HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ASUBIANDO

O verso e o amor, na súa expresión torpe, insuficientes. Se cabe pola súa limitación, sexa en modo, tempo ou dimensión. O verso e o amor, con potencial infindo pero acotío debuxados con trazo dubidoso, en esbozo inútil, en expresión indecisa. Temerosos ambos, reducidos a un tecido infame de situacións que os devoran. O verso, teimudo pero exiguo. O amor, persistente pero silenciado. Os dous da man, asubiando na primavera, como asubían as flores da cerdeira neste oído meu desencantado pero insurrecto.

Presentación do libro “Non apartes a mirada do espello”, de Ticiana Ghiglione Darriba, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “NON APARTES A MIRADA DO ESPELLO”, de TICIANA GHIGLIONE DARRIBA (artista multidisplinar, licenciada en Belas Artes). 

O acto terá lugar o venres 12 de abril de 2024, ás 20:00 horas, no Vestíbulo de Auditorio Municipal de Vilalba. Será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, e contará tamén coa presenza de Pilar Maseda, poeta, e a intervención de Susana Pérez, da Escola Municipal de Teatro. ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR AFORO.

Información sobre o libro

No mes de marzo saíu á luz o libro de relatos de Ticiana Ghiglione Darriba «Non apartes a mirada do espello». Este libro é o resultado dun incesante traballo da autora, no que se reúnen contos que, como sinala súa recensión son «por momentos ásperos no sentido de impulsarnos a lembrar aspectos da condición humana que preferiríamos descoñecer (…) «historias inquietantes que nos levan a observar o noso interior na procura das sombras».

Este libro, ademais de relatos, vén acompañado por ilustracións, unha sorte de visión gráfica que fortalece o texto e agrega outra mirada, neste caso visual, a un texto que conmove dende as palabras e a gráfica.  

Non apartes a mirada do espello é unha compilación de relatos bilingüe (galego e castelán) prologado por María Xosé Porteiro, quen afirma o seguinte: «unha sorte de montaña rusa que combina a ironía aguda –por veces cáustica, sen perdóns nin coartadas– coa vertixe do chan desaparecendo baixo os nosos pés ao tempo que unhas cóxegas infernais electrizan a nosa espiña dorsal».

O libro foi presentado en Pontevedra, en Ribadeo, en A Coruña, en Sarria e o 11 de abril será presentado en Lugo, ás 20.30h, en O Vello Cárcere, coa presenza de Carmen Conde, que realizará xunto coa autora unha performance interactuando co público presente. E o 12 de abril ás 20:30h no Auditorio de Vilalba será presentado por Marisa Barreiro (Presidenta do IESCHA) e Pilar Maseda (poeta). Tamén acompañará para a realización dunha performance, Susana Pérez da Escola Municipal de Teatro. Seguirán moitas presentación ao longo do país.

Ticiana Ghiglione Darriba, artista multidisplinar, licenciada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo, naceu en Bos Aires en 1982 e vive en Galicia dende 1992. Como artista realizou múltiples mostras de pintura, individuais e colectivas. Ademais traballou no eido audiovisual, comisariou exposicións e levou adiante a xestión de moitos proxectos de índole cultural. Acadou varios recoñecementos polo seu traballo como artista, escritora e realizadora de curtas audiovisuais. É a creadora do personaxe de viñetas chamado Dina Mita, presente en moitos medios de comunicación como Sermos Galiza, Diario de Pontevedra, Muller Art e Onda Cero. En 2018, publicou o libro Dinamitadas, el despertar de la ironía, unha compilación de viñetas de Dina Mita, que conta con dous prólogos: un de Xaquín Marín e outro de Xesús Alonso Montero

Non apartes a mirada do espello é o segundo libro de Ticiana Ghiglione Darriba e o primeiro de relatos.

Ourense súmase á xira galega do espectáculo IRIBARNE

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá, o sábado 27 de abril, ás 20.30h, a última creación de ButacaZero, escrita por Esther Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira

As entradas para a función están xa á venda a través de Ataquilla:

https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/auditorio-municipal-de-ourense/17309–iribarne.html

Paralelamente, a Libraría Eixo acollerá a presentación do libro de IRIBARNE,da man do equipo artístico, mañá martes, 9 de abril, ás 19.30h

Este mesma semana, o libro tamén se presentará en Catoira, o sábado 13 de abril, ás 20.00 horas, na Sala Celso Emilio do Edificio Multiusos

IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

Ourense, 8 de abril do 2024.- Ourense súmase á xira galega de IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, este mes de abril. A revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira poderá verse no Auditorio Municipal de Ourense o sábado, 27 de abril, ás 20.30 horas. As entradas para a función están xa á venda a través de Ataquilla: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/auditorio-municipal-de-ourense/17309–iribarne.html

En paralelo á representación do espectáculo, o público de Ourense poderá coñecer máis detalles sobre o proxecto coa presentación do libro de IRIBARNE, editado por Edicións Positivas, este martes, 9 de abril, ás 19.30h, na Libraría Eixo, que, con este evento, inicia un mes de abril cheo de actividades con motivo do seu 25 aniversario. No acto estarán presentes, ademais da autora da peza, Esther Carrodeguas, o director, Xavier Castiñeira, e máis o elenco da mesma case ao completo (Anxo Outumuro, Jorge de Arcos, Xurxo Cortázar, e Lidia Veiga). Asimesmo, o sábado 13 de abril, haberá outra presentación do libro en Catoira, da man de Esther Carrodeguas, Xavier Castiñeira e o editor do libro Paco Macías. Será na Sala Celso Emilio do Edificio Multiusos, ás 20.00 horas.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. 

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

UNHA EXITOSA XIRA

Desde a súa estrea en Galicia, en Vilalba -cidade natal do político-, o pasado mes de xaneiro, IRIBARNE pasou xa por Santiago, Pontevedra, Vilagarcía e A Coruña, entre outras localidades, coa platea ateigada e o público entregado en todos os recintos visitados. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. Dentro de súa xira galega, IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia– ten previsto recalar en Lugo (11 de abril), Tomiño (20 abril), Ourense (27 de abril), Cangas (4 maio), Narón (18 maio) e Ribadavia (xullo). A peza visitará, tamén, outras cidades do Estado, como Bilbao (9 maio) ou Vitoria (7 xuño).

Recentemente fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.

MÁIS CA TEATRO

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas e a un prezo de 15 euros. A súa adquisición tamén é posible nos espazos onde se representa a obra.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín#camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

CONTACTO DE PRENSA BUTACAZERO

Luisa Castiñeira – 620 113 155 I Bea Pérez – 604 070 409 I prensa@theofficeco.es

DESCARGA KIT DE PRENSA | https://cutt.ly/Iribarne

CONVERSAS

·       Manuel Rivas: https://youtu.be/nTGC5te-xzI?si=mM4woYU040CjXvyw

·       Xesús Palmou: https://youtu.be/1x_G-9tp3-U?si=j1kzWFyb0BmSG6v3

·       Encarna Otero: https://youtu.be/b6z4RG1Uy0Y?si=5Ms9onBGURtRsW4m

MÁIS INFO | https://butacazero.com

XIRA IRIBARNE | DATAS CONFIRMADAS

LUGO I Auditorio Municipal Gustavo Freire | xoves 11 abril | 20.30 h

https://entradaslugo.es/evento/iribarne?type=teatro

TOMIÑO I Auditorio Municipal de Goián | sábado 20 abril | 21.00 h

OURENSE | Auditorio Municipal de Ourense | sábado 27 de abril | 20.30 h

https://pago.ataquilla.com/#/event/X3AFV58X/session/1T6NDZAM7?lang=gl

CANGAS I Auditorio Municipal de Cangas (Auditorio Xosé Manuel Pazos) | sábado 4 maio | 20.00 h

https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/auditorio-municipal-de-cangas/16988–butacazero-presenta-iribarne.htmliribarne

BILBAO I Teatro Arriaga | xoves 9 maio | 19.30 h

NARÓN I Pazo da Cultura | sábado 18 maio | 20.00 h

https://www.padroadodecultura.es/es/espectaculos/evento/iribarne

VITORIA I Teatro Principal de Vitoria | venres 7 xuño | 19.30 h

https://principalantzokia.janto.es/

RIBADAVIA I Auditorio do Castelo | MIT Ribadavia 2024 (19-27 xullo)

20240408-NP-IRIBARNE-Ourense

Presentación do libro “Natureza, camiños, emocións”, de Xosé Manuel Lobato, na igrexa de San Xoán de Antas de Ulla

O sábado 6 de abril ás 18 h. presentarase na Igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla o libro de Xosé Manuel Lobato, Natureza, camiños, emocións.
Intervirán na presentación Pilar García Porto, alcaldesa de Antas de Ulla; o autor do libro; o escritor e tradutor Francisco Xavier Senín, e, representando ao IEU, Xaime Rodríguez Ouro.
No acto, o escritor e poeta boqueixonés Xosé Manuel Lobato leranos o seu relato sobre as torrentes de Mácara, un dos enclaves máis fermosos do Alto Ulla que precisa dunha estrita protección.

ANTÍA MUÍÑO en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este próximo sábado, 6 de abril, teremos oportunidade de escoitar  na Casa-Museo Manuel María unha desas novas voces da música galega, Antía Muíño, que dará un concerto en solitario ás 20 horas.

O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional e o seu talento levouna a colaborar con artistas como Xabier Díaz, Baiuca… Este ano publicou o novo sinxelo “O Paxaro” e xa está a traballar en novos temas, que acompañarán nos directos ao seu aplaudido “Carta Aberta”, o seu álbum debut que ten case 2 millóns de reproducións.

Antía Muíño acompañará a súa voz coa súa guitarra clásica e coa pandeireta, intercalando a intimidade e o virtuosismo das súas autorías coa potencia da percusión e o canto tradicional.

Para asistir ao concerto (billete 5 euros) é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Deixámosvos a seguinte ligazón para poder ouvir unha peza da súa autoría sobre o poema de Manuel María “Terra”, pertencente ao libro Mar Maior (1963):

Representación teatral da obra A LIORTA, a cargo do grupo Avelaíña Teatro, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a representación teatral A LIORTA a cargo do grupo AVELAÍÑA TEATRO, dirixido por ANTONIO SIMÓN.

O acto terá lugar o sábado 6 de abril de 2024, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.

NOTA-INFORMATIVA-A-LIORTA