Título: Factura fartura fractura
A factura feitura, a do facer. A factura vén protagonizada pola desidia. Polo descoidado de bordes afiados, de liñas áridas. Pola violencia das carreiras anuladoras.
A fartura xorde da repetición, da porfía ruidosa dun baleiro que oprime. A fartura do arame de espiño prensando o momento, anulándolle as ás. A fartura da frivolidade.
A fractura é a consecuencia. A chegada ao punto onde todo creba. A fractura renxe co vento da axitación perenne na que todo se expresa.
Factura fartura fractura.
Un abafa ante a factura do balbordo. Entre mans difusas que constrúen desvarío. Que elevan no tempo o seu desapego. Nun berro incansable e desnortado.
Un dilúese na fartura do baldío. No triste espectáculo caduco que trazamos. Na fartura do bandullo cheo de nada ou de bolboretas mortas que nos habitan.
Un aflíxese na fractura que provoca o acto de desoír a voz da vítima. De non concederlle un espazo de escoita que a considere. De negar un lugar ao fío que pode coser a ferida.
Factura fartura fractura.
Todo en demasía. Nunha velocidade que nunca é propia, que sempre é imposta e case nunca cuestionada. Nun proceso de evitación das verdades incómodas, no que eriximos unha realidade paralela na que, sen reparar, somos devorados por intrínseca violencia cando renunciamos á procura da xustiza. Cando nos desvencellamos da dor allea.