O Noia Harp Fest preséntase en Castela e León, Asturias e Navarra

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia presenta estes días a programación da súa décima edición en conservatorios e espazos culturais das localidades de Pamplona, Xixón, Valladolid e Salamanca da man da arpista Beatriz Martínez

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único certame de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, preséntase estes días nas comunidades de Asturias, Castela e León e Navarra. O dúo conformado pola arpista Beatriz Martínez e o guitarrista Diego Langarika está a realizar este mes de maio unha pequena xira de recitais nos conservatorios ou espazos culturais das cidades de Pamplona, Salamanca, Valladorlid e Xixón coa colaboración do Xeodestino Ría Muros-Noia, á fin de dar a coñecer tanto a décima edición do certame galego coma o valor patrimonial do territorio no que se desenvolve.

Logo de visitar o Conservatorio Pablo Sarasate (Pamplona) e a Biblioteca Pública Jovellanos (Xixón), esta semana o 10º Noia Harp Fest presentarase no Conservatorio Profesional de Música de Valladolid (25 de maio, 19:15 horas) e no Conservatorio Profesional de Música de Salamanca (26 de maio, 20:00horas).

NOIA HARP FEST

A décima edición do Noia Harp Fest (NHF), dirixido por Rodrigo Romaní, celebrarase do 3 ao 6 de agosto na vila coruñesa.  No seu cartel conflúen, desde hai dez anos, solistas e grupos de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais todos eles unidos pola interpretación musical a través da arpa. Este verán NHF reunirá en Noia a diferentes bandas e solistas de Alemania, Escocia, España, Francia e Irlanda, ademais dunha mostra representativa do talento máis próximo a través da orquestra folk SonDeSeu e do alumnado das escolas de arpa de Galicia.

Os concertos, de acceso libre e dunha notable calidade artística, celébranse en horario de tarde tanto a ceo aberto coma no interior de recintos culturais da vila de Noia, cuxo Concello é patrocinador do evento, coa intención de favorecer o achegamento ao instrumento por parte de públicos de todas as idades.

Unha das principais novidades deste 10º Noia Harp Fest será a estrea absoluta de tres creacións. Entre elas está Hibrysdo hispano-arxentino Alejandro Civilotti, a obra gañadora da primeira edición do premio internacional de composición Portus Apostoli, patrocinado polo Concello de Noia. A Real Filharmonía de Galicia será a responsable de interpretar unha peza que se poderá escoitar, por vez primeira, o sábado 5 de agosto na praza do Tapal de Noia. 

20230524-NP-Presentacions-de-Noia-Harp-Fest-en-Castela-e-Leon

Faltriqueira na Fábrica de Chocolate

Na historia do grupo FALTRIQUEIRA, o club vigués A Fábrica de Chocolate marca unha etapa na que as mozas de Pontedeume estaban dentro da familia de management que hoxe é Esmerarte.

Con eles coñeceron as entrañas da cidade da man de Xurxo Fernández e afianzaron amizades como as de Xoel López, Kim Martínez, Eladio Santos ou o propio director da sala de concertos Marcos Vázquez.

A roda xira que xira e nós con ela sen final, así que, a visita do grupo de cantareiras removerá lazos de complicidade e brindará a oportunidade de gozar na noite do 2 de xuño dunha reunión de afectos na que se escoitarán, ademais, a voz de Eladio, as percusións de David Outomuro e os enxeños de Marcos Vázquez.

Faltriqueira acode á cita cunha formación que consolida o seu estilo puro e transgresor con catro voces, percusións e o acordeón de Jorge Juncal.

No repertorio ofrece un avance do novo traballo que está xestando, “Nacenza“, temas que se sumarán aos clásicos da súa listaxe artística que superan xa os 20 anos.

Entradas anticipadas 10 euros, 12 en billeteira.

Entradas anticipadas aquí:

https://www.woutick.es/evento/25187/entradas-faltriqueira?place=157&date=02-06-2023&time=21:30&showId=33684

UN SACO DE CONTOS, con Ángeles Goás, este sábado na Casa-Museo Manuel María

De Abadín chega este próximo sábado, á Casa-Museo Manuel María, a narradora oral Ángeles Goás que levará a cabo unha contada dirixida para as crianzas, a partir de 5 anos, e as súas familias. Traerá, xunto con ela, un enorme saco máxico cheo de historias que trocará por rimas, refráns, trabalinguas…

Sábado, 27 de maio, ás 17 horas. Reservas (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Conferencia “Francisco Fernández Del Riego. Un loitador pola idea de Galicia”, de Malores Villanueva, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), dentro dos actos programados co gallo das Letras Galegas’ 2023, organiza a conferencia que leva por título “FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. UN LOITADOR POLA IDEA DE GALICIA”, que será impartida por MALORES VILLANUEVA, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), profesora, tradutora, editora e crítica literaria. É autora do libro co mesmo nome, editado por Galaxia.

O acto terá lugar o venres 26 de maio de 2023, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

NOTA_INFORMATIVA_MALORES-VILLANUEVA

Proxección da película MATRIA no Auditorio Municipal de Vilalba

O sábado 27 de maio de 2023, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración con Concello de Vilalba, organiza unha nova proxección de cine galego coa longametraxe MATRIAdo director ÁLVARO GAGO. Estará presente na proxección a actriz protagonista da película, MARÍA VÁZQUEZ.

Nesta ocasión, para poder presenciar a película haberá que facer a reserva online na páxina https://entradasvilalba.es e, ademais, de xeito excepcional, aboar a cantidade de 3,50 € (cantidade que vai destinada á distribuidora do film). Así mesmo, pódese facer esta xestión na Casa da Cultura ou, o mesmo día da proxección, na billeteira do Auditorio.

NOTA_INFORMATIVA_MATRIA-copia

Andanzas do Suso de Lameliña. DOUS RELATOS BREVES

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

DOUS RELATOS BREVES

VIAXANDO DESDE O PUPITRE

Da escola, o que máis me gustaba eran os mapas pendurados nas paredes da aula. Se a tarefa non era do meu agrado, a vista íase a un deles e cando me descoidaba estaba enMula ou en Trujillo. Que viaxes aqueles, pola Península, Europa, América!
E xa non digamos, cando me caía nas mans un atlas, poder ir a sitios como Kilimanjaro, Popocatépetl, Haway, China ou as Illas Bora Bora, non había diñeiro que o pagase. Tamén me resultaba moi curioso atopar nomes de cidades españolas en América: Córdoba, Toledo, Guadalajara… Non comprendía aquelas duplicidades.
E despois estaban aqueles mapas mudos que para aforrar, tiñamos que calcar e pintarlles as cordilleiras, mares, lagos, ríos… para logo ir escribindo neles os nomes de todo o que aprenderamos o día anterior.
Nunca esquecerei as illas norueguesas, Illas Lofoten. Cada vez que nos tocaba dicirllas ao mestre, tiñamos que ter coidado de non botarnos a rir se non queríamos recibir unha boa labazada.
Pero do norte de Europa o que máis me prestaba era repetir como se fose unha ladaíña, os estreitos do Báltico: Skagerrak, Kattegat, Sund, Gran Belt e Pequeno Belt.
E así, a pesar de tratarse dunha educación totalmente memorística, eramos capaces, grazas a imaxinación, de trocar aqueles nomes memorizados á forza nunha marabillosa viaxe, sen saír do noso pupitre.

UNHA XANELA NA NOSA VIDA

Sempre hai unha xanela na nosa vida que destaca sobre todas as outras. Eu quedaríame coa da cociña da miña casa de Castroverde. Sen lugar a dúbidas foi a xanela a que máis veces me asomei. Desde alí podía ver as leiras da Ferrería ( hoxe atópase o Centro escolar e outras vivendas), pero sobre todo ao fondo destacaba o Castelo e as choias rebulindo en torno a el. Esa imaxe levareina sempre gravada na retina.
Outra xanela, que ben podía competir con esta, é a da cociña do piso de A Veiga. Desde alí a vista non tiña nada que ver coa de Castroverde. O primeiro que se divisaba era o río Monjardín, e en lugar de choias, o que por alí buligaban eran bandadas de muxes e nenoscoas canas á captura dalgún. Pasado o río, aparecían as primeiras casas do barrio do Fondrigo. A maiores, sempre fisgaban por alí as clásicas gaivotas que viñan da ría, sobre todo cando lles arrebolaba faragullas de pan, as que axilmente apañaban ao voo.