ao As últimas entradas dispoñibles que se poden adquirir en enterticket.es son as da tarde do venres 21 desde Meirande. 

Durante o desenvolvemento do festival, ademais, as e os asistentes poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago conformado polas illas de San Simón e San Antón a través de diferentes actividades divulgativas gratuítas -como paseos con axentes sociais de proximidade, parladoiros ou mesmo talleres para público infantil- que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo das distintas xornadas, ao igual que as actividades enmarcadas no proxecto A Escola Sinsal.

20230531-NP-Audicions-San-Simon-Actividades-paralelas

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: Factura fartura fractura

Miguel Díaz, Factura fartura fractura

A factura feitura, a do facer. A factura vén protagonizada pola desidia. Polo descoidado de bordes afiados, de liñas áridas. Pola violencia das carreiras anuladoras.

A fartura xorde da repetición, da porfía ruidosa dun baleiro que oprime. A fartura do arame de espiño prensando o momento, anulándolle as ás. A fartura da frivolidade.

A fractura é a consecuencia. A chegada ao punto onde todo creba. A fractura renxe co vento da axitación perenne na que todo se expresa.

Factura fartura fractura.

Un abafa ante a factura do balbordo. Entre mans difusas que constrúen desvarío. Que elevan no tempo o seu desapego. Nun berro incansable e desnortado.

Un dilúese na fartura do baldío. No triste espectáculo caduco que trazamos. Na fartura do bandullo cheo de nada ou de bolboretas mortas que nos habitan.

Un aflíxese na fractura que provoca o acto de desoír a voz da vítima. De non concederlle un espazo de escoita que a considere. De negar un lugar ao fío que pode coser a ferida.

Factura fartura fractura.

Todo en demasía. Nunha velocidade que nunca é propia, que sempre é imposta e case nunca cuestionada. Nun proceso de evitación das verdades incómodas, no que eriximos unha realidade paralela na que, sen reparar, somos devorados por intrínseca violencia cando renunciamos á procura da xustiza. Cando nos desvencellamos da dor allea.

ZUMAQUE en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

ZUMAQUE en concerto este sábado, día 3 de xuño, ás 20 horas na Casa-Museo Manuel María.


Zumaque é unha formación integrada por catro músicos cunha longa traxectoria nos seus ámbitos musicais. A arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha dilatada experiencia na música sinfónica, o contrabaixista Alfonso Calvo e o percusionista Miguel Cabana, vencellados a múltiples proxectos do jazz e as músicas improvisadas, e o clarinetista Pablo Pascual, que desenvolveu a sua carreira en diversos ámbitos, mais sempre comprometido coa música tradicional galega.
Zumaque propón un percurso renovado polos diferentes ritmos da música tradicional cunha absoluta renovación estética, e cun importante espazo para a creación espontánea e a improvisación. O cuarteto procura pór en valor e dinamizar estruturas e harmonías da música tradicional, cunha tímbrica novidosa e uns arranxos coidados.

Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Proxección do documental “A Cidade da Selva” no Auditorio Municipal de Vilalba

O sábado 2 de xuño de 2023, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza unha nova actividade cinematográfica coa proxección do documental A CIDADE DA SELVA, FUXIDOS E GUERRILLEIROS NOS MONTES DE CASAIOdo director MIGUEL RIAÑO ROA, que estará presente no acto para coloquio.

Reserva de entrada (gratuíta) na páxina https://entradasvilalba.es e, igualmente, pódese facer esta xestión na Casa da Cultura ou, o mesmo día da proxección, na billeteira do Auditorio.

Nota-Informativa-CIDADE-DA-SELVA

Acto de doazón de exemplares da obra e da biblioteca de Darío Xohán Cabana na Biblioteca Rural de San Martiño de Pino [Galería fotográfica]

Na imaxe, familiares de Darío Xohán Cabana con representantes da Asociación Cultural de Pino

Na xornada vespertina do sábado 20 de maio, o local da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino acolleu o acto de doazón de exemplares da obra e da biblioteca de Dario Xohán Cabana. Dito espazo cultural resultou escaso para a afectuosa acollida manifestada pola veciñanza de Pino e doutros lugares que se achegou para recibir unha parte do legado literario do escritor (da parroquia natalicia de Roás, en Cospeito) a esta biblioteca rural chairega. A súa viúva Amelia, a súa filla Alexandra e a súa neta Leonor foron receptoras da gratitude e o agarimo que lles ofreceron as persoas que alí se congregaron.

O acto, organizado pola Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ, fíxose amigable e emotivo xa na intervención inicial da presidenta da citada asociación, Inés Lozano Carral, quen, coas súas palabras, quixo ser voceira do recoñecemento colectivo experimentado ante a dimensión de tal doazón literaria. Despois interveu Ana Castro Pardo que, atendendo ó seu labor docente, realizou un esbozo da figura de Darío Xohán Cabana. A continuación, o escritor Martiño Maseda recitou unha carta-poema creada ex professo para tal celebración. Un momento especialmente emocionante aconteceu cando se proxectou un vídeo con imaxes do propio Darío, no que tamén apareceron outras persoas que quixeron homenaxealo lendo textos das súas obras Galván en Saor e As aventuras de Breogán Folgueira. ou dicindo, a través dunha frase encadeada, unha inesgoble expresión de GRAZAS. Deseguido tomou a palabra Alexandra Cabana Outeiro que, ademais de realizar unha sentida defensa dos libros como un alimento vital necesario, declarou o seu agradecemento polos instantes acontecidos durante o acto de doazón. Agradecemento ao que se sumou a súa nai Amelia Outeiro, quen tamén trasladou a satisfacción de ver como froitos literarios do seu compañeiro de vida, Darío Xohán Cabana, repousaban nos andeis da Biblioteca Rural de Pino para que os desfrutasen as persoas usuarias de devandita biblioteca.

O evento rematou coa interpretación do himno galego por parte de Avelino Roca (secundado polo coro de voces das demais persoas asistentes) co acompañamento musical ao acordeón de Suso Álvarez. Aínda que a súa conclusión definitiva prolongouse coa conversa entre os presentes aderezada coa degustación dun ágape.

Enlace á GALERÍA FOTOGRÁFICA

https://drive.google.com/drive/folders/15JBBNRI9_I3Lx0IAvmxtECUp7x7bUp77?usp=share_link

*Reportaxe fotográfica realizada por José Manuel Pena Regueiro

Camiño Escena Norte reúne no 2023 a 15 compañías que ofrecerán teatro, danza e artes do movemento e novo circo en case 60 localidades

A quinta edición do programa de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia, celebrará a súa programación oficial do 17 de setembro ao 22 de outubro e incorpora a Navarra como quinto territorio do proxecto de xeito definitivo

As compañías galegas Caramuxo Teatro, Rebordelos e Xampatito Pato exhibirán, no marco do circuíto Itinerario Constelacións, os seus espectáculos CrisálidaAmantis e , respectivamente

O programa Cruzamentos favorecerá o encontro artístico e profesional entre oito compañías en Galicia, Cantabria, Euskadi e Navarra; entre as que se atopan as galegas Marta Alonso Tejada, Os Náufragos Teatro e Paula Quintas Cía 


Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega este ano á súa quinta edición sumandonovas sedes e escenarios, e unha semana máis de programación, ampliando así a oferta de anos anteriores. Do 17 de setembro ao 22 de outubro, 15 compañías ofrecerán espectáculos e actividades no marco dunha proposta apoiada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e cuxo eixe principal xira arredor do Itinerario Constelacións, o circuíto de representacións que chegará case a 60 localidades. 

Logo de ser o territorio convidado na pasada edición, Navarra únese a Camiño Escena Norte, definitivamente, como quinta comunidade do proxecto, grazas a un importante esforzo da financiación achegada polo goberno navarro, que permitirá programar en máis espazos da comunidade foral, ademais de aumentar as funcións das compañías navarras no resto dos territorios participantes. Incorpórase tamén como colaborador o goberno vasco, o que suporá un reforzo da programación de CEN 2023 na programación en Euskadi. 

Os 15 espectáculos participantes nesta edición foron seleccionados por 5 comisións profesionais de axentes do sector, unha por cada unha das comunidades implicadas no CEN. O programa amosa parte da mellor produción escénica profesional dos cinco territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas; producións para público adulto e familiar; e cunha destacada presenza da danza e artes do movemento, ademais do novo circo. 

Neste sentido, Galicia seleccionou ás compañías Caramuxo Teatro, co seu espectáculo CrisálidaRebordelos, con Amantis; e Xampatito Pato conSó. Pola súa banda, Asturias intervirá no intercambio cultural de CEN con Saltantes Teatro e Misery; Luz de Gas con Luna; e Proxecto Piloto, que representará La bestia negra

A participación de Cantabria virá da man de Ábrego Teatro con Lear en las catedralesMalabaracirco Producciones Artísticas con Circus Magníficus, e Mari Paula, que presentará Fronterizas. Euskadi seleccionou os traballos de Aboon Teatre, que participará con Baby esfericEva Guerrero, con Gorpuztu; e Tanttaka Teatroa, que ofrecerá Sexberdinak. Finalmente, Navarra consolida a súa presenza no Camiño Escena Norte con outras tres propostas artísticas da man de Inextremis e El rey tuerto; Led Silhouette e Los Perros, Levelibular co seu Portamundos

Cruzamentos

Xunto ao Itinerario Constelacións está outa das liñas centrais do Camiño Escena Norte: o programa Cruzamentos, deseñado para promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías. Nesta quinta edición, esta rede de estancias artísticas e profesionais -que se enmarca na programación expandida do CEN, con distintas accións para o público e para as e profesionais- desenvolverase desde o 17 de agosto e verase reforzada coa incorporación de Navarra. A través desta iniciativa, as compañías residentes terán a oportunidade de compartir experiencias e recibir asesoramento por parte das compañías locais sobre a posta en escena dos seus proxectos.

As seleccionadas neste 2023 son, no caso de Galicia, a proposta de Marta Alonso Tejada e Lasala (Euskadi) para traballar nos proxectos Shine + Dancin’ Queen. En Cantabria, o proxecto elixido é o da compañía local Escena Miriñaque, que convida á galega Os Náufragos Teatro para investigar arredor dunha instalación-espectáculo inmersivo para bebés dentro de Meeting Baby. Pola súa banda, en Euskadi a compañía residente será a galega Paula Quintas Cía, que ofrecerá unha mirada externa sobre o espectáculo Me arrepiento da vasca Node. E, no caso navarro, a proposta seleccionada reunirá a Dinamo Danza (Navarra) e Mari Paula (Cantabria). Nesta estancia abordarase a mirada externa sobre as pezas Lake y 5778K e Luz. A estancia asturiana quedou deserta ao non se presentar ningún proxecto que involucre unha compañía con sede no Principado de Asturias. 


Catálogo de Espectáculos Recomendados CEN

Unha das novidades de CEN 2023 será o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha selección de 30 producións realizada polas comisións profesionais de CEN que levarán o selo Espectáculo Recomendado Camiño Escena Norte. Esta marca de calidade servirá de promoción e apoio á distribución dos mesmos fóra do ámbito do proxecto. O catálogo editarase en formato dixital e enviarase a un total de 400 profesionais da programación das comunidades do proxecto e do resto do Estado. Precisamente o programa do Itinerario Constelacións deste ano saíu desta selección, nun proceso de programación colaborativa entre a organización e sedes adheridas. O catálogo pódese consultar no seguinte enlace: https://bit.ly/3MCeKT9


Quinta edición de Camiño Escena Norte

CEN naceu en 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor os camiños a Santiago de Compostela. Desde o seu inicio, CEN levou o teatro e a danza a escenarios alonxados, en moitos casos, dos circuítos habituais de representación, ofrecendo así a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios e localidades que non poden gozar, con regularidade, deste tipo de espectáculos. 

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) eESNA (Navarra), que se incorpora este ano como entidade promotora no territorio. Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto. 

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades implicadas: a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); o Goberno do Principado de Asturias; o Goberno de Cantabria; o Goberno vasco; a Deputación Foral de Araba, a Deputación Foral de Bizkaia e a Deputación Foral de Gipuzkoa; o Goberno de Navarra; e o Goberno de España a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música (INAEM) e o Ministerio de Cultura y Deporte. Colaboran tamén a Deputación Provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo. 

Nesta quinta edición, Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial e a marca lucense Cafés Candelas incorpórase como empresa colaboradora.

20230525-NP-Avance-CEN-2023-Galicia